1056 [= Tav 96,1]
Dizer-vos quer’a gran coita d’amor

Dizer-vos quer’a gran coita d’amor
en que vivo, senhor, des que vos vi,
e o gran mal que eu [sofr’e] sofri;
e d’ũa ren soo [eu] sabedor:
que mi valera mui máis non veer
eu vós nen al quando vos fui veer.
E a mia coita sei que non á par
antr’as outras coitas que d’amor sei;
e, pois meu temp’assi pass’e passei,
con gran verdade vos posso jurar
que mi valera mui [máis non veer
eu vós nen al quando vos fui veer].
[E] ést’a coita que mi a morte ten
tan chegada que non lh’ei de guarir,
ca non sei eu logar u lhe fugir;
e por esto podedes creer ben
que mi valera mui máis [non veer
eu vós nen al quando vos fui veer],
ca, se non vira, podera viver
e meor coita ca sofro sofrer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1054, V 644

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 400-401 [= LGPG 636-637]); Littera (2016: II, 113-114).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 228-229); Braga (1878: 123); Machado & Machado (1956: V, 59-60).

Variantes manuscritas


3 e o] Cō B   4 ren] ten V   6 eu] En B   9 meu] men B   15 lhe] lha BV; fugir] fogir V   16 por] pre V   19 podera] podem B

Variantes editoriais


4 soo] sõo Nunes, Littera   13 [E] ést’a coita] [É] esta coita Nunes : [Sei d]esta coita Littera   15 fugir] fogir Littera

Paráfrase


(I) Quero dicirvos, señora, a gran coita de amor en que vivo desde que vos vin, e o gran mal que eu sufro e sufrín; e dunha cousa estou ben certo: que moito máis me valera non ver(vos) eu a vós nin ningunha outra cousa cando vos fun ver.
(II) E a miña coita sei que non ten igual entre as outras coitas de amor que coñezo; e xa que os meus días así paso e pasei, con gran verdade vos podo xurar que moito máis me valera non ver(vos) eu a vós nin ningunha outra cousa cando vos fun ver.
(III) E é a coita que a morte me ten tan próxima que non me poderei librar, pois non coñezo un lugar a onde lle fuxir; e por isto ben podedes crer que moito máis me valera non ver(vos) eu a vós nin ningunha outra cousa cando vos fun ver, (1) pois, se non vise, podería vivir e sufrir menor coita da que sufro.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:173) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 13 mi‿a

Notas


Texto
  • 3

    A reintegración textual que permite fixar sofr’e sofri vén condicionada polo simétrico v. 9, onde aparece unha repetición estilística similar (pass’e passei), para alén da frecuente reiteración desta construción con sofrer ao longo do corpus: 179.23, 255.20, 399.8, 431.9, 445.5, 814.5, 1058.9, 1081.14.

  • 4

    A colocación do elemento reintegrado eu ben podería ir antes da forma verbal (e d’ũa ren [eu] soo sabedor) a teor da probabilidade de erro nunha secuencia moi similar (ren eu). Porén, a existencia no corpus de construcións similares en que o pronome aparece posposto á forma verbal lévanos a seguir a proposta de Nunes. Cfr. Porque da dona son eu sabedor (79.15); ca non sõo eu sabedor (86.22).

  • 6

    O pronome persoal vós, tónico, cumpre función de complemento directo sen preposicion, como acontece con certa frecuencia na lingua dos trobadores.

  • 13

    É relativamente usual a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc. Neste sentido, a solución de Nunes é máis forzada que a proposta coa copulativa inicial e a consideración da forma verbal ést(e), e moito máis forzada é aínda a imaxinativa reintegración de Littera.

  • 15

    O verbo fugir é variante evoluída da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre) –transmitida por V–, que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado