674 [= Tav 11,3]
A maior coita que eu no mund’ei

A maior coita que eu no mund’ei
a meu amigo non lh’ouso falar:
é amigo que nunca desejar
soub’outra ren senon mí, eu o sei,
e, se o eu por mí leixar morrer,
sera gran tort’, e non ei de fazer
que lh’eu quisesse ben de coraçon,
qual a min quer o meu des que me viu,
e nulh’amor nunca de min sentiu
e foi coitado por mí des enton,
e, se o eu por mí leixar morrer,
[sera gran tort’, e non ei de fazer]
que lhi quisesse ben, qual a min quer
o meu, que tan muit’á que desejou
meu ben-fazer, e nunca lhi prestou
e sera morto se lh’eu non val[v]er,
e, se o eu por mí leixar morrer,
[sera gran tort’, e non ei de fazer]
o maior torto que pode seer:
leixar dona seu amigo morrer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 659, V 260

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 85); Minervini (1974: 57 [= LPGP 110]); Cohen (2003: 144); Littera (2016: I, 111).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 97); Braga (1878: 51); Machado & Machado (1952: III, 326-327).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 313-314).

Variantes manuscritas


1-2 mund’ei / a meu] munde ay / Meu B : mundey / meu V   5 morrer] moirer B   6 gran] g̃ra B   7 coraçon] coracō B   11 morrer] moirer B   15 ben-fazer] ben fizer V   17 morrer] moirer B   19 morrer] moirer B

Variantes editoriais


3 é] e Nunes, Minervini   7 que lh’eu] qual eu Cohen   13 que lhi] qual i Cohen; min] mi Nunes   15 ben-fazer] bem fazer Littera   16 val[v]er] valer Nunes, Minervini, Littera

Paráfrase


(I) A maior coita que eu teño no mundo non me atrevo a dicirlla ao meu amigo: é amigo que nunca soubo desexar outra senón a min, ben o sei, e se o eu deixase morrer por min será unha grande inxustiza, e non hei de facer (II) de forma que o meu corazón o quixese como a min me me quere o meu (amigo) desde que me viu, e ningún amor nunca de min sentiu e sufriu coita por min desde entón, e se o eu deixase morrer por min será unha grande inxustiza, e non hei de facer (III) de forma que o amase, cal a min me ama o meu (amigo), que hai tanto tempo xa que desexou o meu favor, e nunca lle serviu de nada e morrerá se eu non o socorrer, e se o eu deixase morrer por min será unha grande inxustiza, e non hei de facer (1) a maior inxustiza que pode haber: deixar unha dona o seu amigo por si morrer.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= Tav 160:12)

Notas


Texto
  • *

    Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda atá fiinda, con ligazón sintáctico-discursiva entre as súas tres estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270), nin tampouco Nunes ou Minervini considerasen esa posibilidade. Cfr. nota á cantiga 15.
    En xeral, na cantiga percíbese unha sintaxe laxa que explica as decisións contraditorias dos editores canto á ligazón interestrófica (efectuada en Littera); en calquera caso, semella que o discurso da amiga está dirixido a unha confidente (cfr. o meu (amigo) nos vv. 8 e 14).

  • 1-2

    Nótese como a inicial preposición a do v. 2 foi integrada na lección ofrecida por B para o final do v. 1, mentres que en V foi directamente omitida. Por outra parte, é de subliñar que estes dous versos reflicten unha expresión de sintaxe vaga (nótese a elipse da forma verbal é: ‘A maior coita que teño no mundo é non lle ousar falar ao meu amigo), que se prolonga no resto da composición.

  • 3

    O sentido do período e a necesidade dun verbo principal esixe interpretar como forma verbal é o que Nunes e Minervini editaron como conxunción copulativa.

  • 3-4

    No corpus das cantigas profanas, as construcións dos verbos desejar / nembrar / querer + senon mi(n) (véxase tamén 689.8-9, 798.16-17, 928.2) non presentan a preposición a, dun modo similar ao que acontece nas construcións amar máis ca mí/min (nen al) e querer melhor ca mí/min (véxanse notas a 44.13 e 177.22) e mais querer maior ben / ben maior ca mi(n)/sí (véxase nota a 679.5-6).

  • 4

    O pronome persoal tónico , en función de CD, pode aparecer sen preposición a, igual que os restantes pronomes tónicos oblicuos (ti, el(as), nós, vós), que presentan idéntico comportamento na lingua trobadoresca. Cfr. nota a 4.9.

  • 7-13

    Cohen modifica a lección dos manuscritos nos vv. 7 e 13 para tentar racionalizar unha expresión un bocado confusa: o editor das cantigas de amigo mudou a conxunción inicial de estrofa que en prol de qual para estabelecer unha comparación non ei de fazer qual... No entanto, xulgamos que se debe interpretar que como unha conxunción consecutiva, ao tempo que tanto no v. 8 como no v. 13 o meu refírese ao amigo: ‘se eu deixo ao meu amigo morrer de amor por min será unha inxustiza, mais eu non vou mudar o meu corazón para que o queira como me a min quere o meu (amigo)’.

  • 15

    A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do correspondente sintagma tan frecuente na cantiga de amor, é de uso limitado no corpus trobadoresco (119.17, 143.7, 178.31, 405.6, 513.15, 857.6, 928.6, 954.22, 1065.30, 1119.23, 1330.2, 8 e 15, 1338.10 e 1408.6). De calquera maneira, o mesmo substantivo composto pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media, como na Crónica de D. Fernando: e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Macchi 2004: 355-356); tamén no Livro das Confissões: ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Martín Pérez 2012-2013: 367).

  • 16

    A vogal aberta de quer obriga á emenda editorial, realizada por Lapa (1982: 162) e acollida por Cohen, sobre a lección <ualer>, forta analóxica do futuro de subxuntivo que aínda presenta a forma máis etimolóxica valver nalgunhas cantigas (véxase 117.12). De todos os xeitos, a mesma corrección en prol de valver é necesaria, por razóns rimáticas, tamén en 1064.4.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado