798 [= Tav 102,1]
Ai amiga, per bõa fe

Ai amiga, per bõa fe,
nunca cuidei, des que naci,
viver tanto como vivi
aqui u meu amigo é:
non o veer nen lhi falar
e ave-lo eu muit’a desejar!
E, se non, Deus non mi perdon
se m’end’eu podesse partir,
tanto punha de me servir
o senhor do meu coraçon,
meu amigo, que ést’aqui,
a que quix [sempre] ben des que o vi
e querrei ja mentr’eu viver
esso que eu de viver ei;
[e] de meu amigo ben sei
que non sab[e] al ben querer
senon mí, e máis vos direi:
sempre lh’eu por ende melhor querrei
ca lhi quer’, e Deus poder
mi dé de con el viver.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 802, V 386

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 193-194 [= LPGP 672-673]); Cohen (2003: 270); Littera (2016: II, 159).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 146); Braga (1878: 73); Machado & Machado (1953: IV, 101).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 172).

 

Variantes manuscritas


1 bõa] boa B   3 vivi] muj B   13 querrei] q̅irey B; viver] auier V   14 eu] en V   18 querrei] q̅irey B

Variantes editoriais


6 eu] ei Cohen   12 quix] quis Cohen; [sempre]] om. Nunes, Littera   15 [e]] om. Nunes; ben] [mui] ben Nunes   16 sab[e] al] sab’[el] al Cohen   18 por ende melhor] por én mais Nunes   19 quer’] quer[o] Nunes, Cohen, Littera   20 mi dé de con el] mi dê de [já] con el Nunes : mi dé de con el[e] Cohen : mi dé de com el[e] Littera

Paráfrase


(I) Ai amiga, abofé, nunca pensei, desde que nacín, vivir tanto como vivín aquí onde está o meu amigo: sen o ver e sen lle falar, e desexándoo tanto!

(II) E, se non, Deus non me perdoe se eu me fose de aquí, tanto se esforza en me servir o señor do meu corazón, o meu amigo, que está aquí, a quen sempre quixen ben, desde que o vin, (III) e quererei, mentres viva o que teña que vivir; e ben sei que o meu amigo non sabe querer ben outra cousa, excepto a min, e aínda vos direi máis: sempre por iso lle quererei eu aínda máis (1) do que lle quero, e que Deus me dea poder de vivir con el.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 10c (= Tav 160:362) + 7a 7a (= Tav 160:362)

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, igual que as cantigas 74, 85, 239, 315, 321, 389 etc., presenta total ligazón interestrófica a partir da segunda estrofa, que está unida copulativamente coa primeira, susceptíbel, por tanto, de ser considerada unha cantiga ateúda atá a fiinda. Cfr. notas ás cantiga 55 e 92. Véxase notas ás cantigas 15 e 24
    Tal carácter de cantiga ateúda atá a fiinda explica a emenda coheniana no v. 6, onde transforma o suxeito eu na forma verbal ei, para ligar máis explicitamente as dúas primeiras estrofas.

  • 10

    O sintagma senhor do meu coraçon, atribuído nesta cantiga ao amigo, nalgunhas cantigas de amor é tamén aplicado á dona (véxase 264.5, 295.3, 511.22, 909.2). Referido ao amigo pode verse tamén en 602.16.

  • 12

    Os vv. 6 e 18 mostran como o derradeiro verso estrófico ten de ser un decasílabo, que nesta estrofa comparece como octosílabo: é por isto que se torna necesaria a reintegración do adverbio sempre, moi frecuente nos contextos en que se rexistra a expresión querer ben.

  • 13

    Cohen considera que a rima -er [er] de viver (futuro de subxuntivo) co infinitivo querer (v. 13) é anómala por considerar erradamente que a vogal da desinencia do futuro de subxuntivo nos verbos regulares tamén é aberta, feito fonético que se produce nese tempo nos verbos irregulares (véxase tamén 820. 13 e 1274.5).

  • 15

    A reintegración da copulativa no inicio do verso (neste caso explicitada cun espazo en branco en B) está sustentada, ademais, pola súa frecuente omisión por erro de copia nesa posición, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). Noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica que a copulativa debe ser recuperada (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.

  • 16

    O texto fixado en Nunes parte da existencia de idéntica medida de todos os versos, feito que o leva a modificar de modo importante a lección enviada polos manuscritos (no v. 6 é de supor que o editor portugués computaba as sinalefas *eave-loeu para reducilo a oito sílabas).

  • 16-17

    No corpus das cantigas profanas, as construcións dos verbos desejar / nembrar / querer + senon mi(n)/vós (véxase tamén 674.3-4, 689.8-9, 708.16-17, 928.2) non presenta a preposición a, dun modo similar ao que acontece nas construcións amar máis ca mí/min (nen al) e querer melhor ca mí/min (véxanse notas a 44.13 e 177.22) e mais querer maior ben / ben maior ca mi(n)/sí (véxase nota a 679.5-6).

  • 19-20

    Mantemos a hipometría da fiinda, aínda recoñecendo que sería posíbel a reintegración de elementos en cadanseu verso para regularizar a medida (quer[o], el[e]). O respecto da unánime lección ofrecida por BV deriva da existencia de cantigas que presentan combinacións métricas similares (regulares de versos decasilábicos con un eneasílabo, véxase 970, 1043 ou 1508), e, sobre todo, de cantigas en que a fiinda presenta unha sílaba menos (véxase 759).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado