302 [= Tav 147,19]
Un dia que vi mia sennor

Un dia que vi mia sennor
quis-lle dizer-lo mui gran ben
que ll’eu quer’e como me ten
forçad’e preso seu amor,
e vi-a tan ben parecer
que lle non pude ren dizer.
Quant’eu puge no coraçon
me fez ela desacordar,
ca, se ll’eu podesse falar,
quisera-lle dizer enton,
e vi-a tan ben parecer
[que lle non pude ren dizer].
Seu medo, poi-la vi atal,
que ouve me tolleo assi,
ca lle quisera falar i
de como me faz muito mal,
e vi-a tan ben parecer
[que lle non pude ren dizer].
Pero m’ela non ten por seu,
mui gran verdade vos direi:
meu mal éste quanto ben ei,
e fora po-lo dizer eu,
e vi-a tan ben parecer
[que lle non pude ren dizer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


A 191, B 342

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 374-375); Barbieri (1980: 47-48 [= LPGP 917]); Littera (2016: II, 469-470).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 125); Carter (2007 [1941]: 112-113); Machado & Machado (1950: II, 101); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018: 302).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 15); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 217).

Variantes manuscritas


2 lle dizer-lo] lhi dizer o B   4 forçad’e] forcade B   5 e] C B   6 lle non pude] lhi non pudi B   7 puge] pugi B   8 me] mi B   10 lle] lhi B   11 e] O B   13 vi] nj B   14 ouve me tolleo] ouuj me tolhen B   15 lle] lhi B   17 e] C B   18 ten] ren B   20 éste] est e B   22 e] C B

Variantes editoriais


2 lle dizer-lo] lhi dizer o Barbieri : lhe dizer o Littera   4 preso] pres’o Michaëlis, Barbieri   6 lle ... pude] lhi ... pudi Barbieri   7 puge] pugi Barbieri   8 me] mi Barbieri   10 lle] lhi Barbieri   12 lle ... pude] lhi ... pudi Barbieri   14 ouve] ouvi Barbieri; tolleo] tolheu Michaëlis, Barbieri, Littera   15 lle] lhi Barbieri   18 lhe ... pude] lhi ... pudi Barbieri   20 vos] vus Michaëlis, Barbieri   21 éste] est e Michaëlis : est’é Barbieri   24 lle ... pude] lhi ... pudi Barbieri, Littera

Paráfrase


(I) Un día en que vin a miña señora quíxenlle dicir o moito que a amaba e como me ten forzado e preso o seu amor, mais vina tan fermosa que non lle puiden dicir nada.

(II) Todo o que eu pensei (dicirlle) ela mo fixo esquecer, porque, se eu lle puidese falar, quixérallo dicir daquela, mais vina tan fermosa que non lle puiden dicir nada.

(III) O medo que tiven dela, xa que a vin tan fermosa, paralizoume así, porque lle querería falar alí de como me fai tanto mal, mais vina tan fermosa que non lle puiden dicir nada.

(IV) Aínda que ela non me considera seu (servidor), direivos unha gran verdade: o meu mal é o ben que teño, e fun para llo dicir, mais vina tan fermosa que non lle puiden dicir nada.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C (= Tav 160:384)

Encontros vocálicos: 14 to·lle͜o

Notas


Texto
  • 2

    A secuencia <r-l> (e <s-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con infinitivos debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga. Neste sentido, a lección de B indica que nos restantes casos en que aparentemente non existe asimilación talvez haxa que a supor tamén, coa pronuncia correspondente. Véxase tamén nota a 5.10.

    En calquera caso, ao longo do corpus achamos diverxencias de representación gráfica destas asimilacións, ás veces con grafías ambiguas que non indican explicitamente tal asimilación; é maioritaria a representación da asimilación en A (vs. BV), moitas veces con formato arcaizante: negar-lo-ei A vs. nega-lo-ei B (254.6), dizer-lo mui gran ben A vs. dizer o mui gran ben B (302.2), perde-lo sén A vs. perder o sén BV, “sennor”-la chamaria A vs. “senhor” a chamaria BV (807.7), partir-lo coraçon B vs. parti-lo coraçon V (965.11). Noutras ocasións, acontece á inversa: perder o sén A vs. perde-lo sén BV (210.8), se fezer / mia sennor o que ten no coraçon A vs. se fezer / mia senho-lo que ten no coraçon BV (222.14). Cfr. nota a 48.14217.10.

  • 4

    Visto que a utilización do artigo co posesivo en función adxectiva é minoritaria, é desnecesaria a segmentación pres’o seu amor, presente en Michaëlis e Barbieri.

  • 7

    Na P1 de pretérito dos verbos fazer, querer e põer, rexístranse no corpus trobadoresco profano, en competencia con fiz, quis (e pus, que non se atesta), as formas palatalizadas, bisilábicas, fige ~ figi, quige ~ quigi e puge ~ pugi, produto da influencia do -ī final latino sobre [dz] ou [z] nas bases fēcī, *quēsī e posuī (véxase Ferreiro 1999: §20a; Ferreiro 2016a: 127-132). Cfr. nota a 95.13.

  • 8

    Desacordar ‘esquecer’ é ocorrencia única, aínda que o participio desacordado ‘sen acordo e/ou siso’ é máis frecuente (904.10, 1524.14, 1529.8 e 16).

  • 10

    Dizer vai sen complemento directo porque neste contexto significa simplemente ‘falar’.

  • 13-14

    Na lingua dos trobadores achamos unha utilización do posesivo seu que funciona como artigo, ao tempo que indica a relación de terceira persoa, como acontece nesta pasaxe. Enténdase, por tanto: ‘O medo que lle tiven á senhor, pois vina moi fermosa, paralizoume...’.

  • 14

    A desinencia analóxica (gráfica) -eo na P3 dos pretéritos da segunda conxugación, con -o gráfico final, é máis escasa no corpus trobadoresco do que nos verbos da terceira conxugación (-io), xa que en todo o corpus só se atestan as seguintes formas: tolleo (302.14), morreo (384.7, 20, 29 e 31), viveo (640.2), naceo (927.8), prometeo (1340.30), pereceo (1448.26), vendeo (1467.2), pareceo (1491.5). Véxase nota a 41.7-9.

  • 21

    A segmentación de <este> en Barbieri (est’é) é aínda máis forzada que a de Michaëlis (‘ést’ e...’), ambas as dúas probabelmente inducidas pola resistencia á consideración de éste como forma verbal concorrente con é (véxase Ferreiro 2008a: 68-70). Cfr. nota a 67.8.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado