877 [= Tav 5,1]
Martin Moxa, a mia alma se perca

Afonso Gomez, jograr de Sarria, fez esta cantiga a Martin Moxa.

Martin Moxa, a mia alma se perca
polo foder se vós pecado avedes,
nen por boos filhos que [vós] fazedes;
mais avedes pecado pola erva
que comestes [e] que vos faz viver
tan gran tempo que podedes saber
mui ben quando naceu Adan e Eva.
[E] nen outrossi dos filhos barvados
non vos acho i por [mui] pecador,
senon dos tempos grandes traspassados
que acordades, e sodes pastor;
dized’ora, se vejades prazer:
de que tempo podiades se[e]r
quand’estragou ali o Almançor?
[E] de profaçar a gente sandia
non avedes por que vos embargar
nen por que filhardes en vós pesar,
ca o non dizen senon con perfia;
dizede-m’ora, se Deus vos perdon,
quanto nacestes vós ant’a sazon
que encarnou Deus en Santa Maria.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 886, V 470

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 93 [= LPGP 86]); Stegagno Picchio (1968: 225); Lagares (2000: 130 [rúbrica]); Lopes (2002: 106); Arias Freixedo (2017: 87); Littera (2016: I, 45).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 173); Braga (1878: 89); Machado & Machado (1953: IV, 222-223).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 205-206); Seoane (1941: 108-109); Fernández Pousa (1951: 110); Landeira Yrago (1975: 199); Tavares & Miranda (1987: 130-131); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 63); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 29); Arias Freixedo (2003: 291-292); Neves (2004: 127-128).

Variantes manuscritas


Rúbrica: Afonso] Aº BV; Martin] M̃ B : martim / Martin V
Texto: 1 Moxa] moya B : moia V   2 vós] nos B   3 boos filhos] boes filhus V   5 vos] uos BV   6 tempo] cpo B   7 quando] q̅udo B : q̅ndo V; naceu] uaceu B : nacer V; Eva] ena B   8 dos filhos] das filhus V   9 non] nro B; vos] uos BV; pecador] p’cardi B   10 dos] (d**) dos B : des V; tempos] tp̄s BV; traspassados] traspissadꝯ V   11 acordades] ncordades B   12 Dized’ora] dizede mora BV; prazer] prager B   14 quand’] q̅nd V   15 profaçar a gente sandia] ꝓfacar as gent̄s sandias B : ꝓfacar as gentes sandias V   16 avedes] anedes B   17 nen] nō V   18 dizen] dizer V   19 Dizede] dise/de V; vos] uos BV   20 quanto] q̅nto V; vós] uꝯ B : uꝯ V   21 encarnou] em car nō B; Santa] sanca B : sc̄ta V; Maria] Mwria B

Variantes editoriais


1 Moxa] Moya Stegagno Picchio : Moia Lopes   3 boos filhos que [vós] fazedes] bõos filhus que [vós i] fazedes Stegagno Picchio : bõos filhos que fazedes Lapa : bõos filhos que [i] fazedes Lopes, Arias Freixedo, Littera   5 [e]] om. Lapa   8 [E]] om. Lapa, Stegagno Picchio, Lopes, Arias Freixedo, Littera; dos filhos barvados] dos filhus barvadus Stegagno Picchio   9 acho i por [mui] pecador] acho i por [gran] pecador Lapa, Lopes : acho i por [+] pecador Stegagno Picchio : acho [eu] i por pecador Arias Freixedo, Littera   10 traspassados] traspassadus Stegagno Picchio   12 dized’ora] Dizede-m’ora Stegagno Picchio, Lopes, Arias Freixedo, Littera   15 [E]] om. Lapa, Stegagno Picchio, Lopes, Arias Freixedo; profaçar a gente sandia] profaçar[em] as gentes sandias Stegagno Picchio, Lopes : profaçar [i] a gente sandia Arias Freixedo, Littera   16 vos] vus Stegagno Picchio   18 perfia] perfia[s] Stegagno Picchio   20-21 quanto nacestes vós ant’a sazon / que encarnou Deus en Santa Maria?] quando nacestes vós? Ant’a sazon / que endcarnou Deus en Santa Maria? Lapa :  quando nacestes vós? Ant’a sazom / que encarnou Deus em Santa Maria? LopesLittera

Paráfrase


(I) Martín Moxa, que a miña alma se condene se vós pecastes polo foder nin polos bos fillos que vós facedes; mais pecastes pola herba que comestes e que vos fai vivir tanto tempo que podedes saber moi ben cando naceron Adán e Eva.
(II) E tampouco polos fillos xa barbados non vos considero por iso moi pecador, senón polo moito tempo xa pasado de que tendes memoria, e sodes aínda novo; dicide agora, así vexades pracer: de que idade podiades vós ser cando Almanzor alí causou estragos?
(III) E por que a xente sen xuízo fale mal non tendes por que vos incomodar nin sentir pesar, pois non o din senón por perfidia; dicídeme agora, así Deus vos perdoe, canto tempo antes de que Deus encarnase en Santa María nacestes vós? 

Métrica


Esquema métrico: 10’a 10’b 10’b 10’a 10c 10c 10’a (I [= Tav 161:188]) + 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10b (II [= Tav 101:27]) + 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (III [= Tav 161:118])

Encontros vocálicos: 2 pecado‿avedes

Notas


Rúbrica
  • Sarria alude á vila situada moi próxima a Lugo, de onde sería orixinario o trobador Afonso (ou Alvaro) Gomez.

Texto
  • *

    Nesta composición percíbese unha certa vacilación métrica no texto transmitido polos apógrafos italianos (vv. 3, 5, 8, 9, 15), talvez por problemas de copia.

  • 1

    En face da forma Moia suxerida pola <moya ~ moia>, optamos por Moxa, así atestado en Joan de Gaia, sen dúbida ningunha pola rima con roxa:

    –Comede mig’, e diran-nos cantares de Martin Moxa.
    Diz el en est’: –E meus narizes color d’escarlata roxa? (1471.7-8).

    Porén, a diversa documentación analizada pola crítica deu lugar a un debate, aínda vixente, sobre a forma real do nome do clérigo trobador, así como sobre a súa identificación con algún dos personaxes históricos nomeados nos documentos (véxase unha excelente síntese na “Nota biográfica” de Martin Moxa en Lopes & Ferreira & al. 2011- (http://cantigas.fcsh.unl.pt [consult. 27-3-2020]).

    A raíz perc-, face á xeral perç-, na P1 de presente indicativo e no presente de subxuntivo de perder, só se rexistra en 54.6, 373.2, 882.4, 926.6, 1549.18, 1605.9.

    No relativo a foder (do lat. futuere), voz escatolóxica, tal como outras voces pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pretencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), Alvaro Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
    Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):
            diz que tu,
            quando naceo Barzabu,
            eras ja diabo feito.
            E que jaa entam fodias
            e ias contr’òs inimigos.
    En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).

    Por outra banda, é de notar a rima anómala que se estabelecen entre perca (v. 1) - erva (v. 4) e Eva (v. 7), que forma parte dun conxunto de rimas irregulares que se caracterizan pola aparición do fonema /ɾ/ nun dos elementos. Véxase creades : mandardes (595.19-20), esforço : alvoroço : moço (1334.1-7), sesta : Meestra (1448.5-8), meestre : preste (1448.25-27), 1507.r1-r3 (erva : leva), calçades : pagardes (1598.15-18). Cfr. nota a 104.34-35, 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 453.5-6 e 698.5-6.

  • 3

    Neste verso falta unha sílaba métrica, razón por que acudimos ao pronome suxeito vós (cfr. i en Lopes, Arias Freixedo e Littera), conforme aparece en pasaxes similares: per este descreer que vós fazedes (1392.16), non dig’estes «bõos» que vós fazedes (1583.11).
    Obsérvese, ademais, como na copia de V aparece <filhus> (tamén no v. 8), coa terminación gráfica -us nunha voz en que é xeral a terminación -os; na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 5

    A ausencia da copulativa e ben pode ser simple problema de copia dos manuscritos; así, neste v. 5 a copulativa evita unha xustaposición e enlaza as dúas cláusulas paralelas.

  • 8

    A reintegración da copulativa no verso inicial da estrofa II (v. 8) e tamén da estrofa III (v. 15) é indicada polo seu uso frecuente nesta posición, aínda que moitas veces é esquecida no proceso de copia e que é precisa para a correcta contaxe decasilábica dos versos desta composición (cfr. [i] en diversas edicións). Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 9

    Para completar as dez sílabas do verso optamos por mui (pecador), elemento que con certa frecuencia é esquecido no proceso de copia, como mostran algunhas pasaxes en que os testemuños son diverxentes (A vs. BV: 400.13, 421.19; B vs. A: 194.4; BV vs. A: 421.13; B vs. V: 1184.3). No propio corpus trobadoresco este adverbio acompaña pecador:

    Maenfestou-se, ca diz que s’achou
    pecador muit’, e por én rogador
    foi log’a Deus (Fernan Velho, 1523.9)

    Tamén nas Cantigas de Santa Maria:

                              ... mas porque mãefestar
    non sse fora dos pecados, sol nono pod’acabar,
    ant’ouv’a ficar de fora com’ome mui peccador (CSM 217.19).

    Canto á súa presenza na prosa (cfr. TMILG, s.v. pecador, peccador), nunca achamos gran pecador, ao contrario de mui ~ moi pecador. Véxase nos Miragres de Santiago:

    Confesome, Señor, que soo culpado et moy peccador, mais tu que es piadoso et perdoador de todo los pecados que os omẽes fazẽ despois que se tornã a ti cõ boa cõtriçon.

    Mesmo en documentos tabeliónicos coevos:

    et peçolle por mercee por que ella sabe que eu soo muy pecador et ey muyto mester a sua aiuda et o seu deffendemento (testamento de 1326);

    Et porque eu soo muy pecador et fige et dixe moytas cousas que non devera contra voontade de meu sennor Ihesu Christo, por ende eu o dito Johan Fernandez faço et ordeno mina manda et meu testamento (testamento de 1371).

  • 12

    A presenza de m(e) provoca hipermetría no verso, circunstancia que obriga á súa expunción, como acontece noutras pasaxes en que o pronome aparece de forma espuria: véxase 191.10, onde a lección de A mostra como se debe eliminar a forma <mj> presente en B, ou 676.14, en que na terceira aparición do v. 2 do refrán se debe omitir o pronome mi, presente en B. En calquera caso, a lección <dizede mora> de BV (dized’ora) lembra unha outra pasaxe de Meen Rodriguez Tenoiro (366.3), onde o verso dizede-m’ora ũa ren foi transmitido como <dizede hora munha ren>B : <dizede munha ten> V.
    Canto a se vejades prazer é unha frase formularia de tipo aseverativo con apelo á segunda persoa con variantes moi próximas (se prazer vejades, 1174.1), aínda que en xeral se utiliza referida á primeira persoa: assi ~ si ~ se veja prazer (79.16. 384.16, 416.9, 419.4 etc.).

  • 14

    Coa alusión a Almançor, o líder musulmán do Califado de Córdoba no final do século X, o trobador está a insistir na vellice de Martin Moxa (contemporáneo de Adán e Eva, estrofa I, ou mesmo anterior á encarnación de Xesús Cristo, estrofa III).

  • 15

    Profaçar é variante minoritaria de posfaçar, pois só volve aparecer en 938.10 (e non creades quen quer profaçar).

    Sobre a reintegración da copulativa en posición inicial de estrofa, véxase nota ao v. 8.

    Por outra banda, a rima con perfia e Maria esixe a mudanza do plural para singular do sintagma as gentes sandias transmitido polos manuscritos e que Stegagno Picchio e Lopes respectaron, coa conseguintes mudanza para perfias no v. 18; nótese, ademais, a desinencia do infinitivo en profaçar[em] que a editora de Martin Moxa introduciu para nivelar metricamente o verso (véxase nota ao v. 5).

  • 20-21

    Certamente, ao longo do corpus áchanse algunhas confusións de copia entre quando e quanto, facilmente detectábeis cando algún dos manuscritos achega o texto correcto (véxase, por exemplo, 166.10, 423.5, 599.14 ou 624.12), mais de carácter por veces incerto cando existe coincidencia na lección dos apógrafos (633.5 e 13, 1186.14, 1279.3). É esta a razón que, sen dúbida, moveu Lapa para realizar a emenda en prol de quando no v. 20, favorecida pola explícita alusión ao tempo na pasaxe (esta proposta textual lapiana foi tamén aceptada por Lopes e Littera), ao tempo que condiciona a presenza de dúas interrogacións:

              Dizede-m’ora, se Deus vos perdon,
              quando nacestes vós? Ant’a sazon
              que endcarnou Deus en Santa Maria?

    En face desta fácil emenda, Stegagno Picchio mantivo con firmeza a unánime lección quanto de BV, cunha interpretación que achamos correcta (pronome interrogativo indirecto) e perfectamente aceptábel na lingua como se deduce da súa tradución italiana: «ditemi ora, che Dio vi perdoni: quanto siete nato prima del tempo in cui Dio si incarnò nella Vergine Maria?». Isto é, reordenando sintacticamente: «canto (tempo) antes de que Deus encarnou en Santa María nacestes vós?».

  • 21

    A lección <em car nō> de B mostra o erro <ō>/<ou> (derivado de <n>/<u>) que é moi frecuente ao longo dos cancioneiros, especialmente en B: <cōsimento> cousimento (116.22), <guisō> guisou (501.3), <uō> vou (564.7), <ōsara> ousará (589.3), <pōco> pouco (591.9), <baratō> baratou (729.5), <em car nō> encarnou (877.21), <ōui> ouvi (1233.12), <ōny> ouvi (1458.7), <sōbe> soube (1505.1, 1509.7), <buscō> buscou (1507.7), <nōtro> noutro (1509.1), <sōba> soub’a (1509.16), <cōsa> cousa (1510.1). E en V tamén se encontra o mesmo erro: <tornō> tornou (603.15), <morō> morou (865.12), <nō> vou (1012.20), <cōtre> voutre (1015.17).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado