1160 [= Tav 77,16]
Ir-vos queredes, amigo

Ir-vos queredes, amigo,
e ei end’eu mui gran pesar,
ca me fazedes trist’andar
por vós, eu ben vo-lo digo,
ca non ei, sen vós, a veer,
amigo, ond’eu aja prazer:
e com’ei, sen vós, a veer
ond’eu aja nen ũu prazer?
E ar direi-vos outra ren,
pois que vos vós queredes ir,
meu ami[g]’, e de mí partir:
perdud’ei eu todo meu ben,
ca non ei, sen vós [a veer,
amigo, ond’eu aja prazer:
e com’ei, sen vós a veer
ond’eu aja nen ũu prazer?]
Chorarán estes olhos meus,
pois vos ides sen meu grado:
por que mi andades irado?
Mais ficade migo, par Deus,
ca non ei, sen vós, [a veer,
amigo, ond’eu aja prazer:
e com’ei, sen vós, a veer
ond’eu aja nen ũu prazer?]
A San Servand’irei dizer
que me mostre de vós prazer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 

Manuscritos


B 1147a, V 750

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 345-346 [= LPGP 505-506]); Cohen (2003: 384); Littera (2016: I, 590-591).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 261); Braga (1878: 142); Machado & Machado (1956: V, 234-235); Camargo et alii (1990: 48-49); Burgazzi (2015: 39).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 307-308).

Variantes manuscritas


1 Ir-vos] Iruos B : Jrnos V   2 end’eu mui gran] andeu muy g̃ra B   3 ca] Ea B   6 aja] aiha BV   8 aja] aiha BV; nen ũu] nē nū B   9 -vos] uos BV   10 vos vós] uos uos BV   12 perdud’ei] perduđy V   18 vos] uos BV; sen meu] se meu B   20 ficade] ficado B : ficađ V; par] p̃ V   26 mostre] monstre B

 

Variantes editoriais


8 nen ũu] nen un Cohen : nẽum Littera   10 vos vós] vós vos Nunes, Cohen, Littera   16 nen ũu] nen un Cohen : nẽum Littera   20 par Deus] por Deus Littera   24 nen ũu] nen un Cohen : nẽum Littera

Paráfrase


(I) Querédesvos ir, amigo, e sufro por iso gran pesar, porque me facedes estar triste por vós, e, en verdade, ben volo digo, pois sen vós, amigo, non hei ver onde encontrar pracer: e como encontrarei sen vós algún pracer?

(II) E aínda vos direi outra cousa, xa que vos queredes ir, meu amigo, e afastarvos de min: perdín toda a miña felicidade, pois sen vós, amigo, non hei ver onde encontrar pracer: e como encontrarei sen vós algún pracer?

(III) Chorarán estes meus ollos, xa que vos ides contra a miña vontade: por que estades irado? Mais ficade comigo, por Deus, pois sen vós, amigo, non hei ver onde encontrar pracer: e como encontrarei sen vós algún pracer?

(1) A San Servando irei dicir que me mostre pracer de vós.

Métrica


Esquema métrico: 7’a 8b 8b 7’a 8C 8C 8C 8C (I [= Tav 166:1]) + 8a 8b 8b 8a 8C 8C 8C 8C (II [= Tav 166:3]) + 8a 7’b 7’b 8a 8C 8C 8C 8C (III [= Tav 166:2]) + 8c 8c

Encontros vocálicos: 6 amigo,‿ond’; 8 ũ͜u; 14 amigo,‿ond’; 16 ũ͜u; 19 mi‿andades; 22 amigo,‿ond’; 24 ũ͜u

Notas


Texto
  • 1-4

    Para alén do íncipit, nótese a coincidencia conceptual e formal (nomeadamente nas rimas) entre os versos da estrofa primeira da cantiga de Joan Servando e mais unha cantiga de Joan Airas de Santiago (cfr., tamén, outros íncipits similares: Ir-vos queredes, amigo, d’aquen, de Meen Rodriguez Tenoiro, 733.1; Ir-vos queredes, amigo, [d’aqui], de Sancho Sanchez, 941.1):
              Ir-vos queredes, amigo,
              d’aqui por me fazer pesar,
              e, pois vos queredes quitar
              d’aqui, vedes que vos digo:
              quitade ben o coraçon
              de min e ide-vos enton (1053.1-6).

  • 3

    Neste verso rexístrase o erro <e>/<c>, que afecta á partícula ca e que se detecta ao longo dos cancioneiros con relativa frecuencia: ca <ea> A (270.5); ca <E a> A, <Ca> B (284.13); ca <ca> B, <e a> V (480.20); ca <ea> BV (489.21); ca <E a> BV (744.7) etc. Na realidade, estamos perante o erro inverso a <ca> por e a, que levanta problemas de edición nalgunhas pasaxes. Véxase nota a 108.37.

  • 6-8

    Nótese a unánime e repetida lección <aiha> aja, coa grafía <ih> para /ʒ/, talvez a indicar a real existencia do fonema africado palatal sonoro /dʒ/, par sonoro do correspondente africado palatal xordo /ʧ/ <ch> (véxase Larson 2019 [2018]: 53, n. 20). Ao longo de BV achamos aínda outras grafías idénticas: <quiiheu> B quig’eu (250.7), <ihoãna> B Joana (429.16), <iha> BV ja (835.4), <ueihagora> V vej’agora (1007.5), <iha> B ja (1585.27).

  • 8

    O indefinido ũu (e tamén algũu e neũu) debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas ocorrencias funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, con sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.

  • 10

    Para alén de que a secuencia manuscrita <uos uos> permita unha ou outra lectura, ao longo do corpus sempre vai en primeiro lugar a forma átona (pois que vos vós queredes ir).

  • 24

    Talvez San Servando se refira á ermida de San Servando, sita no lugar de Pazos, parroquia de Barxés, no concello ourensán de Muíños.

  • 26

    Repárese na variante de B, que rexistra unha forma aparentemente latinizante monstrar; porén, esta forma resulta anómala na altura cronolóxica do trobadorismo. Con efecto, a análise das leccións manuscritas evidencia que a aparición da consoante nasal é produto exclusivo da intervención dalgúns copistas de B, pois, cando o verbo conta con dous testemuños, nun deles sempre se rexistra a forma (a)mostrar –na única documentación de demostrar, B presenta tamén a grafía latinizante (1674.15)–. Véxanse, así, B vs. A (188.12, 309.15) e B vs. V (576.7, 624.2, 659.16, 1072.4, 1096.26, 1160.26, 1463.18, 1476.23, 1488.3, 1643.13 e 1663.6). A teor destes datos, emendamos a lección de B neste verso e mais en 291.11 e 1557.16. Cfr. nota a 110.5.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado