561 [= Tav 25,15]
Amor fez a mí amar

Amor fez a mí amar,
gran temp’á, ũa molher
que meu mal quis sempr’e quer
e me quis e quer matar,
e ben o pod’acabar,
pois end’o poder oer;
mais Deus, que sab’a sobeja
coita que m’ela dá, veja
como vivo tan coitado:
El mi ponha i recado.
Tal molher mi fez Amor
amar que ben des enton
non mi deu se coita non,
e do mal sempr’o peior;
por end’a Nostro Senhor
rog’eu mui de coraçon
que El m’ajude a tan forte
coita, que par m’é de morte,
e ao gran mal sobejo
con que m’oj’eu morrer vejo.
A min fez gran ben querer
Amor ũa molher tal
que sempre quis o meu mal
e a que praz d’eu morrer,
e, pois que o quer fazer,
non poss’eu fazer i al;
mais Deus, que sab’o gran torto
que mi ten, mi dé conorto
a este mal sen mesura,
que tanto comigo dura.
Amor fez a min gran ben
querer tal molher, ond’ei
sempre mal e averei,
ca en tal coita me ten
que non ei força nen sén;
por én rog’e rogarei
a Deus, que sabe que vivo
en tal mal e tan esquivo,
que mi quera dar guarida
de mort’ou de melhor vida.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 
 
40

Manuscritos


B 544, V 147

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 57-58 [= LPGP 182-183]); Nunes (1972 [1932]: 186-188); Littera (2016: I, 205-206).
II. Outras edicións: Moura (1847: 101-104); Monaci (1875: 61); Braga (1878: 30); Machado & Machado (1952: III, 147-148); Júdice (1997: 140-141); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 171-172); Pimpão (1942: 49-50); Oliveira & Machado (1959: 51-52); Torres (1977: 230-231).

Variantes manuscritas


1 mí] mj̄ V   17 ajude] auide V   20 morrer] moirer B   24 morrer] moirer B   28 conorto] conorco B   33 averei] auey B   35 non ei] nō ey eu BV   36 rogarei] roguarey B

Variantes editoriais


1 mí] mim Lang, Littera : min Nunes   6 oer] ouver Lang : houver Littera   17 ajude a tan] ajud(e) a tan Nunes : ajud’em atam Lang, Littera   28 dé] dê Lang, Nunes, Littera   39 quera] queira Lang, Nunes, Littera   40 de] dê Lang 

Paráfrase


(I) Amor fíxome amar, hai xa moito tempo, unha muller que sempre quixo e quere o meu mal e quixo e quere matarme, e ben pode levalo a cabo, desde que houber o poder para iso; mais Deus, que coñece a coita excesiva que me ela dá, vexa como vivo tan coitado: El me dea a solución a iso.

(II) Tal muller me fixo amar Amor que desde entón non me deu máis que coita e do mal sempre o peor; por iso a Noso Señor lle rogo eu moi de corazón que El me axude contra tan gran coita, que me é igual á morte, e contra o gran mal sen medida con que hoxe me vexo morrer.

(III) A min Amor fíxome amar unha muller tal que sempre quixo o meu mal e a quen lle prace que eu morra, e, xa que o quere facer, non podo eu facer outra cousa respecto a iso; mais Deus, que sabe a grande inxustiza que (Amor) comete comigo, me dea conforto para este mal sen medida que tanto me dura.

(IV) Amor fíxome amar tal muller de quen me vén e me virá mal, pois en tal coita me ten que non teño forza nin siso; por iso rogarei a Deus, que sabe que vivo en tal mal e tan duro, que me quererá dar a salvación da morte ou unha mellor vida.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7a 7b 7b 7a 7a 7b 7’c 7’c 7’d 7’d (= Tav 135:1)

Encontros vocálicos: 17 ajude‿a

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga mostra intertextualidade (alusiva) con Airas Nunes, na cantiga 867 (con dúas versións: 867a e 867b), cunha citación exordial explícita feita polo trobador compostelán (véxase Gonçalves 2016 [1992]: 232).

  • 6

    O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus, sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.465.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).

  • 17

    Tanto Lang como Littera emendaron a construción de BV e substituíron a preposición a pola preposición en.

  • 28

    A forma conorto constitúe outro provenzalismo, máis utilizado na poesía profana do que a variante patrimonial conforto. Véxase nota a 624.16.

  • 35

    É necesaria a expunción de eu para a correcta medida do verso: a súa presenza é produto dunha probábel adición espuria, que se rexistra con relativa frecuecia nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

  • 39

    Mantemos a forma quera da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado