I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 756-757 [= LPGP 678]); Littera (2016: II, 166-167); González (2018: 103).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 48-49); Machado & Machado (1949: I, 186-188); Rios Milhám (2017: I, 104).
5 morrer] moirer B; Nulh’omen] Nullomen B 15 aver [r]en] au’em B 18 u] He u B 21 saberei] saberer B 24 o[u]s’] oss B
2 nunc’a] nunca Michaëlis, Littera, González 12 [lhe]] [lh’o] Michaëlis 14 vergonha entrar] vergonh(a) entrar Michaëlis : vergonh’entrar Littera 15 de lh’averen a dizer én Michaëlis : de lhi haver a dizer en Littera : de lh’aver én a dizer [r]en González 18 u] se Michaëlis, Littera; ma] m[i]a Littera 21 no’me] non me Michaëlis, González : nom me Littera 28 máis] mais González
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8c 8a 8a 8c 8b 8d + 8a 8b 8b (= Tav 209:1)
Encontros vocálicos: 14 vergonha‿entrar
Con sanha (v. 3) está deslocado e provoca un hipérbato no período: ‘Quer’eu agora ja dizer con sanha o que nunca cuidei a dizer’.
A diferenza de Michaëlis, Littera e González, segmentamos a preposición a en nunca como elemento que liga cuidar co infinitivo, dado que esta é a construción maioritaria na lingua trobadoresca.
A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) de B para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.
A voz camanho, que ten un significado conforme á súa orixe no lat. quam magnum ‘que grande, tan grande’, funciona como un adxectivo cualificativo na lingua medieval, e nunha ocasión forma estrutura correlativa con tamanho (< tam magnum): Non creo que tamanho ben / mi vós podessedes querer / camanh’a mí ides dizer (594.7-9).
Dado que o protagonista é o suxeito, parece obvia a necesidade de emendar a lección do manuscrito na dirección tomada por González, que xustifica abondosamente a corrección; nese sentido apunta tamén o texto proposto por Littera, cun insólito hiato lhi | haver. Porén, coidamos que é preferíbel respectar a crase lh’aver e mais a palabra rimante én para evitar a presenza desta variante apocopada de ende perante vogal, feito inusual no corpus (véxase nota a 93.8), ao tempo que se introduce ren nun contexto paleograficamente tamén xustificado.
Eis outra pasaxe máis dos apógrafos italianos coa presenza espuria da forma verbal é, que tamén debe ser expunxida en 830.9, mellor solución do que a emenda michaëliana (seguida máis unha vez en Littera).
Neste verso e mais en 465.2 aparecen as dúas únicas ocorrencias da forma feminina reducida ma do posesivo mia, en liña con ta (que non se atesta no corpus trobadoresco profano) e sa (moi frecuente). Véxase nota a 609.1.
Nos textos transmitidos por A é frecuente a asimilación do adverbio non co pronome me ~ mi (> no’me ~ no’mi; cfr. a evolución regular -nm->-m-), face a BV que, en xeral, presentan a lección non me ~ non mi con manutención da integridade morfolóxica do adverbio negativo (66.13, 90.9, 223.r2, 239.7, 243.14, 258.9, 283.10, 285.13, 421.5, 423.20, 430.8). Na realidade, nos apógrafos italianos só se rexistra en tres ocasións (906.12 e 1482.5). A diferenza dos demais editores, mantemos tal asimilación, que chega até hoxe (Ferreiro 1999: §101c).
En González máis é explicitamente interpretado como conxunción copulativa, a facer parte da locución e mais, moi frecuente no galego moderno. Porén, preferimos considerar máis como adverbio de cantidade antecipado por hipérbato; isto é: ‘e por que lho negarei máis / ou que é o que temerei?’ (cfr. nota a 105.2-3). De feito, non achamos documentación firme para e mais, locución conxuntiva de carácter copulativo, nos textos do período trobadoresco, por máis que se rexistre algunha ocorrencia tardía, sempre en período postrobadoresco. Así, por exemplo, en territorio galego (cfr. TMILG, s.v.): «Et eles por lo acõpanar et mais por amor de Santiago, leuarõ cõsigo et dauãlle o que avia mester» (Miragres de Santiago). E no alén-Miño, véxase a Crónica de Dom Pedro I de Fernão Lopes (cfr. CGPA, s.v.): primeiramente que lhe emtregasse aquel cavalleiro, pera del fazer justiça omde el quizesse, e que lamçasse fora do reino o Iffante Dom Fernando marques de Tortosa seu irmaão, e mais Dom Anrrique, e todollos outros que veherom em ajuda da guerra, e que lhe desse os castellos Douriolla e Alicamte, e outros logares que forom de Castella amtiigamente, e mais por as despesas que fezera na guerra lhe tornasse quinhemtos mil floriins.
Obsérvese a frase formularia u non á al, variante de u al non á ‘certamente, sen dúbida’ (25.11, 170.23, 358.27, 685.10, 1017.2 e 1231.21) concorre con outras variantes ao longo do corpus, co mesmo verbo aver (non á i al etc.) ou co verbo jazer (u non jaz al ~ u al non jaz). Idéntico comentario pode facerse para as Cantigas de Santa Maria, en que se detectan os mesmos grupos fraseolóxicos (u al non averá ~ u non averá al, u al non jaz, u non aja al, u non ouvess’al, u outra ren non jaz etc.; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. al, aver, jazer, u). Véxase nota a 597.13.
Nestes dous versos aparece a nivelación /l/:/ɾ/ na rima al - alongar (retomando a rima -ar da estrofa anterior), en liña con moitas outras ocorrencias desta equivalencia. Véxase 144.1-6 (amar : al), 541.2-3 (amor : frol), 971.17-21 (souber : segrel), 975.12-21 (amar : dar : al : val), 1202.9-10 (atal : guaanhar), 1207.1-2 (bailar : brial), 1207.11-12 (brial : pesar), 1207.16-17 (vestir : min)1 , 1292.r1-r3 (Soveral : estar : Soveral), 1356.1-2 (Natal : dar), 1359.2-6 (cantar : mal : brial), 1369.2-8 (Soveral : atal : falar : Corral), 1379.8-10 (mal : Albar- : tal), 1430.12-13 (priol : melhor), 1495.5-6 (segrel : molher), 1507.13-17 (dar : ferrar : lamaçal : ar), 1515.1-7 (rascar : pesar : Juncal), 1519.8-14 (maenfestar : mal : maenfestar), 1519.15-24 (falar : cuidar : falar : val), 1533.15-18 (disser : segrel), 1534.7-12 (segrel : quiser), 1659.12-13 (taful : algur), 1616.2-4 (Elvas : ervas), 1617.8-12 (cervas : Elvas : relvas), 1617.32-36 (ervas : Elvas : relvas), 1664.9-11 (segrel : mester), 1659.12-13 (taful : algur). Cfr. notas a 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 453.5-6, 698.5-6 e 877.1-7.
A equivalencia acústica /l/:/n/ é similar a /l/:/ɾ/, todas elas consoantes líquidas.