130 [= Tav 97,23]
Nostro Sennor, como jaço coitado

Nostro Sennor, como jaço coitado
morrend’assi en tal poder d’Amor
que me tolleu o sén, e, mal pecado,
al me tolle de que me faz peor!
Tolle-me vós, a que non sei rogar
pola mia cuita nen vo-la mostrar:
assi me ten end’Amor obridado.
E grave dia con Amor foi nado,
que me de cuita sempre sofredor
fez e m’ar faz viver tan alongado
d’u eu os ollos vi da mia sennor
e d’u eu vi o seu bon parecer;
se m’est’a mí podess’escaescer,
log’eu seria guarid’e cobrado.
E saberia d’algun ben mandado
de que oj’eu non sõo sabedor,
mais sei que est’é desej’e cuidado
e como morre quen jaz na maior
coita d’amor das que eu nunca vi,
e, mal pecado, moir’oj’eu assi,
de mia sennor longe e desamparado.
E dereit’é, ca fui mal consellado,
que lle falei, pero m’ouv’én sabor,
ca entendi que foi tan sen seu grado
que lle fogi da terra con pavor
que ouve dela e fiz mui mal sén,
ca non mi avi’a dizer nulla ren
ond’eu nen outre fosse despagado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 43, B 155

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 93-94); Bertolucci Pizzorusso (1992 [1963]: 75-76 [= LPGP 650-651]); Littera (2016: II, 119-120).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 62-63); Carter (2007 [1941]: 27-28); Machado & Machado (1949: I, 228-229); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 130).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 168-169); Arias Freixedo (1993: 181-182); Diogo (1998: 48-49).

Variantes manuscritas


1 jaço] iazco B   2 morrend’] moirend B   3 me] mj B   4 me tolle] mj tolhel B; me]  mj B   5 rogar] roguar B   6 cuita] coyta B; mostrar] sey mostrar A   9 cuita] coita B   10 faz viver] fez inū B   11 om. B   12 e] om. B   13 mí podess’escaescer] mj̄ podesse scaecer B   15 d’algun] dalguū B   16 sõo] sōon A : soō B   18 e como morre] assy como B; na] ua B   20 pecado] pccādo B   21 longe e desamparado] longe desemꝑado B   22 é] om. A   23 lle] lhi B; m’ouv’én] moui en A   24 seu] om. B   25 lle fogi da terra] lhi fugi da tirā B   26 ouve] ouuj B   27 non mi avi’a dizer nulla] om. B   28 outre] out’m B

Variantes editoriais


1 jaço] jazco Bertolucci Pizzorusso   3 me] mi Bertolucci Pizzorusso   4 me tolle de que me] mi tolh’el de que mi Bertolucci Pizzorusso, Littera   6 pola] por Michaëlis; cuita] coyta Bertolucci Pizzorusso : coita Littera; vo-la] vo-la sei Michaëlis   9 cuita] coita Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso, Littera   13 mí] min Bertolucci Pizzorusso : mim Littera; escaescer] escaecer Bertolucci Pizzorusso   17 est’é] éste Littera   21 longe e desamparado] long(e) e desamparado Michaëlis : long’e desemparado Bertolucci Pizzorusso, Littera   23 lle] lhi Bertolucci Pizzorusso   25 lle fogi] lhi fugi Bertolucci Pizzorusso : lhe fugi Littera   26 ouve] ouvi Bertolucci Pizzorusso   28 outre] outrem Bertolucci Pizzorusso, Littera

Paráfrase


(I) Noso Señor, como paso os días coitado morrendo así en tal poder de Amor que me privou da cordura, e, infeliz de min, outra cousa me quita polo que me fai aínda peor! Prívame de vós, a quen non sei rogar pola miña coita nin mostrárvola: así me ten Amor alleado.

(II) E en aciago día nacín, por culpa de Amor, que sempre me fixo sufridor de coita e me fai tamén vivir tan lonxe de onde eu vin os ollos da miña señora e de onde vin a súa beleza; se isto me puidese esquecer, logo eu estaría a salvo e recuperado.

(III) E sabería dalgunha boa noticia de que eu hoxe non teño coñecemento, mais sei que isto é (simple) desexo e ansia e (sei) como morre quen vive na maior coita de amor das que eu nunca vin, e, infelizmente, morro eu hoxe así, lonxe da miña señora e desamparado.

(IV) E é xusto (que así sexa), que tomei unha má decisión, porque lle falei, aínda que sentín pracer niso, pois ben entendín que foi tan contra o seu desexo que fuxín da súa terra con pavor dela e fixen unha gran loucura, porque non me había de dicir nada polo que eu nin ningún outro ficase descontento.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a (= Tav 100:23)

Encontros vocálicos: 21 longe‿e

Notas


Texto
  • 1

    Fronte a jaço (véxase nota a 14.32), a variante jazco de B para a P1 do presente indicativo (e presente de subxuntivo) de jazer, só se pode explicar a partir da atracción analóxica dos verbos incoativos (cfr., por exemplo, paresco, conhosco etc.). De todos os xeitos, a distribución das dúas variantes nos textos medievais, a teor dos datos do CGPA é equilibrado.

  • 5

    O pronome vós, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 6

    Ao manter sei (só presente en A probabelmente por reflexo do sei do verso anterior colocado na mesma posición no manuscrito), Michaëlis, por cuestións métricas, vese obrigada a reconverter pola en por.

  • 7

    O verbo obridar, fronte a escaecer, é de uso restrito na poesía profana: vedes que[n] é, [e] non xe vos obride (512.11); Aquest’amen / ja máis non si m’obridará! (990.30); non xi m’obrida o amor de Maria (1568.r).

  • 8

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 10

    Como acontece con certa frecuencia, percíbese unha diferente opción temporal entre o Cancioneiro da Ajuda, que ofrece a forma verbal faz, presente histórico, fronte a fez, forma de pretérito no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase 217.4, 221.r1, 303.1); con todo, noutras pasaxes acontece exactamente ao contrario. Véxase nota a 193.3.

  • 13

    A grafía <sc> que mostra escaescer aparece nas cantigas profanas en vez de <c> ou <ç> [ts], en xeral na desinencia de verbos incoativos, especialmente no Cancioneiro da Ajuda: connoscer (117.19, 138.2, 142.16 <conhocer> B), connoscesse (127.21 <cõnosciesse> A, <conhocesse> B), escaescer (130.13, 138.10, 227.15 <escaecer>~<escaeçer> B), escaescerá (175.28 <es caeçera> B), nasci (140.3 <naci> B). Mais en B e V tamén se rexistran algunhas voces con esta grafía latinizante, a maioría das veces concentradas na derradeira parte do cancioneiro galego-portugués: conhoscer (1015.15, 1630.3), falescer (1586.13) e parescer (1612.2, 7, 9 e 21; 1613.2 e 4). E só en tres ocasións localizamos variación entre os dous apógrafos italianos: gradecer <gradecer> B vs. <gradescer> V (1378.1); conhocedes <cognosceds̄> B vs. <conhoçeds̄> V (1480.19); conhoceria <conhoceria> B vs. <donhosceria> V (1630.9). Cfr. nota a 68.11.

  • 15

    A variación gráfica un / ũu e algun / algũu rexístrase nun número limitado de contextos, en xeral coa forma un en B fronte a ũu en V: algun <|algū> A, <|algūu> B (130.15); un <hun> B, <huū> V (938.14, 1324.1 e 2, 1332.4, 1333.1, 1336.1, 1384.2, 1387.18, 1450.2 e 11, 1497.36) e <hū> B, <huū> V (1119.3 e 6)1 , xunto con ũu <huū> B, <hū> V (1641.11); <huū> B, <hun> V (1649.8);<|uū> B, <|un> V (1663.6).

  • 17

    A decisión editorial de Littera, coa consideración da forma verbal éste en vez de segmentar un demostrativo tamén é correcta e condicente co contido do período.

  • 23

    O Cancioneiro da Ajuda presenta a lección <moui en> onde B achega <mouuẽ>, de modo que sería posíbel (aínda que non se corresponde coa morfoloxía verbal de aver en A) optarmos pola lectura m’oui én, embora a prudencia aconselle escoller a lección segura m’ouv’én de B. Neste sentido, sendo un feito confirmado que no pretérito de haver (lat. habui) existen resultados con desaparición de -b- intervocálico (cfr. ouer, 10.18), e, máis comunmente, con posterior monotongación de -ou- (oera, oesse, oer) por aparecer nunha secuencia trivocálica fonotacticamente anómala (Ferreiro 1999: §23b), tamén debe ser considerada as formas oue ~ oui, que con frecuencia desaparecen nas edicións e que deben ser reconsideradas á luz destes datos: qual coita no coraçon / por vós sempr’oue (372.4); Veend’eu ben que do mui grand’amor, / que lh’eu sempr’oui (635.8); u oui passar / per Campos, 1412.2). Todas e cada unha destas formas encontran comprida confirmación nos datos subministrados polas obras en prosa, literarias ou notariais (véxase Ferreiro 2016a: 120-123). Véxase nota a 10.18. Cfr. tamén nota a 534.4.

  • 27

    A interpretación das secuencias do tipo <auia>, <deuia>, <ouuera> + inf. como avi’a / devi’a / ouver’a + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das leccións <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), e  <deuia> A / <deuia a> B (128.22, 128.28, 386.13), que indican a real crase coa preposición nas leccións do Cancioneiro da Ajuda.

  1. ^

    No v. 3: <hū> B, <hauī> V.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado