42 [= Tav 47,11]
Ja m’eu quisera leixar de trobar

Ja m’eu quisera leixar de trobar
se me leixass’a que mi-o faz fazer;
mais non me quer leixar, ergo morrer,
como leixar-m’en seu poder d’Amor,
atan falso nen atan traedor
que nunca punha erg’en destroir
o que é seu e que non á u lh’ir.
Eu, que non ei u lh’ir que a tornar
non aja a el e ao seu poder,
nunca del pudi nen un ben aver,
ca non quis Deus nen el nen mia senhor,
ante me faz cada dia peor,
e non atendo de m’én ben viir:
con tod’esto non lhi posso fugir.
[E] a quen Deus quisesse poder dar
de lhi fogir muit’estaria ben,
ca de mil coitas, en que omen ten,
se guardaria daquel desleal,
ond’omen non pode aver ergo mal;
e d’Amor nunca ome desleal vi,
e vejo eu muitos queixar come mí.
Por quantos eu vejo d’Amor queixar,
se ar visse que se loass[en] én,
ben mi-o podia desdizer alguen
do que del digo; mais non á i tal
a que eu veja d’Amor dizer al
senon quant’eu digo e que padeci
sen ben d’amor, que nunca eu perdi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 68

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 696-697 [= LPGP 317-318]); Littera (2016: I, 360).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 22-23); Machado & Machado (1949: I, 87-88); Rios Milhám (2017: I, 42).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 99-100); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 73).

Variantes manuscritas


3 morrer] moirer B   4 leixar-m’en] leixar meu B   5 atan falso] de tan falsso B   14 tod’esto] codesto B   17 coitas] coycas B   18 desleal] desleal uj B

Variantes editoriais


4 como] E quer Michaëlis   10 nen un] nenhun Michaëlis : nẽum Littera   13 viir] vĩir Michaëlis   15 [E] a quen Deus quisesse poder] A quen Deus quisesse [o] poder Michaëlis : A quem Deus quisesse [o] poder Littera   16 fogir] fugir Littera   19 pode] pod(e) Michaëlis   20 Ed Amor nunc’a ome leal vi Michaëlis : E Amor nunc’a home leal vi Littera   21 come mí] con mi Michaëlis : com’mi Littera   23 que se loass[en] én] quen se loasse én Michaëlis : quem se loasse en Littera   26 que] que[n] Michaëlis, Littera   27 e] om. Michaëlis, Littera   28 perdi] prendi Michaëlis, Littera

Paráfrase


O namorado desexa deixar de trobar, mais a súa dama non llo permite, a non ser que morra, e entrégao ao poder do Amor, que é tan falso e tan traidor que é imposíbel fuxir del e que destrúe todo o que é seu (I). O trobador declara que non hai lugar onde ir que non implique retornar a Amor e ao seu poder, e que nunca del obtivo ningún ben, pois nin el nin Deus nin a súa senhor o quixeron. Ben pola contra, logra que cada día se sinta peor, de modo que xa non agarda que lle poida vir nada bo, mais é incapaz de fuxir del (II). E aquel a quen Deus outorgase o poder de fuxir do pérfido Amor sería afortunado, pois evitaría sofrer coitas e protexeríase del, xa que o único que ocasiona aos homes son males e padecementos. O namorado afirma que nunca viu a ningún home que fose desleal a Amor, mais si viu a moitos queixárense coma el (III). E, aínda con iso, se tamén vise que o louvasen, alguén podería facer que se retractase da súa opinión, mais non hai ningún outro namorado a quen el vexa dicir algo diferente ao que el afirma e ao que el padeceu, xa que nunca recibiu ningún ben do Amor, que, por tanto, nunca perdeu.

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas de sete decasílabos agudos. As cobras son doblas, a excepción da rima a (primeiro verso de cada agrupación estrófica), que é unissonans, por causa da palavra perduda.

Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10c 10c 10d 10d (= Tav 199:1)

Encontros vocálicos: 2 mi-o; 9 aja‿a; 19 pode‿aver; 20 nunca‿ome; 21 vejo‿eu; 24 mi-o; 27 digo‿e

Notas


Texto
  • 4

    A conxunción como cumpre neste verso a función de introducir un infinivo explicativo, facéndoo equivaler a ‘isto é’ (só se rexistra en 87.8, 119.17, 167.11, 196.13, 220.11, 547.13, 638.3 e 861.13). A rareza da construción debeu levar a Michaëlis á emenda da lección manuscrita.

  • 5

    A sintaxe esixe a emenda da lección manuscrita, na liña de Michaëlis, a partir dun erro <de>/<a>, para, deste xeito, estabelecer unha estrutura paralela atan falso nen atal traedor. Neste sentido, no Cancioneiro da Ajuda percíbese unha maior presenza das formas reforzadas atal, atan, atanto, fronte a BV, que tenden a presentar as variantes sen a- protético. Véxase tamén 282.14 ou 285.19.

  • 14

    O verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.

  • 15

    É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 17-19

    Nótese como no final deste verso (desleal) foi copiado o final do v. 20 (desleal vi) por salto de liña, feito que obriga á emenda da lección manuscrita.

  • 20

    A consideración dunha hipotética forma ed para a copulativa e (< ĕt) é errada por parte de Michaëlis, que a introduciu tamén, a partir dunha falsa segmentación, en 7.13 e 54.22, talvez por influencia da variante contextual ed (perante vogal) da copulativa en italiano.

    Carolina Michaëlis (seguida por Littera) interpreta, por outra parte, que existe un erro de copia –por repetición– e corrixe o desleal do manuscrito, ao tempo que segmenta tamén unha preposición a no final de nunca, interpretando o verso como ‘nunca vin que Amor fose leal ao home’; ora ben, o texto de B non admite dúbidas: presenta o contraste da deslealdade do Amor fronte á lealdade do trobador, de modo que se pode manter a lección manuscrita, coa sinalefa nuncaome, que permite conservar a medida decasilábica do verso.

  • 21

    Michaëlis non desenvolveu a abreviatura presente en <com̄>, transformando o enlace na preposición con: xérase así o sintagma anómalo con mí ‘comigo’ (virado nunha imposíbel secuencia commi en Littera), que substitúe a estrutura comparativa coa forma oblicua do pronome. Véxase nota a 43.15.

  • 23

    O erro de copia, denunciado polo sentido e pola métrica, é certamente explicábel por haplografía.

  • 24

    Desdizer é documentación única na poesía profana galego-portuguesa, ao tempo que ten unha presenza moi esporádica na lingua medieval (cfr. tamén desdezidor en 1444.3).

  • 26

    O relativo que cumpre tamén funcións de quen na lingua medieval, sen que sexa necesario modificar a lección do manuscrito.

  • 28

    Michaëlis (e Littera) considerou que nesta pasaxe existe un erro <ꝑdj>/<p̄ndj>, de fácil explicación paleográfica. Porén, respectamos a lección enviada polo manuscrito, tendo en conta que no corpus non se localiza a expresión prender ben d’amor e, por outra parte, que o trobador non perdeu o que nunca tivo, en liña con Joan Lobeira, cando expresa exactamente esta idea: non pod’El tanto, pero pod’e val, / que me faça perder, esto sei eu, / da mia senhor ben, pois mo nunca deu (230.18-20).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado