32 [= Tav 47,19]
Ora faz a min mia senhor

Ora faz a min mia senhor
como senhor pode fazer
a vassalo, que defender
non se pode nen á u lh’ir,
e faz-mi a mercee viir
d’Amor com’ome preso ven:
Nostro Senhor mi-o faça ben!
Muit’i a aver gran pavor
ei dereit’, e en me temer
d’Amor (onde cuid’a dizer
mal e onde me quer partir),
e averei ora a sentir,
e non con torto, nulha ren,
ca eu mi-o mereci mui ben.
Se me mal ou coita veer,
come guisado eu mi-o busque[i]
muit’e i eu mi-o lazerarei;
mais, mia senhor, faç’eu prazer
(pois que me ten en seu poder),
que [me] faz entrar en prison,
u me non jaz se morte non.
Tod’eu farei quanto quiser,
mia senhor, que de faze-l’ei;
pero con que olhos irei
ant’Amor e a seu poder?
Tan grave m’é de cometer
que mi-o non cab’o coraçon,
nen mi-o sab’outren se Deus non.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 58

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 681-682 [= LPGP 321-322]); Littera (2016: I, 353-354).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 19); Machado & Machado (1949: I, 76-77); Rios Milhám (2017: I, 32).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 97); Diogo (1998: 12); Magalhães (2007: 115); Alvar & Talens (2009: 332-334).

Variantes manuscritas


7 faça] saca B   8 Muit’i a aver gran] Muytibqū agrā   10 onde] ōn B  11 onde] ōn B   12 e] a B   13 torto] corto B   17 muit’e i] muytej B

Variantes editoriais


5 faz-mi a] faz mi-a Michaëlis; viir] vĩir Michaëlis   5 mercee] mercê Littera   7 faça] sabe Michaëlis : saqu'a Littera   8 Muit’i a aver gran] Muito [en estar] a gran Michaëlis : Muit'i vou eu a gram Littera   9 ei dereit', e] é dereit'é Littera   10 onde] on[de] Michaëlis, Littera   11 me quer] quero Michaëlis : quer[o] Littera   12 ora a] coit’a Michaëlis   13 con torto] concerto Michaëlis   15 veer] vẽer Michaëlis   16 come guisado] con guisado Michaëlis : com'[é] guisado Littera   17 muit’e i eu] muit’end(e) e Michaëlis : muit'e eu Littera   18 faç’eu] faz seu Michaëlis, Littera   23 faze-l’ei] fazê’-l’-ei Michaëlis   27 cab’o] sab’o Michaëlis

Paráfrase


O trobador afirma que a súa dama actúa con el como o señor o faría co seu vasalo –que non se pode defender nin ten onde ir–, facéndoo comparecer perante o Amor como acudirían os presos, polo cal lle solicita a Deus que todo vaia ben (I). Engade que ten razón en sentir medo e en temer a Amor, ante o cal probabelmente falará mal e do cal quererá afastarse; e sofrerá, mais non de maneira inxusta, pois el sabe que o mereceu (II). Se lle vén mal ou coita, será algo apropiado, xa que el o procurou e, en consecuencia, terá de padecer ese mal. E diríxese á súa senhor –que o ten no seu poder–, para lle dicir que sente ledicia polo feito de que o faga entrar en prisión, onde o único que o agarda é a morte (III). El fará todo canto a súa dama desexe, mais cuestiónase con que ollos irá ante o poderoso Amor. Resúltalle tan difícil facelo que o seu corazón non o acepta, e isto non o sabe ningunha outra persoa agás Deus (IV).

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas doblas de sete octosílabos agudos. O verso 1 das dúas primeiras agrupacións estróficas é unha palavra perduda.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8d 8d (= Tav 199:6)
Encontros vocálicos: 5 -mi‿a; 7 mi-o; 12 ora‿a; 14 mi-o; 16 guisada‿eu mi-o; 17 i‿eu mi-o; 27 mi-o; 28 mi-o

Notas


Texto
  • 3

    O protagonista compara a súa situación de desamparo perante a forza con que o prende Amor coa dun vasalo a quen o seu señor feudal non protexe. Lémbrese que as cantigas de amor e o canto cortés en xeral, representan a relación amorosa espellada na relación feudal recíproca entre un señor protector e o seu vasalo servidor. Termos como vassalo e o seu sinónimo máis usado ome, senhor, servir, ben, galardon, entre outros, vehiculan esta metáfora feudal do amor como servizo.

  • 5

    A forma a, presentada como artigo en Michaëlis, debe ser interpretada como preposición, tal como se rexistra, por exemplo, na Crónica Geral de Espanha de 1344 (E, estão assy cercado, mandoulhe dizer Lopo d’Arenas que se querya vĩir aa sua mercee; Cintra 1990: IV, 277).

  • 7

    O sentido do texto solicita considerar a presenza do verbo fazer (cunha confusión en B entre <ſ> e a repetida omisión da cedilla en <ç>); porén, en Littera a lección do manuscrito foi interpretada mecanicamente, co conseguinte estabelecemento da expresión sacar a ben que non é coherente co sentido do texto (véxase Glosario, s.v. sacar).

  • 8-9

    Fronte ás reconstrucións (e reinterpretacións) de Michaëlis e Littera, procuramos unha interpretación axustada da secuencia <Muytibqũ agrã>, considerando os erros <b>/<a> e <q>/<a>, o segundo ben documentado en B (961.16) e V (1403.20, 388.19, 588.1, 932.9 e 1184.3). Deste xeito, a orde recta sería: «Muit’i ei dereito a aver gran pavor e en me temer d’Amor ...».

  • 10-11

    A interpretación da abreviatura <ōn> é onde (tamén en 80.18 e 87.21, do mesmo copista), o mesmo que <ēn> é ende (59.16, do mesmo copista c do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, e 482.29 e mais 483.16, do copista b). Ambas as formas abreviadas son case exclusivas de B.

  • 12

    É obvia a necesidade de emenda de B, onde se localizan bastantes casos en que <a> aparece como erro pola copulativa e (78.14, 384.20, 475.30, 863.15, 886.17...).

  • 16

    Nótese a diferente segmentación de <come> en Littera, que produce un verso excesivamente recargado de sílabas tónicas.

  • 22-23

    A puntuación do período en Michaëlis (Tod’ eu farei, quanto quiser’ / mia senhor, que de fazê’-l’-ei) e Littera indica que estes editores consideran mia senhor como suxeito de quiser en vez de o leren como vocativo, en liña coa súa aparición na estrofa anterior (v. 8); ademais, a grafía de Michaëlis non é adecuada para representar a perífrase aver + de + infinitivo, pois presenta a aparencia dunha forma verbal con pronome mesoclítico (de faze-l’-ei).

  • 27

    A emenda de caber culmina a serie de modificacións textuais que Michaëlis realizou ao longo de toda a cantiga (especialmente faça > sabe, v. 7; me quer > quero, v. 11; ora a > coit’a, v. 12; con torto > concerto, v. 13; come guisada > con guisado, v. 16; faç’eu > faz seu, v. 18) sen xustificación paleográfica e sen necesidade semántica. Igualmente, o verbo caber ‘admitir, aceptar’, acepción axeitada para este contexto, foi pertinazmente substituído por saber noutras cantigas e por outros editores (véxase 827.10, 1126.17, 1377.21, 1583.27, 1671.17), a pesar da existencia desta acepción nas Cantigas de Santa Maria, por exemplo (véxase Mettmann 1972: s.v. caber). Véxase, tamén, González González (2006: s.v. cabelo).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado