1007 [= Tav 127,4]
Do que sabia nulha ren non sei

Do que sabia nulha ren non sei,
polo mundo, que vej’assi andar;
e, quand’i cuido, ei log’a cuidar,
per boa fe, o que nunca cuidei,
ca vej’agora o que nunca vi
e ouço cousas que nunca oi.
Aqueste mundo, par Deus, non é tal
qual eu vi outro, non á gran sazon;
e por aquesto, no meu coraçon,
aquel desej’e este quero mal,
ca vej’agora [o que nunca vi
e ouço cousas que nunca oi].
E non receo mia morte por én,
e, Deus-lo sabe, queria morrer,
ca non vejo de que aja prazer
nen sei amigo de que diga ben,
ca vej’agora o que nunca vi
[e ouço cousas que nunca oi].
E, se me a min Deus quisesse atender,
per boa fe, ũa pouca sazon,
eu post’avia no meu coraçon
de nunca ja máis neũu ben fazer,
ca vejo agora o que nunca vi
[e ouço cousas que nunca oi].
E non daria ren por viver i,
en este mundo, máis do que vivi.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 

Esta cobra [é] a prestumeira desta cantiga de Don Pero Gomez que diz «Do que sabia nulha ren non sei».

Manuscritos


V 592-593

A disposición do texto da cantiga no Cancioneiro da Vaticana é errada, pois a copia iníciase coa rúbrica (explicativa), seguida da estrofa IV, e, a seguir, foron copiadas as estrofas I-III e mais a fiinda. Entre as estrofas IV e I aparece a rúbrica atributiva de man de Angelo Colocci.

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 573-574 [= LPGP 850]); Lopes (2002: 420); Littera (2016: II, 389-390).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 211-212); Braga (1878: 113-114); Nunes (1919: III, 9-10); Machado & Machado (1960: VII, 80-81); Camargo et alii (1985: 49-50).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 410-411); Oliveira & Machado (1959: 147-148); Fonseca (1971: 51-52); Álvarez Blázquez (1975: 197-198); Fiúza (1981: 179-181); Dobarro Paz et alii (1987: 112-113); Tavares & Miranda (1987: 15); Ferreira (1988: 100-101); Alvar & Beltrán (1989: 136-137); Ferreira (1991: 149-150); Jensen (1992: 326); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 208); Diogo (1998: 146); Magalhães (2007: 136); Alvar & Talens (2009: 376).

Variantes manuscritas


Rúbrica: cantiga] camiga V; Gomez] gorrez V
Texto: 3 e] et V   4 que] ꝙ̄ V   5 vej’agora] ueihagora V   8 qual] q̄l V   9 e] et V   14 e] et V   19 atender] atemdar V   20 sazon] razon V   23 o] e V

Variantes editoriais


7 Aqueste mundo] Aquesto mundo Lopes, Littera   19 quisesse] quisess’ Lapa, Lopes, Littera   20 sazon] razon Lapa : razom Lopes, Littera   22 neũu] neun Lapa : nem um Lopes : nẽum Littera   23 vejo] vej’ Lapa, Lopes, Littera   26 en este] en’este Littera

Paráfrase


(I) Non recoñezo nada do que coñecía, por causa do mundo, que así vexo andar; e cando penso niso, logo teño que pensar, abofé, o que nunca pensei, porque vexo agora o que nunca vin e ouzo cousas que nunca ouvín.
(II) Este mundo, por Deus, non é tal cal o outro que eu vin non hai moito tempo; e por isto, no meu corazón, desexo aquel e este quero mal, porque vexo agora o que nunca vin e ouzo cousas que nunca ouvín.
(III) E non temo a miña morte por iso e, Deus o sabe, quería morrer, pois non vexo nada que me agrade nin coñezo un amigo de quen (poida) falar ben, porque vexo agora o que nunca vin e ouzo cousas que nunca ouvín.
(IV) E se Deus me quixese esperar algún tempo, abofé, eu tiña tomada a determinación de nunca xa máis facer ningún ben, porque vexo agora o que nunca vin e ouzo cousas que nunca ouvín.
(I) E non daría nada por vivir aquí, neste mundo, máis do que vivín.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:210) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 19 me‿a, quisesse‿atender; 22 ne·ũ͜u

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é unha sátira de carácter moral en que a voz poética mostra o seu desacougo ante a mudanza do mundo a peor, un mundo que xa non recoñece e onde non encontra nada do seu agrado, polo que afirma non temer a morte e desexa non vivir xa máis nel.

    Do punto de vista rimático, é de subliñar a repetición das palabras rimantes sazon e coraçon nos vv. 8-9 (estrofa II) e 20-21 (estrofa IV), sen correspondencia nas estrofas I e III.

  • 5

    Nótese a lección <ueihagora> de V para vej’agora, coa grafía <ih> para /ʒ/, talvez a indicar a real existencia do fonema africado palatal sonoro /dʒ/, par sonoro do correspondente africado palatal xordo /ʧ/ <ch> (véxase Larson 2019 [2018]: 53, n. 20). Ao longo de BV achamos aínda outras grafías idénticas: <quiiheu> B quig’eu (250.7), <ihoãna> B Joana (429.16), <iha> BV ja (835.4), <aiha> aja (1160.6 e 8), <iha> B ja (1585.27).

    Editamos a estrofa coa conxunción ca como causal, en liña cos sucesivos refráns, en que presenta, de forma indubitábel, este valor. Non obstante, podería, por medio da puntuación, explicitarse para ca un valor completivo, que tamén condí co teor da estrofa e da composición:

    e, quand’i cuido, ei log’a cuidar,
    per boa fe, o que nunca cuidei:
    ca vej’agora o que nunca vi
    e ouço cousas que nunca oi.

  • 14

    A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do identificador (artigo ou pronome) no encontro con certos vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). Na lingua medieval, e no corpus trobadoresco profano máis en concreto, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral cos pronomes átonos nós, nos, vós, vos e lhes, así como co indefinido todos e coas preposicións por ~ per, des e tras e cos adverbios alhur e depois, xunto con mais e pois (adverbios e/ou conxuncións); polo contrario, coas formas verbais acabadas en -r ou -s a representación da asimilación é vacilante. Mais para alén destes fenómenos asimilativos máis ou menos sistemáticos que chegan na lingua oral até hoxe, na lingua trobadoresca tamén aparecen outras asimilacións con formas adverbiais e conxuntivas alén de mais e pois (véxase nota a 331.7), con outras formas pronominais ademais das citadas (véxase nota a 334.4), con algúns substantivos (véxase nota a 25.16) e, finalmente, co adxectivo melhor (véxase nota a 185.8) e mais con algúns participios plurais (véxase nota a 960.24).

  • 20

    A lección de V levaría a razon, tal como Lapa, Lopes e Littera propoñen, de modo que a pasaxe sería interpretada do seguinte modo: ‘E se Deus atendese un pouco do meu razoamento, eu tomara a determinación de nunca máis facer ben...’. Porén, o feito de xamais se atestar no corpus a expresión atender razon, xunto coa anomalía expresiva do sintagma ũa pouca razon (cfr. o frecuente ũa razon; véxase Glosario, s.v. razon), leva para a emenda en prol de sazon, que acae perfectamente ao contexto e, ademais, estabelece a mesma repetición de rimas nos vv. 20-21 que nos vv. 8-9 (sazon : coraçon). Véxase, ademais, 856.12, onde existe a concorrencia de sazon (B) e razon (V).

  • 22

    No Cancioneiro da Ajuda niun é a forma xeral para o indefinido, mais tamén se rexistra neun (fem. neũa); en todos os casos, cando existe copia en BV, a forma nos cancioneiros italianos é nen un (<nen hun ~ nē hū ~ nē hūu...>), agás en 132.1 (<niun> A, <neum> B). É por isto que resulta significativa a presenza de neũu nesta cantiga, que deberemos relacionar coa forma feminina neũa de 1267.r1 e 1319.11, nos dous casos transmitida por BV.

    Canto ao cómputo métrico, nesta pasaxe funciona neũu funciona como bisilábico, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas. 

  • 23

    Todos os editores precedentes anularon a variación no refrán, que nesta ocorrencia non presenta a crase vej’agora das outras estrofas.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado