85 [= Tav 78,12]
Muitos dizen que perderán

Muitos dizen que perderán
coita d’amor sol per morrer,
e, se verdad’é, ben estan,
mais eu non o posso creer:
que ome perdera per ren
coita d’amor sen aver ben
da dona que lla faz aver.
E os que esto creud’an,
Deus!, é que queren máis viver,
pois que d’ali ben non estan
onde querrian ben prender,
e sobejo fazen mal sén,
ou, de pran, amor non os ten
en qual coit’a min faz sofrer,
ca, se eles ouvessen tal
coita qual oj’eu ei d’amor,
ou sofressen tan muito mal
com’eu sofro por mia sennor,
log’averian a querer
mui máis sa morte ca ‘tender
de viveren tan sen sabor
com’oj’eu viv’, e non por al;
e por esto sofr’a maior
coita do mundo e maior mal,
porque non sõo sabedor
daquesto que ouço dizer;
e esto me faz defender
de mort’e non d’outro pavor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 19, B 112

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 43-44 [= LPGP 516]); Littera (2016: I, 632-633).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 40-41); Carter (2007 [1941]: 13); Machado & Machado (1949: I, 157-158); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 85); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 72-73).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 52); Sansone (1990: 60-62); Diogo (1998: 35-36).

Variantes manuscritas


2 per morrer] por moirer B   5 ome] homē B   8 os] o(o)s B   9 é] ou B   14 min] mj B   15 ouvessen] euuessē B   16 oj’eu] eu oieu B   17 ou sofressen] ou soffresen A : esofressē B   19 averian] aueran {am} A   23 sofr’a] soffr(o) a A : sofro a B   24 mundo, e] mūde B   26 ouço] ouzo A : ouco B   28 non] nē B

Variantes editoriais


1 perderán] perderan Michaëlis   3 se verdad’é] s’é verdade Michaëlis   5 perdera] perderá Michaëlis, Littera   9 é] e Michaëlis, Littera   12 e] en Michaëlis : em Littera   14 coit’a min] coita min Michaëlis : coita mi Littera   19 log’] hoj’ Littera   20 ca ‘tender] c’atender Michaëlis   23 sofr’a] soffro a Michaëlis   28 mort’e non] morte nen Michaëlis

Paráfrase


(I) Moitos din que perderán a coita de amor só con morrer, e, se é verdade, ben se poden conformar, mais eu non o podo crer: que un home perdera a coita de amor sen ter o ben da dona que lla fai padecer. 

(II) E os que creron isto, Deus!, é porque queren vivir máis, xa que non están satisfeitos de quen esperaban obter ben, e fan unha enorme loucura, ou certamente o amor non os ten nunha coita tal como a que me a min fai sufrir, (III) porque se eles tivesen tal coita de amor cal a que eu hoxe teño, ou sufrisen un mal tan grande como o que eu sufro pola miña señora, logo haberían de querer moito máis a súa morte que esperar vivir tan sen gusto (IV) como hoxe eu vivo, e non por outra cousa; e por isto sufro a maior coita do mundo e o maior mal, porque non teño a certeza disto que ouzo dicir; e isto me fai protexer da morte, e non doutro temor. 
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8b (= Tav 101:49)

Encontros vocálicos: 24 mundo‿e

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga trata o motivo raro da incerteza de que a morte poida apagar o sufrimento amoroso, nun orixinal procedemento hiperbolizante da coita. Na cantiga 86 o trobador volve retomar este motivo.

    En Michaëlis e Littera só aparecen ligadas explicitamente as dúas últimas estrofas da composición. Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas, cunha copulativa e das dúas primeiras estrofas, véxase nota á cantiga 74.

  • 3

    A lección certa é, sen dúbida, se verdad’é, evitando a crase da conxunción condicional se, que, como ca e que, non é elidíbel na lingua trobadoresca (véxase Ferreiro 2013b: 463).

  • 5

    O sentido parece solicitar a forma de  pasado, neste caso o antepretérito perdera, embora o futuro tamén sexa posíbel; isto é, en contraste do que cren moitos que lles vai pasar no futuro, o trobador non se fía de que ninguén perdera a coita no pasado.

    O cancioneiro da Ajuda mostra unha clara preferencia pola forma ome face á variante omen, máis frecuente nos apógrafos italianos (mais véxase nota a 129.14). Deste xeito, nos textos transmitidos por A e por B, achamos con frecuencia a oposición ome / omen (66.19, 68.1, 74.28, 121.11, 129.27, 131.11, 132.24, 139.8, 164.2, 174.7). Véxase tamén nota a 559.9.

  • 8-14

    A segunda estrofa presenta un teor discursivo un bocado complexo. Enténdase: ‘E os que creron iso, deus!, é porque queren vivir máis –pois non reciben o ben de onde querían recibilo– e fan unha gran loucura, ou, certamente, Amor non os ten na mesma coita que me fai sufrir a min’.

  • 9

    A forma verbal é (conxunción copulativa en Michaëlis e Littera) constitúe o verbo principal dos vv. 8-11, coordinado con fazen (v. 12) e, con ligazón disxuntiva, con ten (v. 13). Nas edicións precedentes (Michaëlis, Littera), fazen funciona como verbo principal, para o cal foi necesario, alén de interpretar como copulativa a forma verbal é (v. 9), converter a copulativa inicial do v. 12 no pronome adverbial en.

  • 14

    A lección de Michaëlis tamén é lexítima, pois min pode aparecer sen preposición (véxase nota a 5.2); por súa parte, Littera modifica o pronome (min > mi) de modo que banaliza lingüisticamente o verso.

  • 16

    En B rexístrase unha presenza espuria de eu, tal como acontece en diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

  • 17

    A forma <soffresen> é outra mostra no Cancioneiro da Ajuda de diferentes confusións gráficas no ámbito das sibilantes, nomeadamente da grafía <s> en contextos en que representa /s/, grafado de regra con <-ss->. Esta grafía detéctase especialmente en desinencias do pretérito de subxuntivo: <amase> amasse (409.6), <deues(e)> devesse (282.14), <disses(e)> dissesse (409.21), <ousas(e)> ousasse (346.3, 982.22), <podes(e)> podesse (409.2), <quisesedes> quisessedes (88.15, 812.7), <uis(e)> visse (138.6). Alén desta desinencia, tamén se acha a mesma representación gráfica en <asi> assi (240.23, 318.15), <disesse> dissesse (199.28), <outrosi> outrossi (413.11, 17 e 23, cfr. outrossi no v. 5), <pos(o)> posso (409.14), <uasalo> vassalo (84.12), <uoso> vosso (362.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 69.7, 80.10 e 89.2.

  • 19

    A lección averian de B é a correcta neste verso por razóns métricas e tamén porque é coherente na consecutio temporum, coas cláusulas subordinadas do período en pretérito de subxuntivo (ouvessen, v. 15; sofressen, v. 17).

  • 20

    A lección ca ‘tender mostra claramente a resistencia á sinalefa de ca co vocábulo seguinte (véxase Ferreiro 2012b: 405-406). Neste sentido, a representación c’atender de Michaëlis non representa fielmente a métrica trobadoresca. Cfr. nota a 74.19.

  • 26

    A aparición da grafía <z> en formas que regularmente presentan <c, ç> deben ser postas en relación con outras confusión gráficas que atinxen ao ámbito das sibilantes no Cancioneiro da Ajuda: en varias ocasións rexístrase <fazo> e <faza> faço e faça, ás veces en formas contractas (69.7 e 10, 117.17, 136.10, 189.24, 203.27, 273.22, 278.15, 403.2, 433.2), <ouzo> ouço (85.26) e <nazer> nacer (260.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 80.10, 88.15 e 89.2.

  • 28

    Nótese como a ausencia de segmentación da copulativa (cfr. a lección <mort e> en A) en Michaëlis a obrigou a rexeitar o adverbio negativo non de A para acoller a conxunción copulativa nen de B a fin de tentar manter o sentido e a correcta sintaxe no derradeiro verso da cantiga.

    De todos os xeitos, sería posíbel manter a integridade de morte, sen problema interpretativo ningún:
              e esto me faz defender
    ​​​​​​​          de morte, non d’outro pavor.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado