Esta composición correspóndese cunha lacuna no Cancioneiro da Biblioteca Nacional; porén, fican os restos do folio rachado de modo que se pode ler o inicio dos versos que corresponden á derradeira estrofa (Seuꝯ p / Cōmi / E d / E / Fal) e fiinda do texto que tería o número 1006; no caso da fiinda, para alén da raia vertical de Colocci que sinala a súa existencia, só se aprecia parte da letra inicial <Q> dos dous versos.
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 257-258); Rodríguez (1980: 151 [= LPGP 398]); Cohen (2003: 540); Littera (2016: I, 441-442).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 213); Braga (1878: 114); Fernández Pousa (1959: 112); Machado & Machado (1960: VII, 84).
1 gran ben quer] gram \bē/ quer V 5 fale] tale V 7 perç’eu] perzeu V 11 fale] tale V 13 falar] falhar V 17 fale] tale V 19 Quiça] Quiza V 20 sen] seu V
4-6 e ũa vez, se a vós aprouguer, / fale migo, pois end’atal prazer / é, saberemo-lo que quer dizer] e ũa vez, se a vós aprouguer, / fale migo, pois end’á tal prazer, / e saberemo-lo que quer dizer Nunes, Rodríguez, Cohen : e ũa vez, se a vós aprouguer, / fale migo, pois end’há tal prazer, / e saberemo’lo que quer dizer Littera 10-12 Véxanse vv. 4-6 16 moir’assi] moira assi Rodríguez : moira ‘ssi Cohen 16-18 Véxanse vv. 4-6
(I) Por Deus, miña nai, o que moito me ama di que desexa falar comigo máis que calquera outra cousa que un pode imaxinar; e, se vos prouguer, unha vez fale comigo, pois niso tanto pracer ten, saberemos o que me quere dicir.
(II) Por el falar comigo non perdo eu a boa fama, pois do seu proveito eu alí non falarei nada, e el dirá e eu escoitarei; e antes de que morra xa, unha vez fale comigo, pois niso tanto pracer ten, saberemos o que me quere dicir.
(III) Se vos prouguer, veña aquí falar comigo, ai madre, pois ten desexo diso, e despois direivos canto el me dirá; e unha vez, antes de que morra así, fale comigo, pois niso tanto pracer ten, saberemos o que me quere dicir.
(1) Quizais agora me quere dicir unha cousa tal que eu lle podo conceder sen dano para min.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:92) + 10c 10c
Encontros vocálicos: 19 -mi‿ora
A reinterpretación de <e> inicial do v. 6 como forma verbal é e a conseguinte adecuación da puntuación evita unha incoherencia sintáctica cun e expletivo que todas as edicións precedentes presentan desde a primeira edición crítica desta composición. Eis o texto de Cohen:
e ũa vez, se a vós aprouguer,
fale migo, pois end’ á tal prazer,
e saberemo-lo que quer dizer.
A puntuación de Littera no verso é diverxente de todas as edicións: e, ante que moira, ja ũa vez / fale...
Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.
A forma medieval migo, con algunhas variantes (véxase nota a 10.18), xa convivía na altura cronolóxica das cantigas con comigo, que aínda pode presentar a forma analítica con migo (11.24, 584.14, 585.8, 773.8, 846.r1, 856.1, 928.8, 939.13, 1039.10 e 26, 1099.19, 1234.20, 1303.8), fórmula concorrente coa arcaizante con mego (469.6 e 9).
Fem servir cookies de tercers amb finalitats analítiques per poder conèixer els hàbits de navegació (per exemple, les pàgines visitades). Tingueu en compte que, si accepteu les cookies de tercers, haureu d'eliminar-les de les opcions del navegador o del sistema ofert per tercers.
Feu clic al botó corresponent per acceptar o rebutjar les cookies: