13 [= Tav 111,1]
Que me non podesse forçar

Que me non podesse forçar
cuidei eu de meu coraçon,
pois me sacara de prison,
e d’ir comego i tornar;
e forçou-m’ora nov’amor,
e forçou-me nova senhor,
e cuido ca me quer matar.
E pois me assi desemparar
ũa senhor foi des enton,
e cuid’eu ben per ren que non
podesse máis outra cobrar;
mais forçaron-mi os olhos meus
e o bon parecer dos seus,
e o seu preç’e un cantar
q[u]e lh’oi u a vi estar
en cabelos dizend’un son:
mal dia non morri enton,
ante que tal coita levar
qual levo, e nunca vi maior
qual levo, ond’estou a pavor
de mort[e] ou de lho mostrar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 39bis

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 650 [= LPGP 703]); Miranda (2004: 156); Cohen (2010: 21); Marcenaro (2012a: 80); Littera (2016: II, 205).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 12); Cotarelo Valledor (1933: 21-22); Machado & Machado (1949: I, 53-54); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 111); Rios Milhám (2017: I, 13); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 47); Arbor Aldea (2019: 91).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 14-15); Nunes (1959: 228-229); Correia (1978: 68); Gonçalves & Ramos (1983: 132); Jensen (1992: 248); Delgado León (1996: 48); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 158); Diogo (1998: 7-8); Arias Freixedo (2003: 242-243).

Variantes manuscritas


1-2 Cvidei eudemeu coraçon / que me non podesse forçar B   4 e d’ir] edit B   12 forçaron] forcarō B   16 son] soy B   19-21 qʷl leuo q̄ nūca uj mayor / qʷl leuo oudestou a pauor / de mortou delho mostrar B

Variantes editoriais


1-2 Versos invertidos en Michaëlis, Miranda, Cohen, Marcenaro, Littera   4 e d’ir] de ir Michaëlis : ed ir Cohen   8 me] m(e) Michaëlis   10 e cuid’eu] e[u] cuidei Michaëlis, Cohen, Marcenaro, Littera   19-20 qual levo! que non vi mayor / nunca, ond’estou a pavor Michaëlis : qual levo, que nunca vi maior / qual levo ond’estou a pavor Miranda : qual levo, que non vi maior / nunca, ond’ estou a pavor Cohen : qual levo, que nom vi maior / [nunca], ond'estou a pavor Littera

Paráfrase


(I) Pensei que o meu corazón non me podería obrigar, mais despois de me sacar da prisión, volveu meterme nela; e forzoume a tomar un novo amor, forzoume a tomar unha nova senhor, e por iso creo que me quere matar.

(II) E despois de que me abandonase unha dama, pensei que de modo ningún podería nunca máis amar a outra, mais forzáronme os meus ollos e os fermosos ollos dela, así como a súa virtude e un cantar (III) que lle sentín cando a vin co cabelo descuberto entoando unha melodía. Infelizmente non morrín nese momento, pois teño que soportar grandes sufrimentos, como nunca antes tiña sentido, que me fan estar con temor da morte ou de llo mostrar.

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de tres estrofas unissonans de sete octosílabos agudos.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= Tav 161: 266)
Encontros vocálicos: 8 meassi; 12 -mios; 19 levoe; 20 levo‿ond[e]

Notas


Texto
  • 1-2

    Acollendo a proposta de Montero Santalla (2000: 241-242), invertemos os dous versos iniciais, regularizando así a estrutura métrica de toda a cantiga. A copia deslocada de versos rexístrase nalgunhas ocasións nos apógrafos italianos (véxase un exemplo significativo nas estrofas II-III da cantiga 1527 / 154,12 VaPrzPard [B1508]).

  • 4

    Para a correcta interpretación do verso é necesario considerar omiso o verbo cuidei, que na lingua trobadoresca tamén introduce infinitivos coa preposición de: meu mal cuidei / porque cuidei / d’amar-vos ja (132.15); E sempr’eu cuidei no meu coraçon / de lhi fazer serviç’... (446.13); E sol non met’eu en cuidar / de nunca de vós aver ben (518.13); non cuidava d’atender outro ben (626.17), entre outros exemplos. Isto é: ‘cuidei eu de meu coraçon que me non podesse forçar e (cuidei) d’ir comego i tornar’; deste xeito, son innecesarias as emendas da lección de B, incluída a fantasmal forma michaëliana ed da copulativa (véxase nota a 7.13) que Cohen estabeleceu a partir dunha hipotética variante da copulativa e (< ĕt).

    No relativo á forma mego, esta variante representa o estadio máis arcaico da voz derivada do lat. mēcum, que non reaparece no corpus máis que na forma reforzada comego (13.4, 371.21, 469.3 e 10) ou con mego (469.6 e 9). Ambas as solucións son absolutamente minoritarias fronte a migo e comigo (e mais con migo). Fóra do corpus lírico profano, é anecdótica a presenza destes resultados na restante produción medieval, pois está ausente no TMILG, e no CGPA só se rexistran en textos orixinarios de Portugal cinco ocorrencias de comego, dúas de contego e, finalmente, cadanseu rexistro de sego, con sego e com sego, os dous últimos a finais do século XIV. Con todo, aínda no século XV debían sobrevivir estas formas, pois consego aparece esporadicamente tamén no Livro das Confissões (Martín Pérez 2012-2013: 284, 295, 299, 309, 311, 353 etc.).

  • 10

    Todos os editores emendan B sen consideraren o carácter expletivo da copulativa e, que se pode manter, por tanto, como en moitos outros contextos nas cantigas. Véxase Glosario, s.v. e (uso 6).

  • 14

    A voz preço (do lat. pretium) mostra unha perfecta equivalencia semántica co provenzalismo prez, que ten a mesma orixe. Cfr. que El i leixe mao prez aver / a quen mal preço vos quer apoer (212.5-6).

  • 16

    A expresión estar en cabelos indica que a dona estaba sen touca (distintivo da muller casada), porque era moza nova (virxe). Resulta especialmente significativa a seguinte citación dun documento notarial de 1441: Iten, que forçou hua moça virgen en cabelo e dormío con ela por força, andando ela en hua viña de sua ama Elvira Dias (cfr. TMILG, s.v. en cabelo), ou a seguinte pasaxe da tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España: et estas çem donzelas que fose͂ todas uirge͂es et en cabello (TMILG, s.v. en cabello), co seu correlato na Crónica Geral de Espanha de 1344, neste caso en plural: et que estas donzellas que fossem todas uirge͂es et em cabelos (Cintra 1952-1990: II, 402). Véxanse outras documentacións en Machado Filho 2013: s.v. en cabellos.

  • 19-20

    A obvia existencia dun erro na transmisión destes dous versos (< qʷl leuo q̄ nūca uj mayor / qʷl leuo oudestou a pauor>), editados mecanicamente en Miranda, explica a abrupta emenda michaëliana (que substitúe, no v. 19, nunca por non, e o segundo qual levo, o do v. 20, polo nunca expunxido do verso anterior), que busca evitar así a repetición de qual levo e, ao tempo, restaurar a isometría versal. Porén, é moito máis económica a intervención de Marcenaro, coa emenda que > e, que permite a sinalefa con levo ao tempo que se respecta no esencial a lección do manuscrito.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado