1091 [= Tav 121,10]
Meus amigos, quero-vos eu dizer

Meus amigos, quero-vos eu dizer,
se vós quiserdes, qual coita mi ven:
ven-mi tal coita que perço meu sén
por quanto vos ora quero dizer:
por ũa dona que por meu mal vi
mui fremosa e de que me parti
mui d’anvidos e sen [o] meu prazer.
Perço meu sén que sol non ei poder
en mí de pran desejando seu ben;
e, demais, se mi quer falar alguen,
de lhi falar non ei en min poder
porque me nembra quanto a servi,
e quan viçoso [fui] mentr’i guari,
e quan gran viç’a mí fez Deus perder.
Moir’eu e praz-mi muito de morrer,
ca vivo coitado máis d’outra ren,
e, pero moiro, non vos direi quen
ést’a dona que m’assi faz morrer
e a que eu quero melhor ca min
e a que eu por meu mal conhoci
u mi-a Deus fez[o] primeiro veer.
E, meus amigos, pois eu moir’assi
pola melhor dona de quantas vi,
non tem’eu ren mia morte nen morrer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1089, V 680

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 460-461 [= LPGP 798]); Reali (1964: 89-90); Fernández Campo (2012: 123); Littera (2016: II, 323-324).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 240); Braga (1878: 130); Machado & Machado (1956: V, 118-119).

Variantes manuscritas


1 amigos] amigus V   2 vós] nos B   3 ven] nen V   6 e] om. V   7 d’anvidos] danuydus V   8 Perço] Perzo V   9 en mí] E muy B : emuy V; pran] prã B   10 quer] q̃r V   13 viçoso] uizoso V   14 quan] que V; gran] grã B; viç’a] vica B : uiza V   15 Moir’eu] E moyreu BV; praz] praz̄ V; morrer] moirer B   17 non vos] nouꝯ B   18 morrer] moirer B   21 primeiro] pemeiro B : p̄ mei ro V   22 amigos] amigus V   24 eu] en V; morrer] moirer B

Variantes editoriais


1 amigos] amigus Reali; vos] vus Reali   2 quiserdes] quyserder Nunes   4 vos] vus Reali   7 mui d’anvidos] muit’anvidos Nunes, Littera : mui d’anvidus Reali; [o]] om. Reali, Fernández Campo, Littera   9 en mí] e muy Nunes, Reali : e mui Fernández Campo   10 mi quer] m’i querer Fernández Campo   13 [fui]] om. Fernández Campo   14 quan] que Nunes   15 Moir’] E moir’ Reali   17 vos] vus Reali   19 min] mi Nunes, Littera   21 fez[o]] fez Nunes, Reali, Fernández Campo, Littera

Paráfrase


(I) Meus amigos, quérovos eu dicir, se vós quixerdes, cal é a coita que sinto: sinto tal coita que perdo a razón por canto vos quero dicir: por unha muller que para o meu mal vin moi fermosa e da que me separei moi contra a miña vontade e sen o meu desexo.
(II) Perdo a razón e non teño capacidade de raciocinio, certamente, desexando o ben dela; e ademais, se alguén me quere falar, non teño capacidade para lle falar, porque me lembra canto a servín e o moi vizoso que fun mentres alí vivín e canto deleite me fixo perder Deus.
(III) Eu morro e práceme moito morrer porque vivo angustiado máis que calquera outra cousa, e aínda que morro non vos direi quen é a muller que así me fai morrer e a quen eu quero mellor que a min mesmo e a quen eu coñecín para o meu mal cando Deus ma fixo ver por vez primeira.
(1) E, meus amigos, xa que eu morro así pola mellor dona de cantas vin, non temo nada a miña morte nin morrer.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:78) + 10c 10c 10a

Encontros vocálicos: 21 mi͜-a

Notas


Texto
  • 1

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<amigus>, vv. 1 e 22; <danuydus>, v. 7). Na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 7

    O adverbio anvidos ‘de má vontade, contra vontade’ é de exclusivo uso literario, pois só se atesta neste verso e mais en 196.4 e 1340.25 como locución adverbial d’anvidos, igual que en CSM 55.4 (Atant’é Santa Maria de toda bondade bõa, / que mui d’anvidos s’assanna e mui de grado perdõa). Fóra da poesía trobadoresca, só o achamos coa forma a envidos na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España: Et entõ el rrey dõ Alfonso foy seydo da priiom et entrou mõge no moesteyro de Sam Fagũdo, mays a envidos ca de grado (Lorenzo 1975: I, 368), e deenvidos en Machado Filho (2013: s.v. deenvidos); outrosí, na Demanda do Santo Graal (véxase Magne 1944: s.v. envidos), así como uns poucos exemplos no Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA, s.v. envidos). Procede do adxectivo lat. inuitus ‘que actúa contra a súa vontade, con relutancia’.

  • 9

    A opción textual das edicións de Nunes, Reali e Fernández Campo, coa aceptación mecánica da lección <muy> de BV, é posíbel aínda que verdadeiramente moi forzada desde o punto de vista sintáctico, para alén de que non conseguimos achar a locución adverbial de pran reforzada por mui. Eis o texto, variantes gráficas á parte:
              Perço meu sén que sol non ei poder
              e mui de pran desejando seu ben.
    É por isto que a partir dos comprobados erros en <m, n, i> cuxas hastes se poden combinar de modos diferentes (m = ni ~ ui, por exemplo), xulgamos, con Littera, que no presente contexto deberemos interpretar a lección <E muy>~<emuy> dos dous cancioneiros italianos como en mí, de modo que o texto recupere o formato que cremos orixinal. Deste modo, fíxase a construción non ei poder en min que se reitera no v. 11:
              Perço meu sén que sol non ei poder
              en mí de pran desejando seu ben;
              e, demais, se mi quer falar alguen,
              de lhi falar non ei en min poder
              porque me nembra quanto a servi.

  • 13

    Novamente, é a métrica a que indica que neste verso existe unha (breve) lacuna textual (unha sílaba). Neste caso, todos os editores, agás Fernández Campo, coinciden na restauración de fui como elemento necesario no verso:
              porque me nembra quanto a servi,
              e quan viçoso [fui] mentr’i guari,
              e quan gran viç’a mí fez Deus perder.

  • 15

    Nótese como é necesaria a expunción da conxunción copulativa inicial da estrofa, onde se detectan casos de intrusión da copulativa, o mesmo que no inicio de verso. Neste sentido, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 16), B vs. V (851.12, 924.19, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9).

  • 19

    Se na expresión amar máis ca mí/min (nen al) non ten cabida a preposición a (véxase nota a 44.13), o mesmo ocorre en querer melhor ca mí/min (177.22, 261.8-9, 530.4, 531.r, 549.7683.7, 830.13-14,), que tampouco recorre á preposición para introducir o complemento. Véxase nota a 861.9. Cfr. nota a 44.13, e 243.16.

  • 21

    Ningún dos anteriores editores restaura a variante fezo (reiteradamente utilizada por Pero d’Armea) para resolver a hipometría versal e recuperar a medida decasilábica do verso. Na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, en face do necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2), de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está certamente xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado