310 [= Tav 72,2]
A mia sennor, que me foi amostrar

A mia sennor, que me foi amostrar
Deus por meu mal, por vos eu non mentir,
e que sempr’eu punnei de a servir,
muit’ouve gran sabor de m’enganar,
ca me falou primeir’, u a vi, ben,
e, pois que viu que perdia o sén
por ela, nunca m’er quiso falar.
E, se m’eu dela soubesse guardar
quando a vi, punnara de guarir;
mais foi-me ela ben falar e riir,
e falei-ll’eu e non a vi queixar
nen se queixou que a chamei «sennor»,
e, pois me viu mui coitado d’amor,
prougo-lle muit’e non m’er quis catar.
E, pois me queria desemparar
quando a vi, mandasse-me partir
logo de sí e mandasse-m’end’ir;
mas non lle vi de nulla ren pesar
que ll’eu dissesse (tan ben me catou!),
e, pois viu que seu amor me forçou,
leixou-m’assi desemparad’andar.
E deferença dev’end’a fillar
tod’ome que dona fremosa vir
de min, e guarde-se ben de non ir
com’eu fui log’en seu poder entrar,
ca ll’averra com’avẽo a min:
servi-a muit’e, pois que a servi,
fez-mi aquesto quant’oides contar!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 199, B 350

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 387-388 [= LPGP 469]); Littera (2016: I, 547).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 128); Carter (2007 [1941]: 116-117); Machado & Machado (1950: II, 113-114); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 310).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 323); Arias Freixedo (2003: 500-501).

Variantes manuscritas


1 amostrar] mostrar B   2 vos] uus A   3 e que sempr’eu punnei de a servir] Que senpreu muyto punhey de seruir B   5 me falou primeir’] mi falou primeyro B   6 viu] {uju} A : ueio B   7 er quiso] ar quis   8 E] om. A; soubesse] soubera B   9 punnara] punara A   10 me ela] me la B   12 que] pᵉ que B; sennor] senor A   13 pois me viu] poys que me uyo B   14 prougo-lle] Prouguelhi B; er] ar B   15 queria] queiria B   18 mas non lle] Mays non lhi B   20 viu] uyo B   21 desemparad’andar] desanparadandar B   22 end’a] en de B   23 tod’ome] Codome B   25 com’eu] Como eu B; seu] ssu B   26 ll’averra] lha ueiria B   28 fez-mi aquesto quant’oides contar] leixou massi desenꝑad andar A

Variantes editoriais


2 vos] vus Michaëlis   3 e] é[n] Michaëlis   10 me ela] m(e) ela Michaëlis : m’ela Littera   18 mas] Mais Michaëlis   19 dissesse (tan ben] dissess’! e tamben Michaëlis   26 avẽo] aveo Littera

Paráfrase


(I) A miña señora, que Deus me mostrou para mal meu –non vos quero mentir–, e que sempre me esforcei en servir, tivo un gran desexo de me enganar, porque me falou ben primeiro, cando a vin, e, cando viu que perdía o sentido por ela, nunca máis me quixo falar.

(II) E se eu me soubese protexer dela cando a vin, esforzaríame por vivir; mais ela faloume ben e riu, e eu faleille e non vin que se queixase nin se queixou cando a chamei «señora», e, cando me viu moi coitado de amor, próugolle moito e xa non me quixo nin ver.

(III) E xa que me quería desamparar cando a vin, (debera) mandar que me separase inmediatamente dela e que me fose de alí; mais non vin que lle pesase cousa ningunha do que lle eu dixen –tan ben me mirou!–, e, cando viu que o seu amor me someteu, deixoume andar así desamparado.

(IV) E por isto debe tomar exemplo de min todo home que vexa unha dona fermosa, e gárdese ben de se someter ao seu poder como eu me sometín, pois halle acontecer como me aconteceu a min: servina moito e, porque a servín, fíxome todo isto que me ouvides contar.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:49)

Encontros vocálicos: 10 me‿ela; 28 -mi‿aquesto

Notas


Texto
  • 1

    A forma mostrar de B (vs. amostrar) restaría unha necesaria sílaba no verso (cfr. v. 7). Véxase nota a 35.12.

  • 2

    A frecuente frase formularia por non mentir permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.) e equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc. 

  • 3

    Coa introdución de muito, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional equilibra metricamente o verso pola ausencia nese cancioneiro da copulativa e do pronome CD: e que sempr’eu punnei de a servir vs. que sempr’eu muito punhei de servir.

  • 7

    O adverbio de reforzo ar tende á oposición ar A vs. er BV, aínda que existe lección coincidente ar AB en 140.20, 188.18, 198.28, 216.12, 243.25, 272.9, 277.12. Na realidade, a situación é aínda máis complexa, porque a oposición ar A vs. er B aparece en 134.15, 135.23, 137.29, 142.17, 176.6, 177.4 e 199.34, mais en 310.7 e 14 a oposición é inversa: er A vs. ar B. Cfr. tamén nota a 1310.7 e 383.19-20.

    A variante quis de B faría hipométrico o verso (cfr. v. 1). Véxase nota a 60.19.

  • 8

    Resulta certamente interesante a variante de B, que presenta unha forma de antepretérito na cláusula condicional, especialmente cando o verbo principal tamén é unha forma de antepretérito (tamén en pretérito), unha construción que se encontra esporadicamente ao longo dos primeiros séculos da lingua (cfr. nota a 318.3). Véxase, por exemplo, na Crónica Troiana: E, sen falla, se eu cabo uós estouera, nõ fora home que vos ousasse matar (Lorenzo 1985: 365); ou, en territorio portugués, na quiñentista obra de Gomes Eanes de Zurara: ate que a rrompeo por allgu͂s lugares como se fora sayo de pano (Zurara 1997: 184).

  • 11-12

    Nótese a consecutiva aparición de queixar como verbo intransitivo (raro) e pronominal (de uso frecuente).

  • 12-13

    Nestes versos, B presenta o acrecentamento espurio de dous elementos que hipermetrizan os versos: no v. 12 coa presenza de por, arrastrado por que (por que), e no seguinte coa aparición de que, arrastrado por pois (pois que).

  • 15

    Resulta sorprendente a aparición de emparar en A (tamén no v. 21), pois esta variante é típica de BV fronte a amparar, xeral no Cancioneiro da Ajuda (véxase amparar A vs. emparar BV en 73.17, 74.22, 118.14, 130.21, 133.28, 145.11, 146.1, 169.r2, 13 e 14, 170.3, 422.17, 423.4, 23 e 25, 982.15 e 16, 983.23, 24, 25 e 26). Cfr. nota a 72.3 e 506.18.

  • 16-17

    Mandasse (nos vv. 16 e 17) funciona nas dúas aparicións, a pesar de seren formas subxuntivas, como verbo principal do período, tendo que subentender un verbo declarativo. En calquera caso, usos sintácticos similares aparecen  esporadicamente na lingua medieval. Cfr., por exemplo, na Crónica Geral de Espanha de 1344: E hora Deus quisesse que Julyo Cesar lançasse bestas mortas e outras peçonhas nos ryos e nas fontes e leixassenos fartar d’augua! (Cintra 1952-1990: II, 123); ou na tradución da Confessio Amantis: E quisesse ora Deus que nós... (Faccon 2012: 283). No corpus trobadoresco profano aparece o mesmo uso en 237.3, 311.16, 376.16, 532.1, 812.9.

  • 19

    A discutíbel aglutinación michaëliana da copulativa deste verso provoca a aparición dun rarísimo tamben, que só se rexistra 295.22, cunha interpretación en que non se considera a cláusula exclamativa.

  • 21

    Este verso repítese case literalmente nunha cantiga de Joan Soarez Coelho (265.18).

  • 22

    Deferença, forma única no corpus profano galego-portugués (véxase Glosario, s.v. fillar deferença), probabelmente é termo de introdución tardía, pois é tamén infrecuente na restante produción medieval; só o achamos nos Miragres de Santiago (Santiago Alfeu he chamado Alfeu a deferença d’este Santiago primeiro que se chama Zebedeu; véxase Pensado 1958: 19), mais atéstase xa repetidamente na prosa portuguesa (didáctica) do século XV (véxase CdP, s.v. deferença, diferença).
    Por outra banda, de novo en B, fronte a A, aparece unha variante redaccional en que a perífrase dever + infinitivo omite o nexo preposicional (véxase nota a 146.29): dev’end’a fillar vs. dev’ende filhar (ou dev'én de filhar).

  • 28

    O Cancioneiro da Ajuda copiou, por lapso, o v. 21, final da estrofa anterior.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado