678 [= Tav 11,10]
Por fazer romaria pug’en meu coraçon

Por fazer romaria pug’en meu coraçon
a Santiag’un dia, por fazer oraçon
e por veer meu amigo log’i.
E, se fezer [bon] tempo e mia madre non for,
querrei andar mui leda e parecer melhor,
e por veer meu amigo log’i.
Quer’eu ora mui cedo provar se poderei
ir queimar mias candeas con gran coita que ei,
e por veer meu amigo log’i.
 
 
 
 
5
 
 
 
 

Manuscritos


B 663, V 265

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 88-89); Minervini (1974: 76 [= LPGP 113]); Cohen (2003: 149); Littera (2016: I, 113).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 99); Braga (1878: 51); Michaëlis (1990 [1904]: II, 826); Machado & Machado (1952: III, 334); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 28).
III. Antoloxías: Seoane (1941: 131); Fernández Pousa (1951: 98); Nunes (1959: 275); Álvarez Blázquez (1975: 186); Landeira Yrago (1975: 163); Torres (1977: 205); Pena (1990: 101); Jensen (1992: 22); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 19).

Variantes manuscritas


2 oraçon] orazon V   3 meu] me B   5 querrei] Q̅irey B   8 mias] m\h/as V; gran] g̃ra B

Variantes editoriais


1 Por] De Nunes   2 a Santiag’un dia] a Sant’ Iag’ un dia Nunes : a Santiag’[ir] un dia Littera; por] ir Cohen   4 [bon]] om. Minervini

Paráfrase


(I) Pensei en ir de romaría a Santiago un día, por facer oración e por ver logo o meu amigo alí.

(II) E se estiver bo tempo e miña mai non for, quererei andar moi leda e máis fermosa parecer, e por ver logo o meu amigo alí.

(III) Quero eu, moi axiña, ver se hei poder ir queimar as miñas candeas pola gran coita que teño, e por ver logo o meu amigo alí.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 13a 13a 10B (= Tav 26:28)

Encontros vocálicos: 2 San·ti·a·g’un

 

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é un dos poucos textos trobadorescos que fai referencia á romaría en Santiago de Compostela (véxanse especialmente as cantigas 868 e 1100).

  • 1-2

    Tanto a emenda nunesiana no íncipit (Por > De) como a corrección de Cohen no v. 2 (por > ir) constitúen intromisións desnecesarias nun texto perfecto do punto de vista sintáctico e semántico.

  • 2

    A reintegración de Littera só se pode explicar a partir de que Santiago sexa considerada voz trisilábica, cando na realidade computa como catro sílabas.

  • 4

    Aínda que Minervini non acepta a suplementación métrica do verso, a propia expresión fazer tempo precisa un cualificativo que indique o tipo de clima (cfr. tanto dades que bon tempo faça / ben como mao, 1414.5-6; mai-lo bon tempo tornou, 1507.9).

  • 8

    Nótese a corrección do posesivo <mha> realizada polo propio copista en V, feito que suxire a posibilidade de considerar a forma ma como simple lapso de copia noutros contextos, aínda que é tamén forma correcta (véxase 104.18 e 465.2), en liña con ta (que non se atesta no corpus trobadoresco profano) e sa (moi frecuente). En xeral, a forma ma é produto dun erro de copia, como mostran outras leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos (599.13, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1). Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado