193 [= Tav 125,47]
Se eu a Deus algun mal mereci

Se eu a Deus algun mal mereci,
gran vingança soub’El de min prender,
ca me fez mui bõa dona veer,
e mui fremos’, e ar fez-me des i
que lle quis sempre d’outra ren mellor;
e, pois mi aquesto fez Nostro Sennor,
ar fez ela morrer, e leixou mí
viver no mundo, e mal dia naci
por eu assi eno mundo viver,
u Deus sobre min á tan gran poder
que m’eno mundo faz viver assi
sen ela, ca ben sõo sabedor
d’aver gran coita mentre vivo for,
pois non vir ela que por meu mal vi.
E por meu mal, amigos, non morri
u eu primeir’oi dela dizer
que morrera, ca podera perder,
vedes qual coita, per morrer log’i:
a coita de quantas Deus fez maior
en que eu vivo polo seu amor,
pero que nunca ben dela prendi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


A 100, B 207

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 208); Blasco (1984: 155 [= LPGP 836]); Marcenaro (2012b: 241); Littera (2016: II, 354-355).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 89-90); Carter (2007 [1941]: 60); Machado & Machado (1949: I, 337-338); Fernández Pousa (1953: 18-19); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 193).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 197-198); Alvar & Talens (2009: 462).

Variantes manuscritas


2 vingança] uinganca AB; min] mj B   3 fez] faz B; bõa] boa B   5 lle] lhi B   7 morrer] moirer B   8 mundo, e] mūde B   12 sõo] soo B   13 d’aver] da B   14 mal] mal dia B   15 morri] moiri B   17 morrera] moirera B   18 morrer] moirer B   20 eu] om. B   21 dela] deu de B

Variantes editoriais


8 mundo] mund’! Michaëlis   20 eu] om. Blasco, Littera

Paráfrase


(I) Se eu merecín algún mal de Deus, gran vinganza soubo El cobrar de min, porque me fixo ver unha moi boa dona, e moi fermosa, e aínda me fixo despois amala máis que a ningunha outra cousa; e, unha vez que isto me fixo Noso Señor, tamén a fixo a ela morrer, e deixoume a min (II) vivir no mundo, e en aciago día nacín por vivir eu así no mundo, porque Deus tan gran poder ten sobre min que me fai vivir así no mundo, sen ela, pois ben sei que terei gran coita mentres viva, cando non a vexa a ela, que para o meu mal vin.

(III) E para a miña desgraza, amigos, non morrín cando eu ouvín dicir que ela morrera, pois vede que coita podería perder por morrer naquel momento: a maior coita de cantas Deus fixo, en que vivo polo seu amor, aínda que nunca recibín ben dela.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:83)

Encontros vocálicos: 6 mi‿aquesto; 8 mundo,‿e

Notas


Texto
  • *

    Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas, cunha ligazón copulativa das dúas últimas estrofas, véxase nota á cantiga 55.

  • 3

    Á inversa da variación que se produce noutras pasaxes (véxase nota a 130.10), neste verso aparece tamén unha diferente opción temporal entre o Cancioneiro da Ajuda, que ofrece a forma verbal de pretérito fez, fronte ao presente (histórico) faz (talvez un erro de copia), no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e, eventualmente, o da Vaticana (véxase tamén 200.17, 307.8, 419.19, 982.10, 982.24, 995.7 e 13).

  • 7

    O pronome (e ela no v. 14), como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 11

    A lectura m’eno está xustificada pola grafía <m eno> de A e <meno> de B, aínda que me no tamén sería correcta: á tan gran poder / que me no mundo faz viver assi / sen ela ...

  • 20

    Coa omisión de eu en Blasco falta unha sílaba no verso.

  • 21

    A pesar da afirmación de Blasco sobre a falta de sentido da diverxente lección de B, achamos que unha lectura pero que nunca ben d’ende prendi ten perfecto sentido co pronome ende, por máis que o uso da preposición de con ende sexa verdadeiramente minoritario (véxase, con todo, 851.r2 e 929.7).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado