[last revised: 17/04/2020]Print

11 [= Tav 111,7]
Sazon é ja de me partir

Sazon é ja de me partir
de mia senhor, ca ja temp’ei
que a servi, ca perdud’ei
o seu amor e quero-m’ir;
mais pero direi-lh’ant’assi:
«Senhor, e que vos mereci,
ca non foi eu depois peor
des quando guaanhei voss’amor?
E [a]veredes a sentir
camanha mingua vos farei,
e ve[e]redes, eu o sei,
como poss’eu sen vós guarir,
e diredes depois por min:
“Mesela, por que o perdi?
E que farei quando s’el for
alhur servir outra senhor?
Estranha mengua mi fara
tal que per ren non poss’osmar
como sen el possa estar;
de min ra[n]curado salra
e t[e]rran-mi-o por pouco sén,
que a tal ome non fiz ben;
a dona que meu receber
con migo se pode perder.
Cada que me lh’eu assanhar,
a meu osm’, e lhi mal disser,
se mi-o logo a tolher oer
mia vezinha e mi-o sussacar,
mao vezinho per-sera;
mais non xi vo-l’a sentir á,
ca non quer’eu filhar o seu
nen lh’ar querrei leixar o meu”».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscripts


B 38

Editions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 647-648 [= LPGP 706]); Miranda (2004: 152-153); Cohen (2010: 19-20); Marcenaro (2012a: 74); Littera (2016: II, 204).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 11); Cotarelo Valledor (1933: 20); Machado & Machado (1949: I, 51-52); Rios Milhám (2017: I, 11).

Manuscript variants


12 guarir] guarij B  20 salra] solhira B   21 e t[e]rran-mi-o] etrrāmho B   23 que meu] q̄m eu B   26 a meu osm’, e lhi] ameu osmolhj B   27 mi-o] mha B   28 e mi-o sussacar] omha suffacar B   29 mao vezinho] maō uezīo B

Editorial variants


6 vos] vus Michaëlis   10 vos] vus Michaëlis   13 por] per Miranda; min] mi Michaëlis, Miranda, Littera   20 salra] sol irá Miranda : s'irá Littera   22 ome] omen Michaëlis, Cohen : homen Miranda   23 meu] mi-o Michaëlis : mho Cohen : m’eu Marcenaro : mi o Littera   24 con migo] cõmigo Cohen   26 osm’, e] osm,’ o[u] Miranda : osmo Marcenaro : osm', ou Littera   27 a tolher] acolher Michaëlis : acolh(o)er Miranda : acolh[er] Littera; oer] om. Miranda   28 vezinha] vezinh(a) Michaëlis : vezĩa Miranda, Cohen, Marcenaro : vezia Littera; e] o[u] Miranda, Marcenaro   29 mao vezinho] mao vezĩo Miranda : maa vezĩa Cohen : mão vezĩo Marcenaro : mao vezio Littera   30 vo-l’a sentir á] vo’-lo sentirá Michaëlis, Marcenaro : vo-l’a sentirá Miranda : vo-l'assentirá Littera

Paraphrase


(I) É momento de me afastar da miña senhor, a quen xa hai tempo que comecei a servir, e perdín o seu amor e por iso quero marchar. Mais antes preguntareille o seguinte: Senhor, que fixen para merecer isto? Pois eu non fun peor despois de ter conseguido o voso amor.

(II) E sentiredes a miña ausencia e veredes, eu o sei, como podo vivir sen vós, e despois diredes por causa miña: “Pobre de min, por que o perdín? E que farei cando el marche a outro lugar para servir a outra dama?

(III) Sentirei a súa falta, tanto que nin poderei imaxinar como conseguirei vivir sen el. Afastarase de min con resentimento e crerán que fun pouco sensata porque non lle outorguei o meu ben; e a dona que o acepte converterase na miña inimiga.

(IV) E cada vez que me enfade, a meu ver, e o maldiga, se despois a miña veciña mo arrebata e o atrae, mal veciño será el; mais non consentirei que iso aconteza, pois non quero quitarlle o que é seu nin deixar o que é meu”.

Metrics


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas de oito octosílabos agudos, sendo as dúas primeiras doblas e as dúas últimas singulars.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8d 8d (= Tav 168:6)
Encontros vocálicos: 8 guaa·nhei; 21 -mi-‿o; 27 mi-‿o, logoa; 28 vezinhae, mi-‿o

Notes


Text
  • 5

    Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.

  • 7

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 10

    A voz camanho, que ten un significado conforme á súa orixe no lat. quam magnum ‘que grande, tan grande’, funciona como un adxectivo cualificativo na lingua medieval, e nunha ocasión forma estrutura correlativa  con tamanho (< tam magnum): Non creo que tamanho ben / mi vós podessedes querer / camanh’a mí ides dizer (594.7-9).

  • 14

    O adxectivo mesela ‘triste, coitada, desgrazada’ (do dim. mĭsĕllam, de misera) é utilizado como sinónimo de cativa en frases interrogativo-exclamativas (véxanse tamén 148.11 e 920.7; cfr. 1451.11). Esta voz semella case exclusiva do rexistro poético, pois practicamente só a achamos nas Cantigas de Santa Maria: o que nos fez Paraiso cobrar / que perdemos per Eva a mesela (CSM 180.39); Ai, mesela, / se perez este miny͂o, | que é cousa atan bela, / querria eu mil vegadas | ante ca ele morrer (CSM 345.77). Fóra da poesía, só se atesta nunha ocasión na Crónica Troiana: andauã donas et donzelas, chamándose meselas et desanparadas (Lorenzo 1985: 455).

  • 17

    Na lingua medieval rexístrase certa vacilación de resultados en vogais tónicas de grao medio trabadas por nasal. Tal é o caso de mingua, que concorre cunha variante minoritaria mengua (360.1, 469.1, 476.14, 878.5, 1316.16, 1620.31), igual que menguar ~ mengar aparecen a carón de minguar. Cfr. nota a 205.13.

  • 20

    Rancurar ‘ter rancor ou resentimento’ é voz rara na lingua antiga, pois só se localiza no texto das cantigas profanas, con este rexistro e mais co de 14.26. Cfr. tamén rancura (véxase nota a 15.11).
    Por outra parte, Miranda non emenda a lección manuscrita e interpreta esta como sol irá, proposta que responde á lección de B, mais que non achega nada substancialmente novo do punto de vista da semántica, ao tempo que acrecenta unha sílaba espuria ao octosílabo.

  • 22

    Todos os editores desenvolveron a lección <hom̅> como omen, máis unha vez mostrando unha tendencia lusitanizante na edición dos textos galego-portugueses. Cfr. nota a 5.16.

  • 23

    Fronte a todas as opcións editoriais anteriores, mantemos a lección do manuscrito, con omisión do artigo («a dona que o meu [home] receber...»), que por veces se manifesta no corpus: E, ja que vos comecei a dizer / ben que vos quero, quero-vos rogar / que vos non pes... (237.16); ca, de pran, est’é oje máis de ben / que ei (242.15); mais quero-lh’eu maior / mal que posso (503.7-8); Nunca vos ousei a contar / mal que mi fazedes levar (553.11-12); tornade-vos máis cedo que poderdes (832.3) etc. Por outra parte, para a comprensión cabal da pasaxe debe terse en conta que receber pode significar ‘ter relacións sexuais’, tal como se pode comprobar na seguinte citación dos Livros Velhos de Linhagens: E dona Tereja Gil, irmã deste dom Martim Gil, o Bom, foi barregam d’el rei de Leão, e deles dizião que a recebera (Piel & Mattoso 1980: 172).

  • 24

    A forma medieval migo, con algunhas variantes (véxase nota a 10.18), xa convivía na altura con comigo, que aínda pode presentar a forma analítica con migo1 (584.14, 585.8, 773.8, 846.r1, 856.1, 928.8, 939.13, 1010.14, 1039.10 e 26, 1099.19, 1234.20, 1303.8) , fórmula concorrente coa arcaizante con mego (469.6 e 9).

  • 26

    Só achamos a locución adverbial modal a meu osmo ‘segundo eu penso’, xerada a partir do verbo osmar, nesta pasaxe trobadoresca; porén, no século XV, no Livro das Confissões, atéstase un número importante de documentacións da variante a esmo ‘por acaso, sen contar, á toa’, precursora do portugués moderno (Martín Pérez 2012-2013: 67, 70, 103).
    Por outra parte, a lectura de Marcenaro é incorrecta, pois, para alén de modificar o texto de B, crea un problema de descoordinación sintáctica con lhi mal disser.

  • 27

    A pesar da continua confusión <c>/<t> e <t>/<c> que provoca, por exemplo, problemas editoriais a respecto de tolher / colher, neste verso o verbo tolher ten todo o sentido, sen que a emenda acolher (Michaëlis, Miranda e Littera) sexa necesaria; no caso do editor portugués, tal corrección é máis inconveniente, pois suprime oer (sobre esta forma, véxase nota a 10.18), alterando a medida octosilábica e a rima [εɾ] con disser (v. 26).

    No relativo á forma oer, é certo que o radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.4, 65.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).

  • 28

    Sussacar ‘atraer con astucia ou engano, seducir, tentar’ (do lat. sonsacāre) é un hapax na poesía profana galego-portuguesa, ao tempo que forma case inexistente na lingua medieval, pois só constan outras poucas atestacións deste verbo nas Cantigas de Santa Maria e mais na Crónica Troiana e na Historia Troiana, correspondente ás formas sossacar, sosacar e susacar (véxase TMILG), así como no Foro Real de Afonso X (Ferreira 1987: s.v. susacar).

  • 28-29

    Face á translación mecánica das formas vezĩo ~ vezĩa do manuscrito, optamos por unha representación convencional da consoante nasal palatal , a partir dos datos subministrados polos manuscritos da lírica profana e tamén da poesía relixiosa.
    A existencia de voces acabadas en -inho/-inha en rima con alternancia da grafía con vogal nasalizada <ĩ> ou <> con <inh> ou <ynh>) demostra que xa no século XIII se consolidara na lingua o desenvolvemento da nasal palatal2 : bainha - galinha (469.7-8 <baynha> B - <galy͂a> B); aginha - campinha - espinha (478.9-13 <a gy͂a> BV - <canpynha> BV - espinha <espinha> B, <es pinha> V); arminhos - vinhos - martinhos - mesquinhos (489.25-29 <ar minhos> B, <arminhos V> - <vy͂os> BV  - <maʳcmhos> B, <maʳtinhos> V - <mesqⁱnhos> BV), martinhos - vinhos (494.25-26 <Martinhos> B, <martinhos> V - <vyõs> B, <vy͂os> V); manselinho - caminho (864.26-27 <mãselinho> B, <manselinho> V - <camy͂o> BV); cortinha - cozinha - aginha - farinha (1460.19-23 <cortinha> BV, <cozĩa> B, <coziã> V - <agĩa> B, <agiã> V - <farinha> BV), toucinhos - ansarinhos (1537.11-12 <roncinh> B - <anssarĩ> B); mezquinho - Cogominho - martinho (1579.11-14 <meznho> B - <cogomiõ> B - <m’tinho> B); vinho - mininho (1584.19-20 <vo> B - <mininho> B); sobrinho - vinho (1660.7-8 <sobrĩo> B, <sobriõ> V - <vinho> B, <uinho> V); vinho - meninho (1682.8-10 <uinhu> V - <menĩo> V).
    Algo similar acontece nas Cantigas de Santa Maria, onde, para alén das variacións existentes entre os catro manuscritos3 , nas súas rimas tamén se percibe a convivencia e alternancia das solucións -inno/-ĩo ~ -inna/-ĩa (tamén con <y>) nas rimas ao longo de toda a obra4 : Archetecry͂o - vinno (CSM 23.3-4), camy͂o - meny͂o - festinno (CSM 43.45-47), velloçinna - mesquinna - Rey͂a (CSM 75.18-20), meezy͂as - rey͂as - mesquinnas (CSM 89.31-34), menynnos - pequeny͂os (CSM 89.70-72), camy͂o - pastorynno - meny͂o (CSM 102.17-19), Reynna - meny͂a - cortynna (CSM 105.7-11), carpynnas - reynnas - meezy͂as (CSM 105.98-102), mesquĩa - tĩia - aginna (CSM 114.21-23), aginna - tiinna - Reynna - meezy͂a (CSM 115.186-191), Menynno - festy͂o - furadynno (CSM 136.28-30), pastorynno - festy͂o - fremosy͂o (CSM 145.40-42), mesquy͂a - ovelly͂a - agy͂a (CSM 147.16-20), festynno - camy͂o - velocy͂o (CSM 147.40-44), vynno - mesquynno - miny͂o (CSM 149.58-60), Reynna - agy͂a (CSM 158.25-26), mesquynna - Reynna - agy͂a (CSM 167.30-32), Miny͂a - Reynna (CSM 180.2-4), agynna - menynna - fremosynna - mesqy͂a (CSM 195.39-44).
    É máis, nunha voz como vinha, cuxa nasal palatal non procede da caída de -n- intervocálico senón da secuencia [nj], aparece concorrencia das tres grafías posíbeis na obra mariana de Afonso X. Véxase, por exemplo, vinna (CSM 132.40; 161.3, 28, 29 etc.), vynna (CSM 161.12, 37; 226.36 etc.) e vy͂a (CSM 161.20, 33; 325.55, 60 etc.), vocábulo procedente do lat. vīnĕa(m). Mesmo pode aparecer co formato gráfico vĩa e vy͂a en convivencia rimática con voces procedentes de bases coa terminación latina -īna(s): vy͂a - meezy͂a - Reynna (CSM 321.53-54), meezy͂as - vĩas - Reynnas (CSM 352.30-32).

  • 29

    A lección manuscrita <maõ> de B é unha mostra dos frecuentes nasalamentos espurios que se rexistran nos relatores (tamén en 1667.8 maos <maõs> B, <maos> V), sen dúbida produto de erro de copia, neste caso inducido pola frecuente terminación -ão. Fronte á opción da emenda xenérica de vezinho, mantemos o masculino do manuscrito, que podería presentar un valor xenérico.

  1. ^

    Tamén se podería representar conmigo, mais non debe ser cõmigo, como aparece en Cohen, pois non se trata dunha vogal nasal senón dunha secuencia de vogal + consoante nasal (< cŭm mēcum).

  2. ^

    Non achamos discordancias entre B e V polo estreito parentesco dos dous apógrafos italianos.

  3. ^

    Aínda que na derradeira edición das Cantigas feita por Mettmann (1986-1989) aparecen niveladas as rimas en -ỹa e –ĩa; véxase, por exemplo, como os manuscritos diverxen en Catelinna ~ Catelỹa e Madodinna ~ Madodĩa en rima con Reỹa e meezỹa en CSM 54.68 e 78).

  4. ^

    Limitamos os exemplos ás primeiras duascentas cantigas.

Search
    No results