898 [= Tav 94,1 (= 157,2)]
[A]lgũa vez dix’eu en meu cantar

[A]lgũa vez dix’eu en meu cantar
que non querria viver sen sennor,
e, porque m’ora quitei de trobar,
muitos me teen por quite d’amor
e cousecen-me do que fui dizer,
que non queria sen sennor viver
com’or’assi me foi d’amor quitar.
Ja m’eu quisera con meu mal calar,
mais que farei con tanto cousidor?
Aver-lles-ei mia fazend’a mostrar
que non tennan que viv’eu sen amor,
ca sennor ei que me ten en poder
e que sabe que lle sei ben querer,
mais eu ben sei ca lle faç’i pesar.
E, se trobar, sei ca lle pesará,
pois que lle pesa de lle querer ben,
e, se m’alguen desamar, prazer-ll’-á
d’oir o mal que me per amor ven,
e ar pesar’a quen me ben quiser:
por én non trobo, ca non m’é mester,
mais, que non am’, esto nunca sera!
E meu trobar, aquesto sei eu ja
que non mi á prol senon por ũa ren:
per queixar om’a gran coita que á,
ja que lezer semella que ll’én ven;
mais, se mia coit’eu mostrar e disser,
pois i pesar a mia sennor fezer,
coit’averei que par non avera.
E de tal coita, enquant’eu poder,
guardar-m’-ei sempr’, e o que sén ouver,
pois-lo souber, nunca m’én cousirá.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 306

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 612-613); Stegagno Picchio (1968: 166-167 [= LPGP 619-620]); Littera (2016: II, 93).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 178-179); Machado & Machado (1960: VII, 71-72); Arbor Aldea (2016b).
III. Antoloxías: Gonçalves & Ramos (1983: 245-246); Alvar & Beltrán (1989: 328-329); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 54).

Variantes manuscritas


17 prazer-ll’-á] prazer lla (en) A

Variantes editoriais


4 teen] tẽen Michaëlis : têm Littera   17 prazer-ll’-á] prazer-lh’-á én Michaëlis   19 pesar’a] pesará [a] Stegagno Picchio, Littera

Paráfrase


(I) Algunha vez dixen no meu cantar que non querería vivir sen señora, e, porque agora abandonei o trobar, moitos téñenme por afastado do amor e critícanme polo que dixen, que non quería vivir sen señora así como agora me afastei do amor.

(II) Xa quixera eu ficar calado co meu mal, mais que poderei facer con tantos censuradores? Heilles de mostrar os meus sentimentos, para que non pensen que vivo sen amor, pois teño unha señora que me ten no seu poder e sabe que a sei amar, mais eu ben sei que por iso lle causo pesar.

(III) E se eu trobar, sei que lle pesará, xa que lle pesa que a ame, e, se alguén me desamase, causaralle pracer ouvir o mal que me vén por causa do amor, e tamén lle pesará a quen me quixer ben: por iso non trobo, porque non me é preciso, mais, que eu non ame, iso nunca ocorrerá!

(IV) E o meu trobar, sei eu que non me ten proveito senón por unha cousa: por se queixar un da gran coita que ten, xa que semella que diso lle vén algún gozo; mais, se eu mostrar e dixer a miña coita, e logo iso causase pesar á miña señora, sufrirei unha coita que non terá igual.

(1) E de tal coita, en canto eu puider, sempre me hei de gardar, e o que tiver bo xuízo, despois de que o souber, nunca me criticará por iso.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10a (= Tav 100:7) + 10c 10c 10a

Encontros vocálicos: 23 mi‿á

Notas


Texto
  • *

    Copiada unicamente en A e sen correspondencia nos apógrafos italianos, a cantiga, como as tres pezas precedentes deste ciclo (nº 895, 896, 897), debe ser da autoría de Martin Moxa, trobador a que BV lle atribúen o poema nº 887, que cerra ese breve ciclo de textos, Amor non qued’eu amando (B 895, V 480), polo menos no estado actual dos manuscritos.

  • 7

    Foi é a forma xeral de P3de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (<fŭī) / foi (<fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 9

    A figura do cousidor ‘censurador’ (cfr. o prov. chausidor) só comparece explicitamente nesta cantiga de Martin Moxa.

  • 17

    Nótese como Michaëlis non foi consciente de que én aparece riscado en A e incorporou o pronome ao verso, tamén porque era doada a confusión rimática, pola rima -én do verso anterior e posterior.

  • 19

    É inusual a crase entre unha P3 de futuro indicativo (matará, pesará, seera) e /a/ átono do vocábulo seguinte, que se rexistra poucas veces: aver’a (59.26), matar’Amor (396.19), pesar’a (898.19) e seer’ali (1637.28). Cfr. nota a 25.3. A opacidade textual resultante da crase explica a refacción pesará [a] da edición de Stegagno Picchio e mais de Littera.

  • 24

    É esmagadoramente maioritaria a aparición de queixar como verbo pronominal, e poucas as pasaxes en que o seu uso é diferente: e d’Amor nunca ome desleal vi, / e vejo eu muitos queixar come mí (42.21); Por quantos eu vejo d’Amor queixar (42.22); e falei-ll’eu e non a vi queixar (310.11); Ouç’eu muitos d’Amor que[i]xar (637.1); O vosso amigo, ..., / vi, amiga, de vós muito queixar / das grandes coitas que lhe fostes dar (1311.2); vej’eu el queixar / de qual deosto lhi de vós recrece (1329.3); Don Marco, ve[j]’i eu muito queixar / Don Estevan de vós (1407.1); e oi end’o meirinho queixar (1434.4); E oi noutro dia én queixar / ũas coteifas e outras cochõas (1434.8); [E] esto que pode seer, / ca vej’ende os erdeiros queixar? (1636.6); Martin de Cornes vi queixar / de sa molher a gran poder (1659.1).

  • 31

    A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do identificador (artigo ou pronome) no encontro con certos vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). Na lingua medieval, e no corpus trobadoresco profano máis en concreto, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral cos pronomes átonos nós, nos, vós, vos e lhes, así como co indefinido todos e coas preposicións por ~ per, des e tras e cos adverbios alhur e depois, xunto con mais e pois (adverbios e/ou conxuncións); polo contrario, coas formas verbais acabadas en -r ou -s a representación da asimilación é vacilante. Mais para alén destes fenómenos asimilativos máis ou menos sistemáticos que chegan na lingua oral até hoxe, na lingua trobadoresca tamén aparecen outras asimilacións con formas adverbiais e conxuntivas alén de mais e pois (véxase nota a 331.7), con outras formas pronominais ademais das citadas (véxase nota a 334.4), con algúns substantivos (véxase nota a 25.16) e, finalmente, co adxectivo melhor (véxase nota a 185.8) e mais con algúns participios plurais (véxase nota a 960.24).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado