59 [= Tav 151,15]
Per boa fe, meu coraçon

Per boa fe, meu coraçon,
mal me per-fostes conselhar
aquel dia’n que vós filhar
me fezestes esta senhor,
ca cedo mi per-fez saber
quejandas noites faz aver
Amor a quen el preso ten.
E, mao meu pec[a]do, non
foi nunca soo én pensar
que s’ela quisesse pagar
de saber eu qual ben Amor
a[o] seu preso faz prender
quando se dele sol doer,
ca nunca lhe per al faz ben.
Mais pero non ei eu razon
de me por ende a vós queixar,
mais a min que mi-a foi buscar;
e alguen foi ja de melhor
sé[n] que eu i soubi seer,
ca, de pran, mi-a cuidei veer
e non lazerar pois por én.
E, se eu sén ouvess’enton,
no[n] fora tal cuido cuidar;
e quen a oje vir falar
e parecer, se omen for
que sén aja, aver’a entender
ca non devia eu a fazer
o que ali cuido, per ren.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 86

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 726-727 [= LPGP 944-945]); Littera (2016: II, 528-529).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 29); Machado & Machado (1949: I, 114-115); Rios Milhám (2017: I, 59).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 229); Arias Freixedo (2003: 280-281).

Variantes manuscritas


1 meu coraçon] se(i) meu coraçon B   3 vós] u B   6 quejandas] queiandes B   8 pec[a]do, non] pc̄cdo nē B   10 pagar] pagʷr B   16 ende] ēn B   20 cuidei] cuidʼy B   25 for] far B

Variantes editoriais


1 boa] bõa Michaëlis, Littera   8 non] nem Littera   9 én pensar] en pensar Michaëlis : em pensar Littera   12 a[o]] a Littera    16 ende] én Michaëlis : en Littera   26 aver’a entender] á [d’]entender Michaëlis : há [d’]entender Littera   27 a] om. Michaëlis, Littera   28 cuido] cuidei Michaëlis, Littera

Paráfrase


(I) Abofé, meu corazón, ben mal me aconsellastes aquel día en que vós me fixestes tomar esta señora, pois cedo me fixo saber ben que clase de noites fai pasar Amor a quen el ten preso.

(II) E, infelizmente, nin sequera fun nunca por iso pensar que ela se quixese sentir satisfeita de eu saber o ben que Amor fai recibir ao seu preso cando se soe queixar del, pois nunca por outra razón lle fai ben.

(III) Aínda que eu non teño razón para me queixar a vós, mais si a min propio, que a (señora) fun buscar; e alguén foi xa de mellor siso do que eu souben ser nese caso, pois, certamente, pensei vela e non sufrir despois por iso.

(IV) E se eu daquela tivese bo xuízo non tería tal pensamento; e quen hoxe a vexa falar e lucir bela, se for home de bo criterio, entenderá que non debía eu facer o que alí coidei, de forma ningunha.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8d 8d 8e (= Tav 207:1)

Encontros vocálicos: 16 ende‿a; 17 mi-‿a; 20 mi-‿a; 26 aja,‿aver’a‿entender; 27 de·vi·a‿eu

Notas


Texto
  • 1

    Igual que se percibe nalgunhas cantigas de amor a escisión entre o trobador e os seus ollos (véxase nota a 45.1), tamén se manifesta unha similar entre o trobador e o seu corazón.

  • 3

    Neste verso comparece a preposición en nunha crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 18.1628.1443.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  • 6

    O pronome relativo quejando ‘cal, de que tipo’ (< quid genitu) é de escaso uso na lingua trobadoresca (véxase, coa forma quejando en 559.6 e 1325.16, cantigas de Don Denis e mais de Estevan da Guarda, tardíos ambos) e, mesmo, nos textos posteriores, cunhas decenas de documentacións na prosa portuguesa do século XV (véxase CdP, s.v. quejendo, quejando, queyando etc.). Dado que non se rexistra no banco de datos do TMILG, parece unha forma exclusiva de autores portugueses (Fernan Lopez, Gomes Eanes de Zurara, Duarte Galvão etc.)1 .

  • 8

    A expresión mao meu pecado ‘por mal dos meus pecados, infelizmente’, variante de mao pecado ou mal pecado, só se rexistra esporadicamente (véxanse tamén 259.15 e 983.3). Véxase a variante con artigo na Crónica de 1344: Mas os cristãaos nom se acaudilharom bem e forõ vencidos, maao o seu pecado (Cintra 1952-1990: IV, 35).
    A necesidade de emendar a lección de B é obvia á vista da rima -on do v. 1 de todas as estrofas, por moito que Littera manteña mecanicamente a lección de B.

  • 9

    Enténdase: ‘‘E, infelizmente, nin / sequera fun pensar nunca que ela ...’.

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 15

    Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.

  • 16

    Michaëlis e Littera non desenvolveron a abreviatura de <ēn> ende, de modo que se rexistra un uso anómalo de én perante vogal, onde, como é de regra, é utilizada a forma plena ende do pronome (neste caso en sinalefa con a). Véxase nota a 93.8. Cfr. nota a 32.10-11.

  • 20

    A pesar da súa aparición reiterada co valor de <er>, a abreviatura de <cuid’y> neste verso ten de ser desenvolvida co valor de <e> (cuidei).

  • 23

    En Michaëlis cuido, entre vírgulas, é interpretado como verbo, e, consecuentemente, tal funciona como pronome determinante de cuidar (non fora tal, cuido, cuidar). Mais o feito de que cuido sexa tamén substantivo (derivado regresivo de cuidar, igual que o raro penso é regresivo de pensar), atestado con seguranza en 110.9 (sen esquecer a súa aparición en CSM 253.64 e 365.29), fai que neste contexto sexa máis acaído considerar cuido como nome (‘non fora cuidar tal cuido’). Este substantivo prolóngase, como mínimo, até o final da Idade Media, pois rexístrase tamén na Crónica de 1344 (Hu he o cuydo que cuydades, de paz e nõ de quebrãto?, cfr. Cintra 1952-1990: III, 318) e en Fernan Lopez: nem lhe viinha per cuido nem pensso o que sse depois seguio ... Senhora, disse ell, esse era mui maao cuido que elles cuidavom (Macchi 2004: 175, 511), para alén de no Livro de José de Arimateia (Miranda 2016: 17). Véxase tamén no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. cuido).

  • 26

    A emenda editorial de Michaëlis e Littera só se pode entender perante a estrañeza pola crase entre unha P3 de futuro indicativo (matará, pesará, seera) e /a/ átono do vocábulo seguinte, que se rexistra poucas veces: matar’Amor (396.19), pesar’a (898.19) e seer’ali (1637.28). Cfr. nota a 25.3.
    De calquera maneira, o cúmulo de sinalefas, para alén da crase comentada (tamén en sinalefa), provoca un verso algo acartoado, talvez cunha transmisión defectuosa.

  • 27

    Probabelmente a expunción de Michaëlis e Littera na perífrase devia (eu) a fazer teña a súa orixe en non considerar a sinalefa deviaeu.

  • 28

    A emenda que as edicións precedentes fixeron da forma verbal cuido para pretérito é desnecesaria desde o punto de vista métrico e semántico.

  1. ^

    Aínda era utilizado por Sá de Miranda (véxase o “Glossario das Palavras portuguesas e castelhanas antiquadas ou raras”, en Michaëlis 1989 [1885], s.v. quejando).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado