1281 [= Tav 88,6]
J’agora meu amigo filharia

J’agora meu amigo filharia
de mí o que el tiinha por pouco,
de falar migo, ca tant’era louco
contra mí que ainda máis querria;
e ja filharia, se m’eu quisesse,
de falar mig’, e nunca lh’al fezesse.
Tan muito mi dizen que é coitado
por mí, des quando non falou comigo,
que non dorme nen á [o] sén consigo
nen sabe de sí parte nen mandado;
e ja filharia, se m’eu quisesse,
[de falar mig’, e nunca lh’al fezesse],
ca est’é l’ome que máis demandava
e non ar quis que comigo falasse,
e ora jura que ja se quitasse
de gran sandic’en que m’ante falava;
e ja filharia, se m’eu quisesse,
[de falar mig’, e nunca lh’al fezesse].
E jura ben que nunca mi dissesse
de lh’eu fazer ren que mal m’estevesse.
En tal que comigo falar podesse,
ja non á preito que mi non fezesse.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 

Manuscritos


B 1265, V 870

Colocci numerou as dúas fiindas da cantiga.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 430-431); Tavani (1964: 72-73 [= LPGP 602]); Cohen (2003: 499); Littera (2016: II, 67).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 298); Braga (1878: 163-164); Machado & Machado (1956: V, 378).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 253).

Variantes manuscritas


2 tiinha] tunha V   4 ainda máis querria] arnda mays q̅iria B : auida mays q̅rria V   10 de sí] (desse) dessy B   16 gran] grã B

 

Variantes editoriais


1 J’agora] Ja ‘gora Nunes, Cohen, Littera   2 tiinha] tĩia Cohen   4 querria] queria Tavani, Cohen, Littera   9 non dorme nen á [o] sén] non dorme nen á sen Tavani : non dorme nen <ar> á sen Cohen : nom dorme [já] nem há sem Littera   13 est’é l’ome] est el home Littera

Paráfrase


(I) Xa agora o meu amigo aceptaría de min o que el tiña por pouco, falar comigo, pois estaba tan túzaro comigo que aínda quería máis: e xa aceptaría, se eu quixese, falar comigo, que nunca lle faría outra cousa.
(II) Dinme con frecuencia que está triste por min, desde que non falou comigo, que non dorme nin está cordo nin sabe que facer de si, e xa aceptaría, se eu quixese, falar comigo, que nunca lle faría outra cousa, (III) pois este é o home que máis pedía, e non quixo sequera falar comigo, e agora xura que xa se apartou da gran tolaría de que antes me falaba, e xa aceptaría, se eu quixese, falar comigo, que nunca lle faría outra cousa.
(1) E xura que nunca me dixo que eu lle fixese cousa ningunha que me estivese mal.
(2) Con tal de poder falar comigo, xa non hai promesa que me non fixese.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10’C 10’C (= Tav 160:256) + 2 x 10’c 10’c

Notas


Texto
  • 1

    Ao longo do corpus áchanse poucas ocorrencias de ja con crase coa voz seguinte (sempre iniciada por a-), talvez polo carácter semitónico do adverbio: j’a –pronome ou preposición– (25.3, 64.10, 1588.20), j’alguen (92.24), j’assi (238.10, 408.4), j’agora (365.16, 764.r2), j’amigo (689.2). Nótese como en todos os casos ja perde tonicidade (coa conseguinte facilidade para a crase) perante unha tónica inmediata (alguen, assi, agora, amigo) ou case inmediata (poder).

  • 2

    Obsérvese a representación gráfica (ou fonolóxica?) de tiinha como tĩia en Cohen, contra a realidade dos manuscritos.

  • 4

    O erro dos apógrafos italianos para ainda, e nomeadamente a lección de V, lembra o mesmo lapso de copia nunha fiinda de Don Denis (ainda <amda> B, <auida> V; 542.19).

    A expresión do período non esixe a mudanza querria > queria que, agás Nunes, todos os editores realizaron, contra a lección dos manuscritos; de feito, a presenza do pospretérito é coherente co tempo copretérito con que estabelece correlación (era ... queria, v. 3).

  • 13

    Obsérvese a aparición da forma do artigo lo, con /l/, en crase con ome, nunha cantiga de amigo sen intención arcaizante, talvez para evitar unha secuencia vocálica cacofónica e/ou unha inusual sinalefa. Cfr. nota a 587.3. Neste sentido, extraer unha forma el para o artigo como fai Littera (el home) contradí o uso dos trobadores, xa que a única forma el para o artigo é a utilizada exclusivamente con rei (el-rei).

  • 15

    Nos vv. 15 e 19 obsérvase un infrecuente uso do pretérito de subxuntivo con valor de pretérito de indicativo (ou de antepretérito): e ora jura que ja se quitasse / de gran sandic’en que m’ante falava (v. 15); E jura ben que nunca mi dissesse / de lh’eu fazer ren que mal m’estevesse (v. 19).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado