764 [= Tav 70,36]
Par Deus, amigas, ja me non quer ben

Par Deus, amigas, ja me non quer ben
o meu amigo, pois ora ficou
onde m’eu vin e outra o mandou;
e direi-vos, amigas, ũa ren:
se m’el quisesse como soia,
j’agora, amigas, migo seria.
E ja cobrad[o] é seu coraçon,
pois el ficou u lh’a mia cinta dei
[......................................................]
e, mias amigas, se Deus mi perdon,
se m’el quisesse como soia,
[j’agora, amigas, migo seria].
Fez-m’el chorar muito dos olhos meus
con gran pesar que m’oje fez prender
quand’eu dixi (outro m’ouvira dizer!),
ai mias amigas, se mi valha Deus:
«Se m’el quisesse como [soia,
j’agora, amigas, migo seria]».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 748, V 350

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 92 [= LPGP 455-456]); Nunes (1973 [1928]: 165-166); Cohen (2003: 237); Littera (2016: I, 522).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 136); Braga (1878: 67); Machado & Machado (1953: IV, 55-56); Domingues (1992: 48); Cohen (1996: 8).

Variantes manuscritas


1 amigas] am̄igas B; quer ben] bē quer B   8 cinta dei] cin[***] B   11 como] comꝯ V   13 chorar] ch\o/rar V

Variantes editoriais


6 j’agora] ja ‘gora Nobiling, Cohen   9 [de me querer muy gran ben, eu o sey] Nobiling, Nunes   10 mias] mas Nobiling   12 j’agora] ja ‘gora Nobiling, Cohen   15 m’ouvira] m’o [o]uvira Nobiling, Nunes   18 j’agora] ja ‘gora Nobiling, Cohen

Paráfrase


(I) Por Deus, amigas, xa non me ama o meu amigo, pois agora ficou alí de onde eu me vin e outra o mandou (ficar); e direivos, amigas, unha cousa: se el me amase como soía, amigas, xa estaría agora (aquí) comigo.

(II) E xa o seu corazón está ben compensado, pois el ficou alí onde lle dei a miña cinta [...] e, amigas miñas, así Deus me perdoe, se el me amase como soía, amigas, xa estaría agora (aquí) comigo.

(III) El fíxome chorar moito co gran pesar que hoxe me fixo sentir cando eu dixen (outro me ouvira dicir tal!), ai amigas miñas, así Deus me valla: «se el me amase como soía, amigas, xa estaría agora (aquí) comigo».

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 9’C 9’C (= Tav 160:265)

Encontros vocálicos: 6 agora,‿amigas, so·i·a; 12 agora,‿amigas, so·i·a; 15 dixi‿outro; 18 agora,‿amigas, so·i·a

Notas


Texto
  • 6

    A crase j’agora non é habitual, pois só se rexistra en 365.16 e 1281.1. De todos os xeitos, ao longo do corpus áchanse poucas ocorrencias de ja con crase coa voz seguinte (sempre iniciada por a-), talvez polo carácter semitónico do adverbio: j’a –pronome– (64.10, 1588.20), j’alguen (92.24), j’assi (238.10, 408.4), j’amigo (689.2). Nótese como en todos os casos ja perde tonicidade (coa conseguinte facilidade para a crase) pola presenza dunha vogal tónica inmediata (alguen, assi, agora, amigo).

  • 8

    A cinta é o cordón con que se apertaba a camisa ou o vestido á cintura. Por ese uso como ataxe, foi tomada como símbolo de unión e de fidelidade entre os namorados, que se intercambiaban anacos de cintas para mostrar que o amor era correspondido e tamén cando se separaban por un período longo, para manteren viva a chama do amor e a fidelidade.

  • 8-9

    Todas as edicións anteriores consideran que o verso ausente dos manuscritos corresponde ao v. 8, o cal non é imposíbel por non existiren indicios obxectivos para supor que un ou outro sexa o verso omitido. A partir de Nobiling, a hipótese para este verso é de me querer muy gran ben, eu o sey, recollida en Nunes e citada en Cohen; tamén se podería considerar calquera outra posibilidade, como outra o mandou ficar, eu o sei.

  • 15

    Existen diversas propostas editoriais para este verso: quand’eu dixi: «Outro m’ o [o]uvira dizer!» (Nobiling e Nunes, que tamén suxire Outro mo vira dizer); e outro m’o ouver’a dizer! (Lapa 1982: 166); e quant’ eu dixi, outro m’ouvira dizer (Cohen). Todas elas confirman a dificultade de achar unha lectura coherente sintáctica e semanticamente para o testemuño de BV. Estes editores consideran que a segunda parte do verso é parte do parlamento directo da amiga, mentres que agora optamos por, respectando a letra dos manuscritos, considerar que a segunda parte do verso constitúe un aparte da amiga expresando o desexo de que outro home debería escoitar as súas palabras, perante a situación de desencontro que ela ten co amigo. Porén, tamén se podería ler, quand’eu dixi (outr’ om’ ouvira dizer!)...

    En face da forma maioritaria oir, como evolución xeral de audire na lingua trobadoresca (véxase Ferreiro 1999: §211a), a variante ouvir é de uso limitado no corpus (véxase tamén 384.17, 633.24, 804.15, 968.4, 1055.9, 1233.12, 1322.13, 1346.22, 1361.3, 1522.4), tendo en conta que a P1 de presente indicativo (ouço) e o presente subxuntivo (ouça etc.) son formas únicas. Cfr. nota a 618.10.

  • 16

    Existe a posibilidade de considerar que este verso está incluído no parlamento da amiga:

              quand’eu dixi (outro m’ouvira dizer!):

              «Ai mias amigas, se mi valha Deus,

              se m’el quisesse como [soia

              j’agora, amigas, migo seria»].

Buscar
    Non se atopou ningún resultado