14 [= Tav 111,3]
E por que me desamades

E por que me desamades,
a m[e]lhor das que eu sei?
Cuid’eu, ren i non gaades
eno mal que por vós ei:
pola ira en que mi andades
tan graves dias levei.
Dereit’ei,
que da ren que máis amei,
daquela me segudades:
de vós! E, certas, sabiádes:
outr’amor non desejei,
e, se vós end’al cuidades,
ben leu tort’én prenderei;
e, por Deus, non no façades,
ca por vós me perderei.
Conort’ei
en que pouco durarei
se máis de min non pensades.
De muitos sõo preguntado
de que ei este pensar,
e a min pesa aficado
de quen me vai demandar;
ei log’a buscar, sen grado,
razon por me lhe salvar.
A guardar-
-m’ei deles e ra[n]curar,
andar i come nembrado.
Ali me ven gran cuidado
depois que me vou deitar,
pero sõo máis folgado,
que lhi non ei de falar;
jasco deles alongado
que me non ouçan queixar.
Tal amar
podedes mui ben jurar
que nunca foi d’omen nado.
Ũa ren vos juraria,
e devede-lo creer:
que ja máis non amaria
se desta posso viver,
quando vós, que ben queria,
tan sen razon fui perder.
Que prazer
avedes de me tolher
meu corpo, que vos servia?
Ca me non receberia
aquel que me fez nacer,
nen eu non vos poderia
atal coita padecer,
ca per ren non poderia,
pois me deit’, adormecer.
Entender
no vosso bon parecer
a valer me deveria.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 
 
40
 
 
 
 
45
 
 
 
 
50
 
 
 
 

Manuscritos


B 40

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 651-653 [= LPGP 703-704]); Miranda (2004: 158-159); Cohen (2010: 22-23); Marcenaro (2012a: 84-86); Littera (2016: II, 205-207).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 12-13); Cotarelo Valledor (1933: 22-24); Machado & Machado (1949: I, 54-56); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 112-114); Rios Milhám (2017: I, 14); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 44-45); Arbor Aldea (2019: 86-87).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 159-160).

Variantes manuscritas


9 segudades] segudides B   11 outr’amor] Ouir amor B   19 sõo] scom B   25 A guardar] e a guardar B   26 deles] deꝉꝉs B; e ra[n]curar] (ea) racurar B   27 andar] (ꞇ) andar B; nembrado] uēbdʼo B   30 sõo] scōm B   32 deles] dells̄ B   33 ouçan] oucam B   35 ben] be̓m B   37 Ũa ren] Hua irē B   51 adormecer] a dormeţ̄   52 Entender] e entender B   53 parecer] pareţ̄ B   54 deveria] diuiria B

Variantes editoriais


2 a] ay! Michaëlis : ai Marcenaro, Littera   3 gaades] gãades Michaëlis, Cohen, Miranda, Littera   5 ira en] ira (e)n Michaëlis : ira 'm Littera   9 segudades] segurades Michaëlis, Miranda, Cohen, Marcenaro   11 outr’] ver Michaëlis : muit’ Cohen : aver Miranda   14 non no] no’-no Michaëlis : nõ-no Cohen : non'o Littera   19 sõo] son Michaëlis, Cohen, Marcenaro : som Miranda, Littera; preguntado] perguntado Miranda   20 pensar] pesar Cohen, Marcenaro   21 pesa] pes(a) Michaëlis : pes' Littera   22 quen] que Miranda   24 me lhe] melhor Marcenaro   25 A] E a Michaëlis, Miranda, Marcenaro, Littera   27 andar] e andar Michaëlis, Cohen, Miranda, Marcenaro, Littera   28 ven] vai Miranda   30 sõo] soom Miranda : soon Marcenaro   31 lhi] lhi[s] Littera    37 vos] vus Michaëlis   45 vos] vus Michaëlis   48 vos] vus Michaëlis   49 atal] a tal Michaëlis   51 deit’, adormecer] deit’a dormecer Cohen   52 Entender] A valer Michaëlis : E entender Miranda : e entender Marcenaro, Littera   53-54 [dona, vosso ben-querer / amparar]-me deveria Michaëlis   54 deveria] dormiria Littera

Paráfrase


(I) Por que me desamades, a mellor das mulleres que eu coñezo? Coido que non gañades nada causándome mal: soportei días moi difíciles pola ira que mostrades cara a min. E teño razón, xa que me afastades da cousa que máis amei: (II) de vós! E debedes saber, de certo, que non desexei outro amor, e se vós credes outra cousa, eu facilmente sufrirei danos por iso, e pídovos, por Deus, que non o fagades, pois por vós me condenarei. Sinto consolo ao saber que pouco vivirei se non pensades en min.

(III) Moitos me preguntan por que teño este pensamento, e a min atorméntame que mo pregunten; teño que procurar, sen vontade, unha razón para me salvar. Protexereime deles e queixareime, procederei con cautela.

(IV) Sinto un gran pesar cando me vou deitar, mais estou máis descansado porque xa non teño que falar con eles; xazo lonxe dos demais para que non me sintan queixarme. Podedes xurar que ningún home amou xamais coma min.

(V) Asegúrovos unha cousa, e debedes crelo: nunca máis amarei se sobrevivo a este amor, porque vos perdín sen motivo, eu que tanto vos amaba. Que pracer sentides en me tirar o corpo, de que vos serve? (VI) Porque Deus non me recibiría, nin eu podería soportar tal sufrimento, porque por nada podería, aínda que me deite, durmir. E debería axudarme pensar na vosa fermosura.

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de seis estrofas doblas de nove versos heptasílabos, agás o sétimo que é trisílabo. Por outra parte, o primeiro, terceiro, quinto e noveno de cada estrofa son graves; os restantes son agudos.
Esquema métrico: 6 x 7’a 7b 7’a 7b 7’a 7b 3b 7b 7’a (= Tav 67:1)
Encontros vocálicos: 5 ira‿en, mi‿andades; 10 sa·biá·des; 19 so͂͜o; 21 pesa‿aficado

Notas


Texto
  • 3

    Gaar, xunto con gãar, é unha das diversas formas que o verbo gañar presenta nas cantigas profanas, ao lado de guaanhar, gaanhar e gaanar. Pola súa parte, a puntuación e a versión ao italiano do verso indica que Marcenaro non considera a frase parentética cuid’eu; ao contrario, converte cuidar no verbo principal de gaades, sen ligazón sintáctica, por tanto.

  • 9

    A forma manuscrita segudades, fronte á emenda segurades dos editores anteriores, é lectura semanticamente acaída no contexto, confirmada pola documentación de segudar (e segudamento) na produción prosística galego-portuguesa (véxase Monteagudo 2014), con diversos rexistros en obras como as traducións galegas da Crónica de Castilla e da Estoria de España e mais da General Estoria ou, tamén, na Crónica Geral de Espanha de 1344.

  • 10

    Esta é a única atestación do adverbio certas na poesía trobadoresca, coa mesma orixe que o adverbio poucas (véxase nota a 8.22); fóra da Demanda do Santo Graal (véxase Magne 1944: III, s.v. certas), só achamos uns poucos rexistros dela; así, na Crónica Troiana: Et maltrouxo muyto a rreýna, et dísolle asý: – Certas, dõna, uós ouuestes pouco siso, quando fostes creer a aquel falso traedor et desleal do que uos enuiaua dizer (véxase TMILG, s.v. certas); e na tradución da Confessio amantis (véxase Maccon 2010: 296, 358 etc.)1 .

  • 11

    O elemento inicial do verso en B é <Ouir>, que dificilmente pode representar a forma inicial derivada de audīre, xa que faría hipermétrico o verso, ao tempo que resultaría algo artificiosa a expresión: e, certas, sabiádes / ouir: amor non desejei (este é o texto suxerido en Monteagudo 2008: 374-375). É por isto que tal lección debe ser emendada de forma coherente do punto de vista paleográfico e sintáctico-semántico: o erro <r>/<t> é moi frecuente e resolve semántica e metricamente a pasaxe, tal e como indicou Marcenaro na súa edición do trobador (véxase tamén <outr> A, <oyr> B en 189 / 125,4 PGarBu [A96/B203], v. 13; <outro> B, <ouiro> V en 626 / 118,9 PedPort [B610/V212], v. 17).

  • 13

    A coexistir con leve, o provenzalismo leu, que concorre coa forma palatalizada lheu, máis frecuente, sempre aparece na frase adverbial ben leu ~ ben lheu ‘facilmente’, a semellanza do uso que os poetas occitanos facían desta voz (véxase García-Sabell Tormo 1990: 203-205). Con todo, o uso de leu é moi escaso no corpus, pois só volve aparecer en 209.7 (Podedes-vos nembrar ben leu / de min, que sofro muito mal / por vós).

  • 16

    A forma conorto constitúe outro provenzalismo, máis utilizado na poesía profana do que a variante patrimonial conforto. Véxase nota a 624.16.

  • 19

    En xeral as formas sõo e soo (do lat. sŭm → *sono > sõo > soo) computan como bisilábicas, mais tamén poden funcionar como unisilábicas (sõo 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2), do mesmo modo que ũu (cfr. nota a 47.20) e bõo ~ boo (cfr. nota a 241.10). Cfr. nota a 10.25. Cfr. nota ao v. 30.

  • 20

    O manuscrito –e o sentido– non autoriza a considerar un erro a forma enviada e a corrixila en pesar (Cohen, Marcenaro).

  • 25

    A necesaria medida trisilábica do verso esixe a expunción da preposición a ou, alternativamente, da copulativa e. A manutención dos dous elementos (Michaëlis, Miranda, Littera) implicaría unha anómala sinalefa da copulativa (Cunha 1982: 32-34, 99-128; Arbor Aldea 2008a: 22), que debe ser eliminada (véxase nota a 1.37). No relativo á omisión da copulativa, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 e 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 e 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).

  • 25-26

    Eis o primeiro exemplo de tmese métrica no corpus profano, en que o poeta estabelece un corte entre a base verbal dunha forma futura con pronome mesoclítico, que pasa, xunto coa desinencia, para o verso seguinte. Tal segmentación versal volve aparecer en 36.6-7, 47.19-20, 219.15-16, 308.11-12, 1138.13-14, 1538.15-16 e 1637.10-11. Cfr. notas a 37.18-19, 123.24-25, 482.1-2, 1542.3-4.

  • 26

    A grafía <ll> de eles en B, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

    Rancurar ‘ter rancor ou resentimento’ é voz rara na lingua antiga, pois só se localiza noutra ocasión (11.20) no texto das cantigas profanas. Cfr. tamén rancura (véxase nota a 153.11).

  • 27

    A pesar de que foi cancelada polo copista de B, todos os editores manteñen a copulativa inicial do verso, que o convertería en irregular do punto de vista métrico (hipérmetro).

  • 30

    Neste verso, se non consideramos bisilábica a forma mais (véxase nota a 12.8), a forma verbal sõo podería computar como dúas sílabas, en claro contraste co que acontece no v. 19 (véxase nota), e dun modo similar ao que ocorre co cómputo métrico de bõo, equivalente a dúas ou unha sílaba métrica (cfr. nota a 241.10).

  • 32

    As formas jasco, P1 de presente indicativo de jazer (< iacēre), xunto con jasca e demais formas do presente subxuntivo –anómalas a partir do lat. iacĕo e iacĕam, respectivamente– son propias dos apógrafos italianos (1605.10 e 13, 1606.21)2 , fronte ás regulares jaço, jaça, documentadas en cantigas transmitidas polo Cancioneiro da Ajuda: 80.10, 130.1 (<iazco> B), 174.4 (<iasco> B), 346.7.

  • 40

    Téñase en conta que desta equivale a ‘desta vez, nesta ocasión’. Cfr., tamén, Mais desta seerei eu escarmentado / de nunca foder ja outra tal molher (1598.8).

  • 41

    O pronome vós, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 48-50

    Nótese a repetición da palabra rimante (poderia) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na métrica trobadoresca. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.8-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1065.23-25 (fal), 1237.44-47 (), 1366.12-15 (i), 1400.23-24 (arteira), 1470.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).

  • 49

    Só Michaëlis segmenta erroneamente atal, como se a puidese ser artigo ou preposición, sen ter en conta que atal é variante frecuente de tal (cfr. tamén atan ~ tan, atanto ~ tanto, aquanto ~ quanto). Véxase nota a 138.17.

  • 51

    A interpretación de Cohen, coa conseguinte segmentación alternativa, implica unha rara variante dormecer (só presente en 1405.15), pois é xeral a forma adormecer (1349.19, 1509.5, 1529.5 e 1626.5)3 . Na realidade, neste verso adormecer depende de poderia (v. 50), constituíndo pois que me deit’ unha cláusula temporal (‘despois de me deitar’). Fronte a esta lectura, Cohen parece interpretar pois como conxunción causal (‘pois déitome para adormecer’).

  • 52

    Véxase nota ao v. 25.

  • 53-54

    O texto presentado por B é perfectamente correcto, e descualifica, por tanto, a relectura michaëliana e mais a innovación de Littera.

  1. ^

    Para algunha ocorrencia máis deste adverbio, véxase tamén Fonseca (2001: s.v. certas).

  2. ^

    Se cadra son produto da analoxía cos verbos incoativos e similares (cfr., por exemplo, conhosco vs. conhoces).

  3. ^

    No CGPA só se recolle unha ocorrencia de dormecer nas Cantigas de Santa Maria (e el chorand’ e gemendo | dormeceu, CSM 129.39), e uns poucos exemplos en obras portuguesas do século XV.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado