374 [= Tav 9,7]
Muitos me dizen que servi doado

Muitos me dizen que servi doado
ũa donzela que ei por senhor;
dize-lo poden, mais, a Deus loado,
poss’eu fazer quen quiser sabedor
que non é ‘ssi, ca, se me venha ben,
non é doado, pois me deu por én
mui grand’afan e desej’e cuidado
que ouvi dela, poi-la vi, levado,
per que viv[o], amigos, na maior
coita do mundo, ca, mao pecado,
sempre eu ouve por amar desamor;
de mia sen[h]or tod’este mal me ven
[e] al me fez peior, ca me fez quen
servo servir e non seer amado
por én; mais eu, que mal dia fui nado,
ouvi a levar aquesto da melhor
das que Deus fezo, ca non outro grado;
al m’er aven de que me ven peior:
sen[h]or u Deus nunca deu mal per ren
foi dar a min, per que perdi o sén
e por que moir’assi desemparado
de ben, que, par Deus, que m’en poder ten,
quen a donzela vir ficará én
com’eu fiquei: de gran coita coitado.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 406, V 17

Edições


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 18-20 [= LPGP 104]); Arbor Aldea (2001: 107-108); Longo (2003: 65-66); Littera (2016: I, 67).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 14-15); Braga (1878: 4); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 507-508); Magne (1931: 70-71); Machado & Machado (1950: II, 212-213); Rios Milhám (2018b: III, 2014).

Variantes manuscritas


1 servi] sser tiy B   2 ũa] hun a B : huna V   4 eu] en B   7 grand’afan] gran diffam V   8 levado] lenado V   9 viv[o], amigos] unid migꝯ ua B : uiudmigꝯ na V   13 fez] fem V; fez] ffeꝯ V; quen] ꝙʷ B   19 sen[h]or] Senoʳ BV; deu] de V   24 coita] corta V

Variantes editoriais


2 ũa] una Arbor Aldea, Longo   5 ‘ssi] ssi Nunes : si Arbor Aldea   9 per que] porque Longo; viv’[eu], amigos] viv’[en]d’, [a]migos Arbor Aldea, Longo   11 sempre] ssempr’ Nunes : sempr’ Arbor Aldea, Longo, Littera; amar] amor Longo   19 sen[h]or] senon Arbor Aldea

Paráfrase


(I) Moitos me din que servín de balde unha doncela que teño por señora; pódeno dicir, mais, grazas a Deus, eu podo facer saber a quen quixer que non é así, porque, así me veña ben, non é de balde, pois deume a cambio moi grande afán e desexo e preocupación (II) que por ela levei despois de a ver, polo que vivo, amigos, na maior coita do mundo, pois, infelizmente, eu sempre recibín desamor por amar; da miña señora todo este mal me vén e outra cousa me fixo peor, porque me fixo servir a quen sirvo e non ser amado (III) por iso; mais eu, que en mal día nacín, tiven que recibir isto da mellor (dona) das que Deus fixo, e non outro recoñecemento; outra cousa me acontece tamén pola que me vai peor: señora en quen Deus nunca puxo mal por nada foima dar a min, pola que perdín o siso e pola que morro así desamparado (1) do ben, pois, por Deus, que me ten no seu poder, quen a doncela vexa ficará así como eu fiquei: por unha gran coita coitado.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a + 10c 10c 10’a (= Tav 100:4)

Encontros vocálicos: 11 sempre‿eu; 16 ouvi‿a

Notas


Texto
  • *

    Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda atá a fiinda desta composición, incluída na relación de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270), véxase nota á cantiga 15.

  • 2

    A presenza de -n- na forma manuscrita <hun a> B, <huna> V é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ũ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <alguna> algũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilãoSobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 3

    A frase formularia a Deus loado (tamén en 61.14, 706.1, 1372.5, 1440.14, 1585.18), xunto con loado a Deus (1596.3), é equivalente de graças a Deus (só en 1530.23).

  • 5

    Resulta significativo comprobar a existencia da aférese de assi no encontro coa forma verbal é (véxanse tamén 179.30, 218.8 e 11, 246.15, 258.22, 284.16, 511.5, 893.23), que convive coa sinalefa éassi (509.7, 808.9, 1110.5, 1224.14, 1569.32; só existe hiato en 754.4) e co xeral ést’assi para evitala, co recurso á variante éste (cfr. nota a 88.10). En calquera caso, non existe unha dupla forma assi / si para o adverbio, senón que ‘ssi é produto dunha aférese.

  • 9

    A solución reconstrutiva da isometría versal proposta por Nunes revélase máis económica e menos interventiva que a de Arbor Aldea e a de Longo, por canto a forma <dmigos> presenta un frecuente erro <d>/<a> (véxase, como exemplo, aja <dia> BV en 856.3); porén, aínda semella mellor a simple reintegración da vogal final de viv[o]. Por súa parte, Gonçalves (2016: 493) propón [e]napara conseguir a medida decasilábica no verso. 

  • 10

    O xeral resultado mao do lat. malum é sistemático cando vai posposto ao nome, mais convive coa forma con perda de vogal final por posición proclítica (mal) en certos sintagmas. No que a pecado di respecto, mao pecado é solución minoritaria verbo de mal pecado, do mesmo xeito que se rexistra mao dia (vs. mal dia) e mao preço ou mao prez (vs. mal preço, mal prez).

  • 13

    É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

  • 14

    A P1 do presente de indicativo (e o presente de subxuntivo) de servir presenta, nun primeiro momento evolutivo, iode na desinencia (sĕrviō > sérvio; sĕrvĭam > sérvia etc.), que posteriormente desapareceu (servo; serva etc.) para, finalmente, seren formas semirregularizadas en sirvo, sirva etc. solidariamente con outros verbos similares da terceira conxugación (dormir, mentir, sentir etc.) (véxase Ferreiro 1999 [1995]: §192a). Este testemuño de servo súmase aos presentes en 36.17, 402.10, 1172.1 e 1543.7, formas aínda moi minoritarias fronte ás xerais sérvio e sérvia.

  • 19

    Esta estrofa e a fiinda só resulta coherente desde os puntos de vista sintáctico e semántico se neste verso 19 se opta pola lección de B (deu) no canto da de V (de), que non dá sentido e que é moi complexa de encaixar sintacticamente.

Procurar
    Não foram encontrados resultados