542 [= Tav 25,85]
Preguntar-vos quero, por Deus

Preguntar-vos quero, por Deus,
senhor fremosa, que vos fez
mesurada e de bon prez,
que pecados foron os meus,
que nunca tevestes por ben
de nunca mi fazerdes ben.
Pero sempre vos soub’amar,
des aquel dia que vos vi,
máis que os meus olhos e min,
e assi o quis Deus guisar:
que nunca tevestes por ben
[de nunca mi fazerdes ben].
Des que vos vi, sempr’o maior
ben que vos podia querer
vos quigi a todo meu poder,
e pero quis Nostro Senhor
que nunca tevestes por ben
[de nunca mi fazerdes ben].
Mais, senhor, ainda con ben
se cobraria ben por ben.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 525b, V 128

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 44-45 [= LPGP 216]); Nunes (1972 [1932]: 150-151); Eirín (2015: 179); Littera (2016: I, 192-193).
II. Outras edicións: Moura (1847: 71-73); Monaci (1875: 54); Braga (1878: 26); Machado & Machado (1952: III, 110); Júdice (1997: 122); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Pimpão (1942: 45); Spina (1972: 332).

Variantes manuscritas


4 pecados] pecadus V   11 tevestes] Tenestes B : ceuestes V   19 ainda] amda B : auida V

Variantes editoriais


19 ainda] a vida Lang, Littera

Paráfrase


(I) Quérovos preguntar, senhor fermosa, por Deus que vos fixo mesurada e de moito mérito, que pecados foron os meus, pois nunca tivestes a ben facérdesme nunca ben.

(II) Aínda que sempre vos amei, desde aquel día en que vos vin, máis que aos meus ollos en min, e así o quixo Deus dispor: [refrán]

(III) Desde que vos vin sempre vos quixen o máis que vos podía querer con todas as miñas forzas, mais quixo Noso Señor [refrán].

(1) Mais, senhor, aínda con ben se compensaría un ben por outro ben.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C + 8c 8c (= Tav 160:333)

Encontros vocálicos: 15 quigi‿a

Notas


Texto
  • 9

    O feito de que a lección <en> sexa unánime en BV na expresión os meus olhos en min, xunto co aparecemento da mesma construción noutra cantiga dionisina (en 571.15), lévanos a manter –xunto cos anteriores editores– esta singular expresión do rei-trobador. Deste xeito, o sentido dos versos segundo a literalidade dos manuscritos podería ser este: ‘desde que vos vin, quérovos máis que aos ollos do meu rostro (que aos meus propios ollos)’.
    No entanto, podería tamén pensarse nun erro de copia <en>/<e> de maneira que a lectura verdadeira fose os olhos e min, coa escisión entre os ollos e a persoa namorada, que se rexistra con frecuencia no corpus. A mesma formulación literal deste desdobramento do eu poético e dos seus ollos poden verse, por exemplo, en Fernan Rodriguez de Calheiros (Que mal matei os meus olhos e mí, 45.1).

  • 16

    A locución conxuntiva e pero, de valor concesivo (‘aínda que’), é de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar entre e pero ou a secuencia de copulativa + adversativa (e, pero).

  • 19

    As leccións <amda> de B e <auida> de V (véxase a mesma errada lección en 1281.4) permiten tamén interpretar a vida, tal como Lang e Littera fixeron. Porén, para o contexto acae mellor ainda, tamén posíbel a partir dos manuscritos: ‘aínda estarían a tempo de a senhor compensar co seu ben a indiferenza con que até agora respondeu ao seu amor’.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado