[últ. rev.: 08/10/2021]Imprimir

1205 [= Tav 134,3]
Enas verdes ervas

Enas verdes ervas
vi anda-las cervas,
meu amigo.
Enos verdes prados
vi os cervos bravos,
meu amigo.
E con sabor delos
lavei meus cabelos,
meu amigo.
E con sabor delas
lavei mias garcetas,
meu amigo.
Des que los lavei,
d’ouro los liei,
meu amigo.
Des que las lavara,
d’ouro las liara,
meu amigo.
D’ouro los liei
e vos asperei,
meu amigo.
D’ouro las liara
e vos asperava,
meu amigo.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1189, V 794

No Cancioneiro da Vaticana, as estrofas III-IV aparecen copiadas, en orde inversa, no final da cantiga, e unha cruz do copista indica o lugar onde debían ter sido colocadas.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 376-377); Méndez Ferrín (1966: 169-170 [= LPGP 872-873]); Azevedo Filho (1995 [1974]: 71); Cohena (2003: 422); Cohenb (2014 [2013]: 49); Littera (2016: II, 413).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 273); Braga (1878: 149); Bell (1922: 260-261); Machado & Machado (1956: V, 290-291); Montero Santalha (2004); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 84-85).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 35); Seoane (1941: 47-48); Nemésio (1961 [1949]: 179); Fernández Pousa (1951: 96); Bernárdez (1952: 112-114); Varela Jácome (1953: 27-28); Nunes (1959: 372-373); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 65-67); Álvarez Blázquez (1975: 211); Torres (1977: 361); Correia (1978: 160-162); Reckert & Macedo (1980: 105); Beltrán (1987: 78-79); Dobarro Paz et alii (1987: 98); Alvar & Beltrán (1989: 354); Pena (1990: 96-97); Sansone (1990: 294-296); Jensen (1992: 338); Alonso Girgado (1992: 43); Pena (1993: 76-77); Delgado León (1996: 120); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 217); Diogo (1998: 239-240); Morán (1999: 64-65); [Morán] (2001: 77-78); Arias Freixedo (2003: 794-795); Magalhães (2007: 106).

Variantes manuscritas


7 delos] delhꝯ BV   10 delas] delhas BV   11 lavei] auey V   13 los] uꝯ V   14 los] lus V   16 lavara] lauera B   17 d’ouro] dou(t)ro V   19 D’ouro] Doutro V   20 vos] uos BV; asperei] aspey B   22 D’ouro] Doutro V   23 vos] uos BV

Variantes editoriais


En Nunes, Méndez Ferrín, Azevedo Filho e Littera, as estrofas III-IV aparecen en orde inversa.

7 delos] d’elhos Méndez Ferrín   10 delas] d’elhas Méndez Ferrín   23 asperava] asperara Nunes

Paráfrase


(I) Nas verdes herbas vin andar as cervas, meu amigo.

(II) Nos verdes prados vin os cervos bravos, meu amigo.

(III) E con gusto deles lavei os meus cabelos, meu amigo.

(IV) E con gusto delas lavei as miñas trenzas, meu amigo.

(V) Desde que os lavei, lieinos con ouro, meu amigo.

(VI) Desde que as lavara, lieinas con ouro, meu amigo.

(VII) Lieinos con ouro e espereivos, meu amigo.

(VIII) Lieinas con ouro e esperábavos, meu amigo.

Métrica


Esquema métrico: 5’a 5’a 3’B (I-IV, VI, VIII [= Tav 26:138]) + 5a 5a 3’B (V, VII [= Tav 26:136])

Encontros vocálicos: 14 li·ei; 17 li·a·ra; 17 li·ei; 19 li·a·ra

Notas


Texto
  • *

    A rapariga contempla os cervos e cervas nos prados; o verdor da herba sitúanos na estación propicia para a reprodución. A estación propicia tamén para os encontros entre os namorados. Satisfeita por tal contemplación (con sabor delos), prepárase ela tamén para esperar o amigo, realizando o ritual erótico do lavado dos cabelos, que simbolizan, xa como vimos, a sensualidade da doncela.

    Perante a diferente ordenación das estrofas III-IV, é Cohen o editor que propón respectar a orde de B por canto é harmónica coas cantigas 704 (Joan Soarez Coelho) e Joan Zorro (1166), coa secuencia cabelos – garcetas. Para alén disto, con esta ordenación os referentes pronominais das seguintes estrofas fican na orde lóxica: cabelos – garcetas – los – las – los – las.

    Por outra parte, sobre a rima toante nas cantigas de Pero Meogo véxase a nota á cantiga 1204.

  • 1

    Por máis que nesta cantiga teñan presenza algúns arcaísmos típicos no xénero das cantigas de amigo (elos, v. 7; los, vv. 13 e 19; las, vv. 17 e 22), os datos suxiren que a variante enas (vs. nas) é utilizada estritamente por razóns métricas, sen que se poida afirmar que constitúe un uso arcaizante propositado.

  • 7

    Nótese a presenza de elos, unha rara forma pronominal que responde á súa base etimolóxica (do lat. ĭllōs) e que ficou arrecantada na lingua pola forma innovadora eles, que mostra unha formación plural secundaria (ele  eles). En calquera caso, elos volve aparecer noutras dúas cantigas de amigo tamén de teor arcaizante, tamén en rima con cabelos

              Fui eu, madre, lavar meus cabelos
              a la fonte e paguei-m’eu delos
              e de mí, louçana (Joan Soarez Coelho, 704.2)

     

              Cabelos, los meus cabelos,
              el-rei me enviou por elos (Joan Zorro, 1166.2)

  • 7-10

    Méndez Ferrín mantén a forma gráfica elhos (e elhas no v. 10), mais a aparición de <lh> por <l> é un erro de copia de se rexistra esporadicamente nos apógrafos italianos. Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <|ali> A, <|alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <|elhes> B, <|elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <|elhas> BV (1205.7); elos <|elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olhas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.

  • 13

    O pronome los (vv. 13, 14, 16, 17, 18, 21), do mesmo xeito que acontece coas formas do artigo (véxase nota a 587.3), manifesta a conservación de /l/ en posición posvocálica, fonema desaparecido nestes formas pronominais xa había tempo. A súa presenza debe ser atribuída a unha vontade retórica arcaizante (véxase Ferreiro 2008b, 2013a), igual que acontece noutras moitas cantigas de amigo (586, 646, 647, 660, 1236).

  • 14

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<lus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado