89 [= Tav 78,23]
Se eu a mia sennor ousasse

Se eu a mia sennor ousasse
por algũa cousa rogar,
rogar-ll’-ia que me leixasse
u ela vivesse morar;
e rogar-ll’-ia outra ren:
que o pesar, que ouvesse én,
que toda via mi-o negasse,
por Deus, e que de min pensasse,
de que nunca quiso pensar,
e de mia cuita se nembrasse,
de que se nunca quis nembrar,
nen Deus, que mi-a fez tan gran ben
querer, per que perdi o sén,
e nunca quis que o cobrasse.
E, se m’ela por Deus mandasse
o que me nunca quis mandar
(que me non fosse e que ficasse
ali u ela ouvess’estar),
a mui gran coita’n que me ten
lle perdõasse Deus por én,
e máis, se ll’ela máis rogasse.
E coid’eu que lle perdõasse
se quisess’ela perdoar
a min, e non quant’al achasse
que ll’eu fige senon cuidar;
e, se ll’esto disser alguen,
que éste mal, diga-lle quen
quis Deus fazer que non cuidasse.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 23, B 116

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 51-52 [= LPGP 522]); Littera (2016: I, 636).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 42-43); Carter (2007 [1941]: 16); Machado & Machado (1949: I, 164-165); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 89).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 31-32); Diogo (1998: 36-37).

Variantes manuscritas


1 Se eu] Se(n) eu B   3 rogar-ll’-ia] rogarlia A   5 rogar-ll’-ia] rogarlia A   6 ouvesse én] ouussem B   9 de que nunca quiso pensar] du nūca qⁱ se penssar B   10 cuita se nembrasse] coita se uēbrasse B   11 se nunca] nūca se B   12 fez] fes A   13 per] pʳ B   16 me] mj B   17 fosse, e que ficasse] fosse q̄ firasse B   19 mui] mūi A; coita’n] coita B   20 lle perdõasse] lhi ꝑdoasse B   22 coid’eu que lle] cuydeu q̄lhi B   24 quant’al] qʷndal B   25 fige] figi B   27 éste] est B; lle] lhi B   28 non] no B

Variantes editoriais


3 ll’] l’ Michaëlis   5 ll’] l’ Michaëlis   6 ouvesse] ouvess(e) Michaëlis   10 cuita] coita Littera   17 fosse e] foss(e), e Michaëlis : foss’e Littera   22 coid’] cuid’ Littera   23 perdoar] perdõar Michaëlis, Littera   24 quant’al] quand’al Michaëlis   27 éste] est’é Michaëlis

Paráfrase


(I) Se eu me atrevese a rogar á miña señora por algunha cousa, rogaríalle que me deixase morar onde ela vivise; e rogaríalle outra cousa: que o pesar que por iso sentise mo ocultase de calquera modo, (II) por Deus!, e que por min se preocupase máis do que nunca se quixo preocupar, e que se lembrase da miña coita, de que nunca se quixo lembrar, nin Deus, que ma fai tanto amar, polo que perdín a razón e nunca quixo que a recobrase. 

(III) E se ela por Deus me mandase o que nunca me quixo mandar –que non me fose e que ficase alí onde ela habería de estar–, Deus lle perdoase por iso a coita moi grande en que me ten, e máis (lle perdoase), se lle ela máis rogase. 

(IV) E coido eu que (Deus) a perdoaría se ela me quixese perdoar a min, e non (tería que perdoarme) outra cousa que achase que eu lle fixen, agás pensar (nela); e se alguén lle dixer que iso está mal feito, dígalle (tamén) a quen quixo Deus facer que non pensase.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8’a 8b 8’a 8b 8c 8c 8’a (= Tav 100:57)

Encontros vocálicos: 6 ouvesse‿én; 7 mi-‿o; 12 mi-‿a; 17 fosse‿e; 18 ela‿ouvess(e)

Notas


Texto
  • *

    Obsérvese a presenza de rimas derivativas nalgunhas estrofas e versos ao longo da composición (II.8-9, 10-11; III.15-16; IV.22-23). Cfr., porén, a cantiga 982, de Pero da Ponte.

  • 2

    Neste verso aparece a única confusión gráfica <-s>/-z> no Cancioneiro da Ajuda (<fes> fez), que debe ser posta en relación con outras que se documentan neste manuscrito. Véxanse tamén notas a 66.21, 69.7, 80.10 e 88.15.

  • 3-5

    Nestes dous versos, xunto con 238.13, 252.6 e 317.16, en A rexístrase aparentemente a forma le para o pronome lle, conservado en Michaëlis como posíbel testemuño da forma arcaica do pronome (procedente do lat. ĭllī), que se atesta por veces en textos prosísticos e mais nas Cantigas de Santa Maria. Na realidade, é dificil determinar se se trata dun lapso de escrita con omisión de <l> (cfr., por exemplo, <filei> por <fillei> en 132.9 e 10, 133.4, ou <alur> por <allur> en 403.3) ou se verdadeiramente son formas reais. Cfr. nota a 423.18.

  • 5-7

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética: e rogar-ll’-ia outra ren: / que o pesar, que ouvesse én, / que toda via mi-o negasse. Véxase nota a 53.17-18.

  • 9

    Nesta cantiga rexístranse tres diferentes formas da P3 de pretérito de querer, xa que conviven o quiso bisilábico deste verso (coa variante quise en B) co quis monosilábico nos vv. 14 e 16.

  • 18

    A sinalefa máis probábel neste verso é ela‿ouvess(e), no encontro de dúas vogais átonas.

  • 19

    Nótese a grafía <mu͂i>, posibelmente cunha indicación errada de nasalidade, aínda que se ten querido ver nesta forma o antecedente do moderno muito portugués, habitualmente con pronuncia nasalizada.

    Por outra parte, preposición en presenta unha crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 199.14). Véxanse tamén 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  • 24

    A combinación do indefinido al co relativo quanto, tanto en al quanto (784.18), como en quanto ... al (227.6) e, sobre todo, quant’al (89.24, 134.13, 215.7 e 9, 267.21, 416.20, 447.5, 1045.20, 1195.16 e 1327.16) constitúe unha locución indefinida relativa co significado de ‘todo aquilo que, todo canto’.

  • 27

    É verdadeiramente forzada a lección michaëliana est’é (con reiteración do demostrativo, xa presente no v. 26) para evitar a forma verbal éste (cfr. nota a 67.8). Independentemente de que <este> sexa a forma verbal éste (P3 do presente indicativo de seer) ou a suma do demostrativo este co verbo é (est’é), é moi frecuente en B (vs. A) a aparición de <est>, aparente latinismo, con ausencia de vogal final e a consecuente hipometría versal. Véxanse 65.471.6, 182.26, 197.18, 302.21, 317.2, para alén daqueles casos en que éste aparece en cantigas transmitidas só polos apógrafos italianos: 184.15, 204.18, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1456.12, 1625.1, 1652.2 e 1667.17. Véxase Ferreiro (2008a).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado