[last revised: 17/04/2020]Print

10 [= Tav 111,5]
Min prês forçadament’Amor

Min prês forçadament’Amor
e fez-mi amar que[n] nunc’amou,
e fez-mi tort’e desamor
quen mi a [a]tal senhor tornou;
e vejo que mal baratei,
que mi a [a]tal senhor tornei,
que non sabe que é amar
e sabe a omen penas dar.
Que forçad’oje e sen sabor
enno mundo vivendo vou,
ca nunca pudi aver sabor
de min nen d’al, des que foi sou,
senon dela! E que farei?
Por que pregunto? Ca eu sei:
viver ei, se de min pensar,
ou morrer, se min non amar.
Quen-quer x’esto pode veer,
e máis quen mego vid’ouer,
que non ei ja sén nen poder
de m’emparar d’ũa molher,
a máis mansa que nunca vi
nen máis sen sanha, pois naci:
ve[e]d’ora se estou mal,
que m’emparar non sei de tal,
ca sõ[o] tan en seu poder
que, s[e] end’al fazer quiser,
non o poderei eu fazer
se me Deus én poder non der
contra ela, que eu servi,
qual dou a ela sobre min,
que nunca eu soub’amar al
erg[o] ela, que mi faz mal!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscripts


B 37

Editions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 645-646 [= LPGP 705]); Miranda (2004: 150-151); Cohen (2010: 18-19); Marcenaro (2012a: 70); Littera (2016: II, 203).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 11); Cotarelo Valledor (1933: 18-19); Machado & Machado (1949: I, 50-51); Rios Milhám (2017: I, 10).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 156-157); Diogo (1998: 5-6); Magalhães (2007: 114).

Manuscript variants


1 Min] Mm B; forçadament’] forcadament B   14 pregunto] ꝑʼgunto B   16 se min] senū B   17 veer] neer B   20 d’ũa] dn̄a B   25 sõ[o]] son B   28 se me Deus én poder] semends̄ en poder B

Editorial variants


2 que[n]] que Miranda   4 quen] que Cohen, Littera; mi a [a]tal] mi-a tal Michaëlis : mi a tal Cohen : mia tal Miranda : mi atal Marcenaro, Littera; tornou] [ar] tornou Michaëlis   6 mi a [a]tal senhor] mi-a tal Michaëlis : mi a tal Cohen, Littera : mia tal Miranda : mi atal Marcenaro; tornei] [ar] tornei Michaëlis   8 sabe a] sab(e) a Michaëlis : sab’a Littera   9 oje] og(e) Michaëlis : hoj' Littera   10 enno] eno Michaëlis, Miranda, Littera   14 pregunto] pergunto Miranda   18 ouer] ou[v]er Michaëlis, Marcenaro : over Cohen   20 ũa] ua Littera   25 sõ[o]] sou Miranda : so[o]n Marcenaro : s[õ]o Littera   26 se] s’ Miranda   28 me Deus én] m’ende Deus Michaëlis : m’en[de] Deus Littera : m’en Deus i Miranda   30 min] mi Michaëlis, Miranda, Littera   32 erg[o]] erg’ Cohen : ergu Miranda; faz] faz [gran] Cohen

Paraphrase


(I) O Amor apoderouse de min á forza, logrando que amase a quen nunca amou, e fíxome dano e causoume desamor quen me levou ante tal dama. E actuei mal ao preferir a esta senhor que non sabe que é amar e só ofrece sufrimento.

(II) Síntome forzado a vivir no mundo sen pracer porque nunca puiden obter satisfacción de min nin de ningunha outra cousa, desde que fun dela, e que farei? Por que o pregunto? Sei que vivirei se ela coida de min, ou que morrerei se non me ama.

(III) Calquera persoa pode percibir esta situación, e aínda máis quen coñeza a miña vida, pois xa non teño xuízo nin poder para me defender dunha muller, a máis doce e tranquila que coñecín desde que nacín; e vede o mal que me sinto porque non sei protexerme disto, (IV) porque estou no seu poder até tal punto que, se quixese facer outra cousa, non podería, a non ser que Deus me outorgase poder contra ela, que eu servín, como o que lle deu a ela sobre min, de modo que nunca souben amar a ninguén máis senón a ela, que me fai mal!

Metrics


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas doblas de oito octosílabos agudos.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8d 8d (= Tav 107:4)
Encontros vocálicos: 2 -mi‿amar; 8 sabe‿a; 9 oje‿e; 11 pudi‿aver

Notes


Text
  • 1-2

    O incipit mostra claramente a aparición de min (e ) como complemento directo sen preposición (véxase tamén v. 16), a semellanza do que acontece no verso que inaugura a cantiga 27: Min fez meter meu coraçon / en amar tal senhor. Os restantes pronomes tónicos oblicuos (ti, el(as), nós, vós) presentan idéntico comportamento.

    Do mesmo modo, podería considerarse como tónica a forma pronominal oblicua do v. 2, tamén en función de complemento directo, porque «a segunda forma tónica {mí} do pronome replicaría a primeira {min}, colocada moi enfaticamente en posición inicial absoluta» (Monteagudo 2019: 99): Min prês forçadament’Amor / e fez amar que[n] nunc’amou. Porén, a necesaria sinalefa mi‿amar desaconsella tal consideración, por máis que non apareza a grafía <mh> típica dos cancioneiros italianos para este contexto e función.

  • 2

    O relativo quen é esixido polo paralelismo sintáctico-semántico do v. 4, onde quen (que na emenda de Cohen), representa, sucesivamente, a dama (v. 2) e o Amor (v. 4).

  • 4

    Perante a evidente hipometría deste verso (e do v. 6), xa que a secuencia <mh> en, respectivamente, <mhatal> e <mha tal> se resolver sempre no corpus en sinalefa, recorremos á variante atal, que na lingua trobadoresca aparece en concorrencia coa forma simple tal, mesmo con convivencia das dúas variantes na mesma composición: 128, v. 17 tal vs. 12 e 17 atal; 147, vv. 1, 8 e 15 tal vs. v. 14 atal; 200, vv. 24 e 26 tal vs. v. 15 atal; 222, vv. 4 e 10 tal vs. v. 8 atal etc.). Ademais, pode comprobarse como nos diversos manuscritos alternan as dúas formas: 82.11: atal don’amar A vs. tal dona amar B; 128.12 e 17: d’atal A vs. de tal B; 143.9: tenh’atal A vs. tenho tal B; 430.27: co[n]ven tal afan a sofrer A vs. conven atal afan sofrer B. Así mesmo, nalgún caso A ofrece atal onde B ofrece un verso hipómetro (véxase 202.15), ao tempo que B pode presentar a variante atal (vs. tal A) que debe ser corrixida para evitar a hipermetría (167.2, 188.2, 200.15). Cfr. nota a 83.7. A ausencia do elemento integrado explícase por un banal erro de copia: omitiríase un dos elementos nun contexto de dous grafemas idénticos.

  • 10

    Na lingua trobadoresca xa é común o resultado no(s), na(s) para o encontro da preposición en co artigo (ĭn + ĭllum > enno > eno > no). Con todo, aínda é relativamente frecuente a forma intermedia sen aférese, que se revela verdadeiramente rara coa grafía máis arcaica, anterior á simplificación da consoante xeminada (véxanse tamén 205.9, 294.4, 486.17, 813.7 e 16, 842.14, 1119.9, 1314.7 e 10, 1337.21).

  • 12

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

    A forma posesiva sou (tamén en 491.6 e 1632.4), por outra banda, é resultado directo do lat. sŭum; aínda que desapareceu perante a forma analóxica seu, o seu uso na lingua medieval pervive até finais do século XV (véxase CGPA, s.v. sou, sous).

  • 15-16

    É necesario manter a segmentación de viver ei (isto é, ei viver) para que morrer (v. 18) poida depender tamén de ei; isto é: ei viver ... ou (ei) morrer.

  • 18

    A forma mego representa o estadio máis arcaico da voz derivada do lat. mēcum, que non reaparece no corpus máis que na forma reforzada comego (13.4, 371.21, 469.3 e 10) ou con mego (469.6 e 9). Ambas as solucións son absolutamente minoritarias fronte a migo e comigo (e mais con migo). Fóra do corpus lírico profano, é anecdótica a presenza destes resultados na restante produción medieval, pois está ausente no TMILG, e no CGPA só se rexistran en textos orixinarios de Portugal cinco ocorrencias de comego, dúas de contego e, finalmente, cadanseu rexistro de sego, con sego e com sego, os dous últimos a finais do século XIV. Con todo, aínda no século XV debían sobrevivir estas formas, pois consego aparece esporadicamente tamén no Livro das Confissões (Martín Pérez 2012-2013: 284, 295, 299, 309, 311, 353 etc.).
    No que di respecto a ouer, a cuestión reside nun problema de fonomorfoloxía histórica (véxase Ferreiro 2016a: 119-127). O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. ouess(e) B); 64.465.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). E mesmo existen outros dous casos interesantes de variación: no primeiro encontramos <ouesse> en B face a <ouuesse> en V (534.4), mentres en 130.23 a situación é máis complexa, pois A presenta a lección <moui en> onde B le <ouue͂>, de modo que debemos optar entre m’oui én (A) vs. m’ouv’én (B).
    Sendo, pois, evidente que existen resultados en que se demostra a desaparición de -b- intervocálico e a posterior monotongación de -ou- por aparecer nunha secuencia trivocálica fonotacticamente anómala (Ferreiro 1999: §23b), neste verso aparece o testemuño intermedio de tal evolución, cal é ouer, que debe relacionarse con outras variantes que con frecuencia desaparecen nas edicións e que deben ser reconsideradas á luz destes datos: oue (qual coita no coraçon / por vós sempr’oue, 372.4) e oui (Veend’eu ben que do mui grand’amor, / que lh’eu sempr’oui, 635.8; u oui passar / per Campos, 1412.2). Todas e cada unha destas formas encontran comprida confirmación nos datos subministrados polas obras en prosa, literarias ou notariais (véxase Ferreiro 2016a: 120-123).

  • 18-19

    Isto é: ‘calquera persoa pode ver isto, e máis aínda aquela persoa que comparta vida comigo’.

  • 25

    Perante a hipometría versal, parece lóxica a emenda da lección manuscrita <son> en sõo, pois en xeral as formas derivadas de *sono (> sõo > soo) computan como bisilábicas (só é unisilábico sõo en 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2). Para alén de que ambas as formas (a etimolóxica son e a analóxica sõo ~ soo) poden convivir nunha mesma cantiga, os manuscritos ofrecen unha variación que demostra a necesidade de emenda nestes casos: en 354.7 concorren como monosilábicas as formas soo (A) e son (B), mentres que, por exemplo, en 86.22, 317.7 ou 430.23 B presenta a lección errada son (vs. sõo A), e en 1650.1 é V o cancioneiro que erra con son fronte a soo de B. Cfr. notas a 47.20 e 241.10.

  • 28

    O seguimento literal da lección manuscrita levaría consigo a errada repetición –por anticipación– do pronome adverbial én (*se m’én Deus én...), que debe ser expunxido na súa primeira aparición para que o verso non fique hipométrico.

  • 30

    Dou é a forma analóxica (face a deu) de P3 do pretérito indicativo de dar, inducida pola pertenza do verbo á primeira conxugación. Na lingua das cantigas profanas aparece tamén en 1419.32, 1527.18.

  • 32

    Miranda interpreta a secuencia <erguela> como ergu ela, isto é, fixa unha forma ergu, con anómalo -u gráfico final en vez de considerar <gu> = /g/ e a correspondente crase erg’ela. O modo máis económico de conseguir a isometría versal reside na restauración da vogal elidida, preferíbel a integrar gran (opción de Cohen), dado que fazer mal é de uso frecuente no corpus trobadoresco: pois m’ela faz mal e desamor (233.3), pero que sempre mi fez e faz mal / e fara (806.3) etc.

Search
    No results