759 [= Tav 70,44]
Quer’eu, amigas, o mundo loar

Quer’eu, amigas, o mundo loar
por quanto ben mi Nostro Senhor fez:
fez-me fremosa e de mui bon prez,
ar faz-mi meu amigo muit’amar:
aqueste mundo x’ést’a melhor ren
das que Deus fez a quen El i faz ben.
O paraiso bõo x’é, de pran,
ca o fez Deus, e non dig’eu de non;
mai-los amigos que no mundo son
amigos muit[o] ambos lezer an:
aqueste mundo [x’ést’a melhor ren
das que Deus fez a quen El i faz ben].
Querria-m’eu o parais’aver
des que morresse ben come quen-quer;
mais, poi-la dona seu amig’oer
(e con el pode no mundo viver),
aqueste mundo [x’ést’a melhor ren
das que Deus fez a quen El i faz ben].
Quen aquesto non tever por ben
nunca lhi Deus dé en ele ren.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 743, V 345

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 87 [= LPGP 460]); Nunes (1973 [1928]: 161); Cohen (2003: 232); Littera (2016: I, 519-520).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 135); Braga (1878: 66); Machado & Machado (1953: IV, 48-49); Domingues (1992: 43); Cohen (1996: 3).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 21); Cidade (1941: 20); Álvarez Blázquez (1975: 112-113); Alvar & Beltrán (1989: 266); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 99); Arias Freixedo (2003: 481-482).

Variantes manuscritas


10 amigos] amiga V   13 Querria] Queiria BV   14 morresse] moiresse B   16 no] nō B   17 aqueste] al/q̅ste B   19 tever] tener V   20 Deus] d’e B; ren] ten B

Variantes editoriais


2 mi] m’i Cohen, Littera   10 amigos muit[o]] [e] amiga[s] muyt’ Nobiling : [e] amigas muit’ Nunes, Cohen   19 Quen] [E] quen Nobiling, Nunes, Cohen, Littera   20 nunca] [ja] nunca Nobiling, Nunes, Littera; dé] dê Nunes, Littera : [ar] dé Cohen

Paráfrase


(I) Quero eu, amigas, louvar este mundo por todo canto ben me fixo Noso Señor: fíxome fermosa e de moito valer; tamén me fixo amar moito ao meu amigo: este mundo é a mellor cousa das que Deus fixo, para quen nel recibe o ben de Deus.

(II) O Paraíso é bo, está claro, porque o fixo Deus e eu non digo que non; mais os amigos que no mundo están namorados moito gozo teñen ambos: este mundo é a mellor cousa das que Deus fixo, para quen nel recibe o ben de Deus.

(III) Quería eu ir ao Paraíso cando morrese, tal como calquera (o querería); mais, cando unha dona tivese un amigo (e con el pode vivir no mundo), este mundo é a mellor cousa das que Deus fixo, para quen nel recibe o ben de Deus.

(1) A quen non pense que isto así é, nunca Deus lle dea nada nel (no mundo).

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 9c 9c (= Tav 160:117)

Notas


Texto
  • 2

    Certamente, sería posíbel (con Cohen), mais non necesario, considerar en m’i a presenza do adverbio pronominal. 

  • 7

    Paraiso só se documenta na fiinda dunha cantiga de Pero Garcia Burgales (178.31):

              E se me Deus quisesse dar seu ben

              d’ela, ja lh’eu quitaria por én

              seu parais’e outro ben-fazer.

  • 8

    A construción dizer de non ‘negar’, en que de cumpre a función da conxunción que, aparece esporadicamente no corpus profano (153.11, 328.4, 400.3, 536.10, 971.26, 989.10, 1420.3, 1488.9, 1636.13 e 1648.16-17).

  • 9-10

    O respecto á lección dos manuscritos é compatíbel coa correcta expresión lingüística e o sentido xeral da estrofa. Neste caso, a ausencia de puntuación permite unha certa ambigüidade de modo que muit[o] pode referirse a amigos (‘os amigos que no mundo son muito amigos’) ou a lezer  (‘ambos teñen muito lecer’). E neste sentido, as diversas modificacións da lección manuscrita feita polos anteriores editores son superfluas: [e] amiga[s], muyt’ ambos lezer an (Nobiling, Nunes, Cohen); a opinión de Lapa é coincidente con estes editores, ao afirmar que «N[unes] seguiu a lição de G. N., fidelíssima aos apógrafos, mas absolutamente ininteligível. O verso deveria ter sido estropiado e será, quanto a nós: ai, amigas, muit’ar nos lezer dan» (Lapa 1982: 165).

  • 15

    O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 65.22 (ouver A vs. oer B), 141.6 (ouver A vs. oer B), 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase Ferreiro (2016a: 119-126). Sobre outras formas do tipo ouer e oue ~ oui véxase nota a 10.18.

  • 15-16

    Nótese a descoordinación temporal entre os dous versos, que resolvemos, respectando a lección manuscrita, por medio da paréntese para o segundo verso, ausente nas edicións anteriores.

  • 19-20

    Mantemos a hipometría da finda, polo seu carácter sentencioso, aínda recoñecendo que no primeiro verso se resolve doadamente coa introdución dunha conxunción e inicial, mentres no segundo xa é necesaria a inclusión dunha partícula: ja en Nobiling (nunca [ja] lhi...) e Nunes e mais Littera ([ja] nunca lhi...); ar en Cohen (nunca lhi Deus [ar] dé en ele ren). Porén, a existencia de cantigas que presentan combinacións métricas regulares de versos decasilábicos con un eneasílabo (véxanse, por exemplo, as cantigas 970, 1043 ou 1508).

  • 20

    O pronome ele refírese ao mundo (vv. 16 e 17).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado