[last revised: 23/02/2024]Print

493 [= Tav 18,11]
Dominga Eanes ouve sa baralha

Dominga Eanes ouve sa baralha
con ũu genet’e foi mal ferida,
empero foi ela i tan ardida
que ouve depois a vencer sen falha,
e, de pran, venceu bõo cavaleiro;
mais empero era-x’el tan braceiro
que ouv’end’ela de ficar colpada.
O colbe colheu-[a] per ũa malha
da loriga, que era desmentida;
e pesa-m’ende porque essa ida,
de prez que ouve máis, se Deus me valha,
venceu ela; mais [pel]o cavaleiro,
per sas armas e per com’er’arteiro,
ja sempre end’ela seera sinalada.
E aquel mouro trouxe con o veite
dous companhões en toda esta guerra,
e demais á preço que nunca erra
de dar gran colpe con seu tragazeite;
e foi-[a] achar come costa juso,
e deu-lhi por én tal colpe de suso
que ja a chaga nunca vai çarrada.
E dizen meges que usan tal preit’e
que atal chaga ja máis nunca serra
se con quanta lãa á en esta terra
a escaentassen, nen con no azeite,
porque a chaga non vai contra juso,
mais vai en redor come perafuso,
e por én muit’á que é fistolada.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscripts


B 495, V 78

Editions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 46-47 [= LPGP 144]); Paredesa (2001: 308); Lopes (2002: 87); Paredesb (2010a: 280); Ferreiro (2010b: 256-257); Littera (2016: I, 103-104); Arias Freixedo (2017: 107).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 36-37); Braga (1878: 16); Machado & Machado (1950: II, 377-378); Paredes (2010b: 196-199); Paredes (2010c: 137-138); Rios Milhám (2018b: III, 493).
III. Antoloxías: Torres (1977: 57-58); Tavares & Miranda (1987: 71-72); Arias Freixedo (1993: 97-98); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 68-69); Diogo (1998: 182-183); Arias Freixedo (2003: 356-357); Neves (2004: 118-119); Marcenaro (2006: 38-40); Fidalgo (2009a: 172).

Manuscript variants


1 Dominga] Domingas BV   4 vencer] uenzer V   5 venceu] ueuceu B : uenzeu V; bõo] bōo B   6 era-x’el] ex̃el B : ēxel V   8 colbe] colte B   11 prez] p’ez B : p̄ez V   12 venceu] ue çeu V   13 e] o V   14 sinalada] smalada V   15 mouro] meuro V; con o veite] coroueite B : coroneite V   16 dous companhões en toda] deꝯ cō panhoes en teda BV   17 preço] p̄co B   20 colpe] cope B   21 çarrada] carrada BV   22 preit’e] p’yre B : pʳeyte V   23 que atal] āa tal] V; serra] Sarra B : sarra V   24 lãa] laa BV   25 escaentassen] esca entra ssem B   26 chaga] cha ha B : cha cha V

Editorial variants


1 Dominga] Domingas Lapa, Paredesa, Paredesb, Lopes, Ferreiro   2 ũu] um Littera : un Arias Freixedo   6 era] é Lapa, Paredesa, Paredesb : e[ra] Lopes   8 colheu-[a]] [a] colheu Lopes, Littera, Arias Freixedo : colheu Paredesa, Paredesb   9 desmentida] desvencida Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   12 [pel]o] [log]o Lapa : o Paredesa, Paredesb   13 e per] o fez Lapa, Paredesa, Paredesb   14 sempre] sempr’ Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera, Arias Freixedo; sinalada] esmalhada Lapa   15 con o veite] com’arreite Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   19 achar come] achaar con Lapa, Paredesa, Paredesb : achaar com Lopes, Littera   21 çarrada] sarrada Lopes : cerrada Littera, Arias Freixedo   22-23 E dizen meges que usan tal preit’e / que atal chaga] E dizen meges: – Quen usa tal preit’e / á atal chaga Lapa : E dizen meges que ũus an tal preit’e / que atal chaga Paredesa, Paredesb : E dizem meges que usam tal preite / que atal chaga Lopes : E dizen meges que usan tal preit’e / an atal chaga Ferreiro   23 serra] cerra Littera   24 lãa] lã Lopes, Littera, Arias Freixedo   25 con no] cõno Lapa, Paredesa, Paredesb : cõn’o Lopes, Littera : con o Arias Freixedo

Paraphrase


(I) Dominga Eanes tivo unha pelexa cun cabaleiro mouro e foi mal ferida; porén, foi ela tan ardorosa na loita que houbo de vencer ela despois, e certamente venceu un bo cabaleiro, aínda que el era tan áxil de brazos que ela ficou ferida.

(II) O golpe colleuna por unha malla da loriga que estaba desaxustada, e sinto mágoa por iso, porque nese lance —aínda que houbo outros moi bos, Deus me valla!— venceu ela, mais polo cabaleiro, polas súas armas e por ser arteiro como era, xa para sempre ficará marcada por esa ferida.

(III) E aquel mouro trouxo coa súa estaca (pene) dous compañeiros (testículos) en toda esta guerra; e ademais ten sona de que nunca erra cando dá un gran golpe coa súa lanza; e achouna coas costas para baixo e deulle un golpe tan grande desde enriba que xa a chaga nunca poderá cerrarse.

(IV) E din os médicos que están habituados a ese caso / que teñen experiencia en casos coma ese)) e que ese tipo de chaga xamais cerra, aínda que a quentasen con toda a la e todo o aceite que hai nesta terra; porque a chaga non vai cara abaixo, senón que vai en espiral coma un parafuso, e por iso xa hai moito que se converteu en fístula.

Metrics


Esquema métrico: 4 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10’c 10’c 10’d (= Tav 167:6)

Encontros vocálicos: 1 Dominga‿Eanes; 14 sempre‿end(e), se͜e·ra; 16 toda‿esta; 24 á‿en; 25 a‿escaentassen

Notes


Text
  • 1

    A pesar da unánime lección <Domingas> de BV, a métrica (coa necesidade da sinalefa Dominga‿Eanes) e a rareza desta forma onomástica feminina con -s final (como o masc. Domingos) que só se rexistra en sete ocorrencias no Corpus Galego-Portugués Antigo en face de varios centenares de Dominga (CGPA, s.v.)1 parece confirmar que a forma deberá ser Dominga.
    O substantivo baralha ‘liorta, pelexa’ (tamén en 1325.7) é derivado do verbo baralhar, moito máis frecuente no corpus profano.

  • 2

    O indefinido u͂u ten de funcionar como bisilábico neste verso, aínda que en xeral esta forma arcaica do indefinido é unisilábica, mostrando como na realidade a pronuncia xa tiña evoluído, tal como acontece coas formas do tipo veerei, que poden ser uni- ou bisilábicas. Véxase nota a 47.20.

  • 3

    Nótese a presenza do participio de segunda conxugación ardido, que presenta xa o sufixo -ido (tamén en 461.18), únicas mostras das formas modernas no corpus trobadoresco profano, xunto con fodido en 1347.6 e 1638.2 (tamén fududo en 1567.7) e sabido en 839.1 (tamén sabudo en 568.20, 783.23, 1041.6 e 1332.34).

  • 6

    En Lapa e Paredes o verso aparece hipométrico pola ausencia de desenvolvemento da abreviatura da forma verbal era existente en BV (nótese tamén o desnecesario e[ra] en Lopes).

    A conxunción adversativo-concesiva empero ‘porén, aínda que’ (véxase 277.8), forma derivada de pero, aparece maioritariamente formando parte de locucións conxuntivas de tipo adversativo ou concesivo, como ma(i)s empero (276.15 e 509.3) e tamén e empero (véxase nota a 315.18). 

  • 7-8

    Como acontece noutros textos medievais, nesta cantiga convive a forma colbe (v. 8) con colpe (vv. 18, 20), xunto co verbo colpar a través do participio colpada. O mesmo acontece na cantiga 1472, onde achamos colbes (v. 6) e colpar (v. 9), para alén da presenza da forma moderna golpe en 1492.25.

  • 9

    O adxectivo que cualifica a malha presenta unha indubitábel lección manuscrita <desmentida>, que Lapa (seguido polos editores seguintes) emenda en desvencida: «É evidente que se trata do vocábulo, agora restaurado, desvencida = desatada. Vai fazer companhia a outros da mesma raiz, ainda existentes na língua: vencelho, desvencilhar, todos descendentes do étimo vincire». Exactamente a mesma explicación pode acharse na edición crítica de Paredes, tanto nas notas ao texto como no glosario. Mais os manuscritos presentan a lección correcta2 , porque desmentir significa tamén, mesmo en portugués actual (considerada unha acepción provincial), «[n]ão ajustar com exactidão (uma peça noutra)» (Figueiredo 1978: s.v. desmentir). Esta acepción, que sen dúbida convivía xa no período medieval coa máis habitual de desmentir ‘desdicir, desautorizar etc.’ (só documentada coa semántica xeral nas cantigas 278.1 e 583.8 e 13), pode rastrexarse nos dicionarios portugueses antigos (véxase Vieira 1871-1874: s.v. Desmentir). Ademais, desmentido atéstase na Crónica Troiana, e así é recollido no vocabulario elaborado por Parker, co significado de «aplastado, deformado» (Parker 1958: 180): Sabede que aly ouuo estonçe moyto elmo desmẽtido et moytas lorigas rrotas et desmalladas et moytos escudos quebrados et confondidos (Lorenzo 1985: 346).

  • 10

    O substantivo ida, cando precedido de demostrativo, significa ‘vez, ocasión’ (cfr. tamén e por rogo nen por mal nen por ben / sol non vos poss’esta ida partir, 1244.5).

  • 11

    Nótese o hipérbato: que ouve máis de prez (nesa ocasión).

  • 12-13

    Nas edicións de Lapa e Paredes o texto de BV é gravemente alterado mediante a introdución dunha forma verbal fez no v. 13, inexistente nos manuscritos, mais de presenza obrigada nestas edicións pola restauración pouco criteriosa de logo que efectúa Lapa no v. 12, hipométrico, ou por o manter inalterado, no caso da edición de Paredes. Na realidade, existen dúas opcións para fixar o texto no v. 12: manter a lección dos manuscritos considerando bisilábico mais (véxase nota a 12.8) e cunha concordancia ad sensum, ou, polo contrario, restaurar unha sílaba ausente no v. 12 para ligar con coherencia sintáctica o cavaleiro ás armas e ao feito de ser arteiro, introducindo a necesaria preposición por ~ per, como, por outra parte, xa acontece na compilación de Lopes.

  • 14

    As leccións <sinalada> B, <smalada> V indican que estamos perante sinalada, fronte ao esmalhada proposta por Lapa3 , xa que a partir de <m> se pode, sen problemas, ler <in>, feito moi común nos apógrafos italianos: 481.9 <smaes> V sinaes; 1100.31 <en smada> V ensinada; 1341.16 <ẽsmar> B ensinar; 1368.10, 20 <s mal> B sinal; 1400.6, 9, 17, 25, 26 <smal> V sinal; 1589.15 <en smado> V ensinado etc.

  • 15

    Todos os editores coinciden en considerar a presenza dun substantivo arreite como palabra rimante nestes verso, que sería compañeiro do tamén editado en 1614.9 (véxase nota correspondente). En palabras de Lapa: «Supomos se tratará de um substantivo verbal arreite, tirado de arreitar = endireitar o sexo, espertar o ânimo. A hipótese é apoiada por aqueles dois companhões do v. 16, que também significavam os testículos, na língua arcaica. Em suma: o mouro trouxera, como espertador do sexo, um bom par de companhões». No caso da cantiga de Esquio, arreite funcionaría como un adxectivo («seria aqui um particípio de arreitar» (Lapa 1970: 235), co significado de «direito, teso», apostilando que é unha «Forma duvidosa entre arreito e arreite, particípio de arreitar» , conforme afirma no vocabulario das cantigas de escarnio.
    Porén, a lección <ueite> B e <neite> V remiten a unha forma veite, que ten de proceder
    dunha base latina vectem, que efectivamente aparece no dicionario de Meyer-Lübke (s.v. vectis «Hebebaum»), onde son recollidos diversos derivados romances, entre outros, en provenzal (veit), francés (vit) e italiano (vette). A voz vectis existe en latín clásico co significado de ‘panca, viga, pau, ferrollo...’, e no latín tardío o uso de vectis co sentido de ‘órgano sexual masculino, pene’ foi xeral, como confirma Adams no estudo do léxico sexual latino (Adams 1982: 16 e 23), e con este significado é recollido en Niermeyer (1993: s.v. vectis) e citado no Glossarium Mediae et Infimae Latinitatis: «vectis, Veretrum. Lex Angliorum tit. 5. § 7: Si libero (testiculos avulserit) centum sol. componat, vel juret ut superius; si Vectem, similiter. Lex Longob. lib. 1. tit. 7 § 18. [...] habet hoc loco: si virgam absciderit, etc. [...]» (Du Cange 1954: s.v. vectis). Deste xeito, a forma veit, xunto con outras variantes (viech, viet), documéntase en diversos textos de teor obsceno nos trobadores provenzais, de onde debeu pasar ao texto de Afonso X e mais de Fernand’Esquio como un préstamo literario máis.
    Canto ao elemento <coro> que precede veite, a única interpretación plausíbel é con o, considerando que existe un erro de copia común a BV <r>/<n> que se pode documentar en moitas outra pasaxes dos dous cancioneiros, especialmente en posición implosiva: 422.6 <nor> V non V; 478.25 <alacrar> B alacran; 588.16 <entender> V entenden; 597.6 <|er> V en; 630.7 <dizer> V dizen; 686.9 <ber> V ben; 878.8 <leyxar> V leixan; 948.3 <sor> son V; 950.13 <guardar> guardan V; 1228.6 <uer> BV ven; 1336.20 <ser> B; 1655.11 <penden> B perder etc.

  • 16

    Os companhões do veite son, obviamente, os testículos do genete, e así se atesta noutros textos coetáneos, como na tradución galega da General Estoria: ferio Jupiter aSsaturno, seu padre, entrelas pernas et cortoulle aquelo cõ queo engendrara pero nõ senõ os dous cõpanóós debayxo que som ahũa maneyra feytos (cfr. Martínez López 1978: 249). No século XVI aínda é rexistrado por Jerónimo Cardoso no Dictionarium latinolusitanicum & vice versa lusitanicolatinum: «Coleus(ei). Ho colhão. ou cõpanhão» (cfr. CLP, s.v.). Tal uso é confirmado no castelán Diccionario de Autoridades (Real Academia Española 1726-1739: s.v. cojon, compañon): COJON. s. m. Lo mismo que testículo o compañón. Trahen esta voz Covarr. en su Thesoro, y Nebrixa en su Vocabulario. Latín. Coleus, i. Testiculus. COMPAÑON. Vale tambien lo mismo que Testículo. Latín. Testiculus, i».

  • 17

    A voz preço (do lat. pretium) mostra unha perfecta equivalencia semántica co provenzalismo prez, que ten a mesma orixe. Cfr. que El i leixe mao prez aver / a quen mal preço vos quer apoer (212.5-6).

  • 18

    O tragazeite ‘lanza pequena, dardo’ é máis outra referencia metafórica ao pene. Cfr. Mas os mouros cercaronnos de toda parte, tirandolhe fortemente con muytas azagayas e tragazeites, fazendolhes grã dampno (Cintra 1952-1990: IV, 480).

  • 19-20

    A lección coincidente de BV no v. 19 (<e ffoya char com̄ costa juso> B, <effoya char com̄ costa juso> V) ofrece un texto hipométrico que nas edicións de Lapa e Paredes é resolvido mediante a integración da ausente forma pronominal (cfr. tamén o v. 8) e a reconversión de achar en achaar, que constituiría un novo hapax no corpus trobadoresco4 . Ao mesmo tempo, para acomodar a expresión, nas edicións de referencia a conxunción come é modificada e reinterpretada como con a, para indicar que Dominga Eanes estaba coas costas ao res do chan. É dificilmente aceptábel a modificación da lección manuscrita para introducir un hapax que non resolve acaidamente a situación, ao tempo que costa, no sentido de ‘espalda’, resultaría certamente estraño, pois semella presentar sistematicamente forma plural xa nos textos medievais5 .
    Aínda que a expresión resulta algo estraña, e suxerindo moi probabelmente esa posición supina de Dominga Eanes (lémbrese a posición sobinha de Marinha Caadoe en 1440.5), consideramos que se debe respectar a fórmula come costa juso, talvez co significado que presenta no español medieval a fórmula paralela cuesta yuso documentada xa desde o poema do Cid (Menéndez Pidal 1954: s.v.). Deste modo, costa juso presentaría o sentido recto (‘costa abaixo’) e tamén o sentido metafórico de ‘doadamente, con facilidade, sen esforzo’ que se rexistra nesta mesma expresión antiga do español, para alén de suxerir a colocación física da soldadeira, coas costas contra o chan. Deste modo, a situación ficaría clara: após a descrición das potentes armas do mouro e de indicar que nunca erra nos seus asaltos, indícase que este achou sen dificultades a soldadeira para o asalto sexual e o golpe definitivo desde suso.
    Suso ‘acima’, do lat. sursum (tamén no v. 26) e juso ‘abaixo’, do lat. deorsum, actualmente desaparecidos, son adverbios de lugar frecuentes na lingua medieval.

  • 21

    A chaga ‘ferida’ refírese tamén á vaxina, que nunca cerra. Canto ao participio çarrada é forma que mostra a tendencia á asimilación regresiva de cerrar, como se deduce da forma sarrar de 1476.25.

  • 22-23

    Estes dous versos marcan a articulación da estrofa, que presentamos con estilo indirecto, fronte á proposta lapiana, que opta polo estilo directo. En calquera caso, Lapa e Paredes modifican a lección manuscrita (<E dizem meges q̄ husam tal p’yre / q̄a tal chaga ia mais nūca / Sarra> B, <E dizem meges q̄ husam tal pʳeyte / āa tal chaga ia mais nūca sarra> V), mentres que na edición de Lopes (e Littera), respectando a lección dos manuscritos, aparece un inexistente substantivo preite nunca atestado na lingua medieval, fronte á necesaria segmentación da copulativa no final do verso (véxase nota a 456.1).

    As mudanzas introducidas por Lapa teñen máis alcance, pois altera o plural de usar no v. 22, provocando que o orixinal que se converta no suxeito quen, ao tempo que no v. 23, para acomodar a expresión, non respecta ningunha das leccións ofrecidas en BV, pois de novo se ve obrigado a converter en singular a eventual forma plural an de V. Por súa parte, o texto da edición crítica de Paredes reconverte no v. 22 usan para o indefinido ũus an.

    En calquera caso, seguimos a prioritaria lección de B, na realidade paralela á de V, onde se observa o erro <ã>/<q̄> ou <q> que se pode achar noutras pasaxes do Cancioneiro da Vaticana: <a> V que (727.10); <auer> V quer (757. 5); <ãria> V queria (881.17); <auand> V quand’ (1440. 5); <auand> V quand’ (1665.5) etc. Desta modo, o texto ten pleno sentido: ‘E din os médicos que están habituados a ese caso e que ese tipo de chaga xamais cerra...’.

    Meges ‘médicos’ é un provenzalismo que tamén se atesta nas Cantigas de Santa Maria.

    O verbo cerrar pode tamén presentar formas con consoante fricativa inicial, como serrar (tamén en 1478.18) e sarrar (1476.25). Nótese neste verso que a lección <sarra> ten de ser inevitabelmente emendada para serra pola rima.

  • 25

    Escaentar (cfr. tamén esqueentado 1584.12) é sinónimo de caentar ‘quentar’.

  • 27-28

    O perafuso non parece aludir ao órgano sexual masculino, senón ao feminino, nesa descrición escatolóxica en que o trobador asimila o sexo feminino tamén a unha chaga, que por dentro vai en redor como un parafuso. Ademais, a chaga está fistolada, isto é, sofre unha fístula (razón por que nunca cerra).

  1. ^

    Tamén aparece a forma Domingas nalgúns documentos do mosteiro da Batalha (Gomes: 2002: I, 48, 133).

  2. ^

    Mantida en Montero Santalla (2000: 393).

  3. ^

    Cfr. esmalhauã fortes lorigas no Livro de Linhagens do Conde D. Pedro (Brocardo 2005: 45).

  4. ^

    Aínda que se rexistra noutros corpus medievais (véxase CGPA, s.v. achaar, achãar).

  5. ^

    Véxase CGPA, s.v. costa e costas. Non conseguimos localizar ningún uso de costa, en singular, co sentido de ‘costas, lombo, espalda’, a pesar da afirmación de J. Paredes en nota a este verso (2004: 313). O exemplo aducido por este editor nas Cantigas de Santa Maria (Que non caesse ben juso, / como é de caer uso, / mas en un logar escuso / de costa, 102.55) é glosado por W. Mettmann como «ao lado» (Mettmann 1959-1972: IV, s.v. costa).

Search
    No results