29 [= Tav 47,5]
De-lo dia en que eu amei

De-lo dia en que eu amei
mia senhor e lhi quis gran ben,
maior que mí nen outra ren,
sempr’eu punhei en lhi buscar
quant’én soubi maior pesar;
mais ora non me saberei
conselhar quando lh’averei,
sen meu grad’, a buscar prazer.
E o pesar vos mostrarei
(que nada non negarei én)
que lhi fiz: que non pud’al ben
querer, poi-la vir, nen amar,
atanto lhi fiz de pesar;
mais gran prazer lhi per-farei
ora quando m’alongarei
d’u a eu soia a veer.
E pod’ũa cousa creer
ben mia senhor se lhi proug[u]er:
que, pois eu esto feito oer,
aquela ren nunca sera
que a min grave seja ja,
por nulha ren, de cometer
s[e] eu esto posso fazer,
mais cuido que non poderei.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 55

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 675-676 [= LPGP 315]); Littera (2016: I, 351-352).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 18); Machado & Machado (1949: I, 72-73); Rios Milhám (2017: I, 29).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 208-209).

Variantes manuscritas


3 nen outra ren] uen outra tem B   22 nulha] nulla B

Variantes editoriais


1 en] (e)n Michaëlis   5 én] eu Michaëlis, Littera   9 vos] vus Michaëlis   12 vir] vi Michaëlis, Littera   16 soia] soí(a) Michaëlis   19 feito] feit(o) Michaëlis   23 s’eu esto posso [per] fazer Michaëlis

Paráfrase


(I) Desde o día en que eu amei a miña señora e a quixen máis que a min nin a outra cousa, sempre me esforcei en lle causar un maior pesar; mais agora non saberei que facer cando, contra a miña vontade, terei que lle causar pracer. 

(II) E mostrareivos o pracer –pois nada ocultarei– que lle fixen: que non puiden, despois de a ver, querer ben nin amar outra cousa, este é o pesar que lle fixen; mais un gran pracer lle farei agora cando me terei de ir lonxe do lugar onde eu adoitaba vela. 

(III) E ben pode crer unha cousa a miña señora, se o tiver a ben: que após eu ter feito isto, nunca existirá cousa ningunha que me sexa moi difícil de acometer se eu podo facer isto, mais coido que non poderei.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8c 8c 8a 8a 8d (= Tav 190:1)
Encontros vocálicos: 1 dia‿en; 16 so·i·a‿a; 19 feito‿oer

Notas


Texto
  • 12

    A lección vir de B debe ser conservada por canto o futuro subxuntivo é o tempo habitual en frases temporais introducidas por pois.

  • 16

    Na lingua trobadoresca o verbo soer aparece en complexos verbais (soer + infinitivo) mais tamén en estruturas equivalentes coa preposición a como nexo (véxase 371.28, 723.2, 817.14, 1074.42, 1382.4, 1621.9, 1622.8). Cfr. nota a 3.17.
    Por outra banda, a métrica do verso indica que se debe facer a sinalefa soia‿a, de modo que o conxunto sume tres sílabas métricas, con hiato obrigado pola vogal tónica /i/: so.i.a‿a.

  • 19

    O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. ouess(e) B); 64.465.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).

  • 22

    Nótese a grafía <nulla>, con <ll> en vez de <lh>, que é verdadeiramente frecuente neste indefinido nos apógrafos italianos, sobre todo en B. Así ocorre nos seguintes contextos, todos eles pertencentes a cantigas transmitidas unicamente por B (ou por AB): 39.2, 44.5, 55.18, 65.11, 12, 14 e 20, 66.16, 71.24, 72.3, 73.13, 74.28, 92.15, 94.3, 96.11, 97.5, 104.6, 107.9, 108.18, 111.7, 135.16, 152.9 e 12, 166.16, 235.18, 236.28. Ora ben, <ll> en nulho é grafía escasa no Cancioneiro da Vaticana, aínda que tamén se rexistra nalgunhas cantigas compartida con B: 419.2, 701.13, 721.171 , 1516.6, 1609.18, 1643.10. Noutros casos, existe forma con <ll> ou con <lh> só nun dos apógrafos italianos: B vs. V (1040.6, 1392.9, 1533.6, 1580.12), V vs. B (362.6, 373.17).
    Na realidade, a grafía <ll>, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente da xeminada latina (alli, aquela e ela, bailada, castelo, cavalo, eles, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc.), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo (véxase nota a 6.32) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 23

    A solución de Michaëlis para a hipometría deste verso contradí o principio da autonomía silábica da condicional se, sendo a solución máis lóxica a restauración da vogal ausente, por lapso do copista, no manuscrito (véxase Ferreiro 2013b: 458).

  1. ^

    Neste caso aparece <Nula> B (e <Nulla> en V), probabelmente por erro de copia no Cancioneiro da Biblioteca Nacional.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado