I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 832-833 [= LPGP 285]); González Martínez (2012a: 97); Littera (2016: I, 303-304).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 133); Machado & Machado (1950: II, 138-139); Rios Milhám (2018a: II, 323).
5 verra] ueira B 8 sei] sey eu B 9 bõa] bona B 11] quen] ꝙʷ B 15 sei] sey eu B 18 quen] ꝙʷ B 19 perdi] perdi xassy B
En Michaëlis o verso ausente no manuscrito é reconstruído pola editora como verso final da composición.
1 m’oir] m[e] oir González Martínez, Littera 8 ‘lguen] [a]lguen Michaëlis : alguen González Martínez : alguem Littera 9 a] om. Littera 13 du] u Michaëlis, Littera 15 sei] sei eu González Martínez, Littera; min] mi Michaëlis, González Martínez, Littera 18 s’én va’i] s’én va i Michaëlis : s’én vai [i] González Martínez : vai-x’assi Littera 19-21 ca muitas vezes perdi ben, / ¡cativo! porque parti-m’én / [d’u nunca devia partir] Michaëlis : ca muitas vezes perdi [sem / e perdi sono e perdi bem] / cativo!, porque m’eu parti Littera
Esquema métrico: 3 x 7a 8b 8b 8a 8c 8c 8a
A restitución vocálica do pronome me foi a decisión reintegradora por que optaron todos os editores precedentes, aínda que é xeral a sinalefa de me coa palabra seguinte iniciada por vogal. Porén, a lección transmitida por B suxire unha combinación métrica en que o primeiro verso de cada estrofa ten unha sílaba menos (dun modo similar ao que acontece, por exemplo, na cantiga 1508, en que as estrofas decasilábicas presentan o terceiro verso con nove sílabas).
A partir do estabelecemento dun esquema métrico en que os vv. 1, 7 e 15 son heptasilábicos, é desnecesaria a reintegración [a]lguen que todos os editores practicaron neste verso. Porén, existe a posibilidade de que a lección <endelguen> encubra un erro <a>/<e>, que suporía unha crase end’alguen, máis lóxica do punto de vista fonético (en calquera caso, véxase a forma aferética ‘lguen, após vogal, en 73.19 ou 757.r1).
A frase verbal pedir a conselho ‘consultar’ non volve aparecer no corpus, fronte á máis frecuente filhar conselho.
A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.
A distinción entre d’u ‘de onde’ e du ‘cando’ parte de Huber (1986: §482) e foi retomada por Giuseppe Tavani na edición de Airas Nunez (1992 [1963]). Presenta poucos rexistros na lírica profana (323.13, 564.13, 634.11, 864.2) e comparece nunha ocasión nas Cantigas de Santa Maria:
O ben que perdeu Eva
du perdeu parayso,
cobrou Santa Maria
pelo seu mui bon siso (CSM 320.20).
Mantemos o adxectivo quite en liña coa súa presenza no v. 12, mantendo, por tanto, o tempo futuro: sera ja quite d’ũa ren / ..., e (será) quite de nunca dormir. Porén, sería posíbel a segmentación quit’é, que achegaría unha construción quiasmática (sera quite ... quit’é).
O presunto carácter heptasilábico do primeiro verso de cada estrofa indica que debe ser omitida unha sílaba neste verso: a presenza de eu nos vv. 5, 10 e 17 (unha ocorrencia en cada estrofa) parece indicar a conveniencia da súa expunción (en vez de omitir a copulativa inicial), xa que o seu carácter espurio é confirmado por diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.
A lección <uaý> de B pode perfectamente representar a crase de vai co adverbio i, igual que acontece en 1366.12, onde se produce a crase de’i (dei + i). Neste sentido, a forma va de Michaëlis é inexistente e a reintegración de González é desnecesaria.
O derradeiro elemento do v. 19 en B (<xassy>) non pode corresponder a este verso, que precisa un elemento final con rima diferente a -i: debe pertencer ao v. 20, ausente no manuscrito por lapso de copia e que Michaëlis reconstruíu imaxinativamente, atribuíndo a lacuna ao v. 21; igualmente imaxinativa é a reconstrución de Littera.