En A só aparecen copiados os dous primeiros versos e mais o inicio do v. 3 (que non...).
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 198-199); Blasco (1984: 121 [= LPGP 838]); Marcenaro (2012b: 197); Littera (2016: II, 348).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 85); Carter (2007 [1941]: 57); Machado & Machado (1949: I, 323-324); Fernández Pousa (1953: 12-13); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 184).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 8-9).
1 vos] uus A 2 ouve] ouuj B 6 fez] fezo B 11 prazentear] p̃zentēar B 21 non] nona B
1 vos] vus Michaëlis, Blasco 9 aquesto] aquest', e Littera 11 vos] vus Michaëlis, Blasco 12 vos] vus Blasco 13 vos] vus Michaëlis, Blasco 14 en] e Michaëlis, Marcenaro 15 éste] est, [e] Michaëlis, Marcenaro 16 vos] vus Michaëlis, Blasco 18 vos] vus Michaëlis, Blasco 21 non] non-na Michaëlis : nona Blasco : non a Marcenaro : non'a Littera; faria] fará Michaëlis, Marcenaro
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8a 8b 8b 8b 8a (= Tav 86:1)
Nótese a repetición da palabra rimante nos versos primeiro e derradeiro de cada estrofa (I vi; II ben; III ja).
Perante a lección <fezo> de B, que converte o verso en hipermétrico, recorremos á forma máis xeral fez, pois a realidade dos apógrafos italianos a respecto da utilización destas variantes da P3 dos pretéritos fortes mostra certa tendencia á confusión e/ou erro: véxase, por exemplo, na aparición de <qⁱgi> en B face á correcta lección quis de A en 225.15 (cfr. nota a 53.16). Por outro lado, nos casos rexistrados desta estrutura comparativa (a melhor dona de…) é xeral a presenza do artigo, razón por que a emenda proposta parece mellor solución que manter a forma fezo e prescindir do artigo para editar que fezo Deus melhor.
Non é precisa a emenda michaëliana, aceptada por Marcenaro, sobre a lección en, que se debe manter, en liña con outras expresións que se achan ao longo do corpus. Cfr., por exemplo, E as que ala maior prez avian / en todo ben ... (951.13-14).
O contexto esixe a forma éste, sen necesidade de segmentación, como propón a lectura michaëliana que confirma a resistencia da editora xermano-portuguesa a aceptar esta forma concorrente con é (véxase Ferreiro 2008a: 65-67). Independentemente de que <este> sexa a forma verbal éste (P3 do presente indicativo de seer) ou a suma do demostrativo este co verbo é (est’é), é moi frecuente en B (vs. A) a aparición de <est>, aparente latinismo, con ausencia de vogal final e a consecuente hipometría versal. Véxanse 65.4, 71.6, 89.27, 182.26, 197.18, 302.21, 317.2, para alén daqueles casos en que éste aparece en cantigas transmitidas só polos apógrafos italianos: 204.18, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1456.12, 1625.1, 1652.2 e 1667.17. Véxase Ferreiro (2008a).
A variante bisilábica feze, do lat. fēcĭt, con manutención de -e após /dz/ é minoritaria en relación a fez e, mesmo, á variante fezo coa innovadora desinencia -o (cfr. nota a 53.16 e 56.14). Na realidade, feze aparece especialmente cando utilizada co clítico -o/-a, aínda que se rexistra tamén noutros contextos (167.5, 260.2, 331.12, 332.2, 479.13, 484.21, 580.13, 1087.8, 1398.6, 1593.9).
Na versión de B o verso é hipermétrico, e así o manteñen todos os editores polo valor estilístico de faria (emendado en fará por Michaëlis para nivelar metricamente o verso). No entanto, coa puntuación axeitada mediante unha pausa no final do v. 20 que non consideraron os anteriores editores, o elemento que debe ser omitido é <a>, moitas veces cunha presenza espuria en B (véxase notas a 68.1 e 77.8), mesmo como pronome (véxase nota a 313.7).