727 [= Tav 60,6]
Meu amig’é d’aquend’ido

Meu amig’é d’aquend’ido,
amiga, mui meu amigo;
dizen-mi, ben vo-lo digo,
que é ja de min partido:
mais que preito tan guisado!
Pero vistes que chorava
quando se de min partia,
dis[s]eron-mi que mor[r]ia
por outra e que rogava:
mais que preito tan guisado!
O que sei de pran que morre
por min, o que non faz torto,
dizen-m’ora que é morto
‘ssi se lh’outra non acorre:
mais que preito tan guisado!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15

Manuscritos


B 712, V 313

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 131-132); Cohen (2003: 198); Víñez Sánchez (2004: 181 [= LPGP 363]); Littera (2016: I, 415).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 125-126); Braga (1878: 60); Machado & Machado (1952: III, 397-398).

Variantes manuscritas


4 partido] parado V   5 guisado] desguisado B : desauissado V   8 diserōmj q̄ moria B : deserōmi q̄ morra V   9 rogava] rro oma B : rro uana V   10 que] a V   12 o] om. V   14 acorre] a orre B : a corre V   15 preito] rreyto B

Variantes editoriais


4 min] mi Nunes   5 guisado] desguisado Nunes, Víñez Sánchez   9 e que rogava] a quen amava Nunes : a que tornava Cohen : e que trobava Littera   10 guisado] [des]guisado Nunes, Víñez Sánchez   14 ‘ssi se] si, se Nunes, Cohen : ‘si, se Littera   15 guisado] [des]guisado Nunes, Víñez Sánchez

Paráfrase


(I) O meu amigo foise de aquí, amiga, moi namorado de min; dinme, ben volo digo, que me abandonou: mais que estratexia tan axeitada!

(II) Aínda que vistes que choraba cando se despedía de min, dixéronme que morría e suplicaba por outra: mais que estratexia tan axeitada!

(III) O que sei certamente que morre por min, o que non comete engano, dinme agora que así morre se outra non lle vale: mais que estratexia tan axeitada!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7’C (cfr. Tav 155:32).

Notas


Texto
  • 2

    É inhabitual a anteposición do adverbo mui ao posesivo (mui meu amigo = *muit’amigo meu), que, de todos os xeitos, se pode achar noutra ocorrencia no corpus trobadoresco, nunha cantiga de Pedr’Amigo de Sevilha (1229.3): 
              Por meu amig’, amiga, preguntar-
              -vos quer’eu ora (ca se foi d’aqui
              mui meu sanhud’e nunca o ar vi).

  • 4

    Véxase neste verso (partido B vs. parado V) a aparición en V do frecuente erro <a>/<ti>, que nos cancioneiros italianos se rexistra con frecuencia: <para> B parti (18.18), <Maram> B Martin (115.8), <marã> B Martin (115.22), <ca aue> B cativ’e (118.13), <parar> B partir (627.9), <parado> BV partido (1326.21), <parar> V partir (1345.13), <conssenar> B consentir (1468.15), <ama> B cima (1489.47) etc.

  • 5

    No refrán desta cantiga levántase un problema que di respecto á métrica e á interpretación: na primeira ocorrencia do estribillo BV achegan a lección desguisado, fronte as seguintes aparicións de guisado. Velaí a razón da dupla tendencia editorial para o refrán: mais que preito tan desguisado! (Nunes, Víñez Sánchez) vs. mais que preito tan guisado! (Cohen, Littera). A opción do editor norteamericano, “[f]or rhythm and for ironic force” parece axeitada, pois nivela metricamente a cantiga e confire un sentido irónico ao texto, que Cohen parafrasea do seguinte xeito “Mas que belo arranjinho (para ela, para mim, para ele próprio)”. Para alén disto, nótese que <desguisado> en B apareza subliñado por Colocci no segmento guisado: <desguisado>. Con todo, da paráfrase de Cohen parece deducirse que a moza acepta formar parte dun insólito ‘triángulo amoroso’. Porén, entendemos que non é así, senón que ela, ao ouvir as novas, recriminaría con ironía ese intento de o amigo a abandonar, e que non o aceptaría. É por iso que nos inclinamos máis por unha interpretación non irónica contra a actitude do amigo, e pensamos que se debe ver esta como unha estratexia para disimular o amor que lle ten facendo ver que morre por outra. Este é un tópico relativamente habitual nas cantigas de amor e de amigo. Véxase, por exemplo, Enfinta faz el, eu o sei, / que morre por outra d’amor / e que non á min por senhor (Roi Queimado, 730.13-15).
    No último verso do refrán da nosa cantiga, a moza (que está moi segura do amor do seu namorado) estaría deixando ver a súa complicidade coa actuación disimulatoria do amigo. 

  • 9

    É indubitábel a existencia de erro de copia na palabra rimante deste verbo, con leccións diverxentes en B e V e con interpretacións diversas da pasaxe nos diferentes editores (cfr. a quen amava en Nunes, a que tornava en Cohen, con importante intromisión textual, xunto con e que trobava en Littera). Optamos pola lectura rogava (presente en Víñez Sánchez) a partir de <rro uana> en V, que parece suxerir, á parte da banal confusión <u>/<n>, unha lección <rro[g]uaua> no antecedente.

  • 14

    O adverbio afirmativo si rexístrase sempre no inicio de cláusula (véxase 592.2; 594.4, 10 e 16; 1240.12). É por isto que, en face de Nunes e Cohen, preferimos interpretar a lección <ssy> dos manuscritos como a forma aferética de assi (cfr. a grafía 'si de Littera), tal como acontece nunha cantiga de Pero Meogo (1202.6), onde se levanta a mesma dupla opción:
              E, se el vai ferido, irá morrer al mar;
              ‘ssi fara meu amigo se eu del non pensar.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado