992 [= Tav 120,36]
Pois me tanto mal fazedes

Pois me tanto mal fazedes,
senhor, se mi non valedes,
sei ca mia mort’oiredes
a mui pouca [de] sazon.
Senhor, se me non valedes,
non mi valra se Deus non!
Gran pecado per-fazedes,
senhor, se mi non valedes,
ca vós sodes e seredes
coita do meu coraçon.
Senhor, se mi non valedes,
[non mi valra se Deus non!]
Pois m’en tal poder tẽedes,
senhor, se mi non valedes,
prasmada vos én veeredes
se moiro en vossa prijon.
Senhor, se mi non [valedes,
non mi valra se Deus non!]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 989, V 577

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 904); Panunzio (1992 [1967]: 95-96 [= LPGP 782-783]); Littera (2016: II, 294).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 207); Braga (1878: 111); Machado & Machado (1953: IV, 376-377); Fernández Pousa (1956: 818); Juárez Blanquer (1988: 114).

Variantes manuscritas


3 ca mia] ma ca B   6 valra] ualtra B   7 pecado] peccado B   10 coraçon] coracon B   13 tẽedes] teendes B : teēdes V   16 prijon] prigon BV

Variantes editoriais


O segundo verso de cada estrofa non forma parte do refrán (intercalar) en ningunha das precedentes edicións.

5 me] mi Michaëlis, Panunzio, Littera   13 tẽedes] teendes Panunzio, Littera   15 vos] vos Michaëlis : vus Panunzio   16 moiro] moir(o) Michaëlis; prijon] prigon Panunzio

Paráfrase


(I) Pois tanto mal me facedes, señora, se me non valedes, sei que da miña morte oiredes (falar) en moi pouco tempo. Señora, se me non valedes, non me valerá ninguén excepto Deus!
(II) Un gran pecado cometedes, señora, se me non valedes, pois vós sodes e seredes a coita do meu corazón. Señora, se me non valedes, non me valerá ninguén excepto Deus!
(III) Xa que baixo tal poder me tendes, señora, se me non valedes seredes censurada por iso se morro na vosa prisión. Señora, se me non valedes, non me valerá ninguén excepto Deus!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8’a 8’A 8’a 8b 8’A 8B (= Tav 13:60)

Encontros vocálicos: 3 o·i·re·des; 15 ve͜e ·re·des; 16 moiro‿en

Notas


Texto
  • 3

    O Cancioneiro da Biblioteca Nacional presenta unha sorprendente inversión de elementos (<Sey ma ca mortoyredes>), ao tempo que a forma ma do posesivo feminino. En xeral, esta forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).

  • 4

    A restauración da preposición de é obrigada pola hipometría versal e a súa aparición noutros contextos coa mesma expresión:
              Queixades-vos del, mais, se Deus quiser,
              saberedes a pouca de sazon
              que nunca disse de vós se ben non (1019.9).

              ca atal era outr’amor de meu tio
              que se botou á pouca de sazone (1572.12).

              ca en pouca de sazon
              aque-m’un infançon ven (1641.17).

  • 5

    Nótese a variación me ~ mi no segundo verso do refrán (mi en todas as ocorrencias do pronome agás neste verso), en liña coa alternancia das dúas formas na lingua trobadoresca e mais na lingua medieval en xeral. Cfr. nota a 27.4.

  • 13

    A lección <teendes> de B podería eventualmente indicar a variante evoluída desta forma verbal (véxanse 1052.13, 1477.5), mais tamén a nasalidade vocálica a través do desenvolvemento gráfico da consoante (cfr., por exemplo, en B <doando> = dõado en 545.15).

  • 15

    O verbo prasmar (‘censurar’) non reaparece en texto galego ningún, mais é frecuente en textos xerados en territorio portugués, nomeadamente do século XV (véxase CGPA, s.v.).

  • 16

    Obsérvese a variante prijon, que se rexistra tamén en 1234.14 (Sacade-me, madre, destas prijões), forma minoritaria a respecto de prison, que se atesta repetidamente no corpus, a pesar da regular evolución da primeira forma (do lat. prehensionem, con metátese de iode e palatalización de /s/) en face da evolución diverxente con simple desaparición de iode (véxase Ferreiro 1999 [1995]: §107b). Nótese, ademais, a lección <prigon> de BV, con grafia <go> = /ʒo/, que é relativamente frecuente en textos medievais (véxase CGPA, s.v. prigon, prigõ, prigom, prigões etc.).

     

Buscar
    Non se atopou ningún resultado