965 [= Tav 63,74]
Toda-las cousas eu vejo partir

Toda-las cousas eu vejo partir
do mund’en como soian seer,
e vej’as gentes partir de fazer
ben que soian (tal tempo vos ven!);
mais non se pod’o coraçon partir
do meu amigo de mí querer ben.
Pero que ome part’o coraçon
das cousas que ama, per bõa fe,
e parte-s’ome da terra ond’é,
e parte-s’ome d’u [mui] gran prol ten,
non se pode partir-lo coraçon
do meu amigo de min [querer ben].
Toda-las cousas eu vejo mudar:
mudan-s’os tempos e muda-s’o al,
muda-s’a gente en fazer ben ou mal,
mudan-s’os ventos e tod’outra ren;
mais non se pod’o coraçon mudar
do meu amigo de min querer ben.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 963, V 550

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 253-254); Rodríguez (1980: 142 [= LPGP 406]); Lopes (2002: 193); Cohen (2003: 537); Littera (2016: I, 437).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 197); Braga (1878: 105); Machado & Machado (1953: IV, 335-336); Fernández Pousa (1959: 109).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 68); Oliveira & Machado (1959: 113); Landeira Yrago (1975: 150); Torres (1977: 451); Gonçalves & Ramos (1983: 222); Ferreira (1988: 73); Alvar & Beltrán (1989: 289-290); Pena (1990: 106-107); Ferreira (1991: 118-119); Jensen (1992: 144); Pena (1993: 81); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 77); Morán (1999: 41-42);  [Morán] (2001: 44).

Variantes manuscritas


5 non] nou B; coraçon] coracon B   7 part’o] parco BV   8 que] a BV   9 parte] parce B; ome] ome home BV; terra] tirā BV   11 pode] posse B; partir-lo] partilo V; coraçon] coracon B   14 mudan] Mudon B; os tempos] us tēpus V   15 muda] Munda B : mūda V   16 mudan] Mundan B : mu(n)dan V; os] us V   17 pod’o] pode B

Variantes editoriais


2 mund’] mod’ Nunes, Littera   4 vos] nos Nunes   6 mí] mi Nunes, Rodríguez, Lopes, Cohen, Littera   10 d’u [mui] gran prol] du [mui] gran prol Nunes : d’u gran[de] prol Rodríguez, Lopes, Littera : du gran prol <lhi> Cohen   11 partir-lo] parti-lo Nunes, Rodríguez, Cohen : parti’lo Lopes   12 min] mi Nunes, Rodríguez, Lopes, Lopes, Cohen   18 min] mi Nunes, Rodríguez, Lopes, Cohen

Paráfrase


(I) Eu vexo todas as cousas do mundo deixar de ser como adoitaban ser, e vexo as xentes deixar de facer o ben que adoitaban facer (tal tempo vos vén!); mais non pode deixar o corazón do meu amigo de me a min amar.
(II) Aínda que calquera home afaste o corazón das cousas que ama, certamente, e calquera home se vai da súa terra, e calquera home se vai de onde lle vai moi ben, non pode deixar o corazón do meu amigo de me a min amar.
(III) Vexo eu mudar todas as cousas: mudan os tempos e muda todo o demais, muda a xente en facer ben ou mal, mudan os ventos e todas as outras cousas; mais non pode mudar o corazón do meu amigo de me a min amar.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10a 10C (= Tav 183:4)

Encontros vocálicos: 2 so·i·an; 4 so·i·an; 15 gente‿en

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga de Joan Airas é, con certeza, unha orixinal composición en que o autor, na procura da innovación poética e da variación, combina temáticas da cantiga de amigo (o amor inquebrantábel do amigo) con temas e estilemas propios da cantiga moral (o mundo ás avesas, a perda dos valores, a mudanza do ben polo mal). Faino, ademais, xa desde os primeiros versos, onde nos sitúa nos parámetros temáticos e estilísticos do sirventés moral para logo, bruscamente, identificar unha voz poética feminina e introducir a figura do amigo e o motivo do seu amor incondicional.

  • 2

    Obsérvese a refacción de Nunes (e Littera), que reorienta a semántica do período: Toda-las cousas eu vejo partir / do mod’en como soian seer.

  • 4

    Neste verso percíbese unha omisión do artigo (e vej’as gentes partir de fazer / ben que soian...), similar á ausencia do determinante que se manifesta noutras pasaxes do corpus: a dona que meu receber / con migo se pode perder (11.23); E, ja que vos comecei a dizer / ben que vos quero, quero-vos rogar / que vos non pes... (237.16); ca, de pran, est’é oje máis de ben / que ei (242.15); mais quero-lh’eu maior / mal que posso (503.7-8); Nunca vos ousei a contar / mal que mi fazedes levar (553.11-12); tornade-vos máis cedo que poderdes (832.3) etc.

    Por outra parte, tal como estabelece Rodríguez, na edición crítica do cancioneiro de Joan Airas, e argumenta Cohen, non é preciso alterar a lección dos manuscritos no relativo ao pronome vos, en función de dativo ético.

  • 6

    Nesta ocorrencia do refrán aparece unha forma  (de  querer ben) que interpretamos como forma tónica sen preposición, en función de CD (feito relativamente frecuente na lingua trobadoresca), en liña coas formas min das estrofas II-III. Asemade, isto supón unha leve variación lingüística no refrán, que se rexistra noutras moitas cantigas. Cfr. nota a 27.4.

  • 8

    Obsérvese o erro dos manuscritos, coa aparición de <a> en vez de <q̄> ou <que> que vemos tamén noutras pasaxes (especialmente en V): que <q̄> B, <a> V (727.10); quer <quer> B, <auer> V (757.5); aquest’ano <|a astano> B, <a q̄stano> V (1486.21); quand’eu <q̃ndeu> B, <auandeu> V (1665.5) etc.

  • 10

    Perante a hipometría versal, a solución gran[de] como adxectivo prenominal da maioría das edicións precedentes non ten apoio no corpus. É por isto que semella axeitada a recuperación da partícula mui, probábel omisión no proceso de copia, como mostran algunhas pasaxes en que os testemuños son diverxentes (A vs. BV: 400.13, 421.19; B vs. A: 194.4; BV vs. A: 421.13; B vs. V: 1184.3).

  • 11

    A prioridade concedida a B lévanos a fixar a grafía arcaica na asimilación que se produce no encontro do infinitivo co pronome identificador (cfr. <partilo> en V), que debe ser lida como [l] (véxase unha variación similar en negar-lo-ei A vs. nega-lo-ei B (254.6). En calquera caso, ao longo do corpus achamos diverxencias de representación gráfica destas asimilacións, ás veces con grafías ambiguas que non indican explicitamente tal asimilación; é maioritaria a representación da asimilación en A (vs. BV), moitas veces con formato arcaizante: creer-la coita A vs. creer a coita B (139.2), dizer-lo mui gran ben A vs. dizer o mui gran ben B (302.2), perde-lo sén A vs. perder o sén BV, “sennor”-la chamaria A vs. “senhor” a chamaria BV (807.7). Noutras ocasións, acontece á inversa: perder o sén A vs. perde-lo sén BV (210.8), se fezer / mia sennor o que ten no coraçon A vs. se fezer / mia senho-lo que ten no coraçon BV (222.14). Cfr. nota a 48.14.

  • 14

    No Cancioneiro da Vaticana aparece a terminación gráfica -us (<us tēpus>, v. 14; <us>, v. 16) en voces en que é xeral a terminación -os; na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

     

Buscar
    Non se atopou ningún resultado