628 [= Tav 130,1]
De vós, senhor, quer’eu dizer verdade

De vós, senhor, quer’eu dizer verdade
e non ja sobr’[o] amor que vos ei,
senhor, e ben é vos[s]a torpidade
de quantas outras eno mundo sei:
assi de fea come d’ẽatidade
non vos vence oje senon filha d’ũu rei,
[e] non vos amo nen me perderei,
u vos non vir, por vós de soidade.
E s[e] eu vosco na casa sevesse
e visse vós e a vos[s]a color,
s[e] eu o mundo en poder tevesse,
non vos faria de todos senhor
nen d’outra cousa onde sabor ouvesse;
e d’ũa ren i seede sabedor:
que nunca foi filha d’emperador
que de beldade peor estevesse.
Todos vos dizen, senhor, con enveja,
que desamedes eles e mí non;
por Deus, vos rogo que esto non seja
nen façades cousa tan sen razon:
amade vós o q[ue] vos máis deseja,
e ben creede que eles todos son,
e, se vos eu quero ben de coraçon,
leve-me Deus a terra u vos non veja.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 612, V 214

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 585-586 [= LPGP 858-859]); Lopes (2002: 429); Littera (2016: II, 399).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 84); Braga (1878: 43); Machado & Machado (1952: III, 259).
III. Antoloxías: Gonçalves & Ramos (1983: 182); Dobarro Paz et alii (1987: 68); Tavares & Miranda (1987: 369-370); Alonso Girgado (1992: 60); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 211); Arias Freixedo (2003: 784-785); Souto Cabo (2017: 226).

Variantes manuscritas


2 vos] uos BV   3 vos[s]a] nos a V; torpidade] tropidade BV   4 de] des V   5 come] cō me V; d’ẽatidade] de nhatmade B : de nhatidade V   6 vos] uos BV; vence] nē ce V; senon] se nē BV   7 non vos] Nē uos B : nō uos V   8 vos non] uos nō BV   9 sevesse] senesse B : seuessē V   10 visse] uise B; vós] u BV; vos[s]a] nosa BV   12 todos] Todo B   13 onde] onide : omde V   14 ren i] irey B : rren V   14-15 i ... / ... filha] om. V   17 vos] uos BV   18 desamedes] dessamedes : dessa medes V; eles] elles BV   19 vos] uos BV; rogo] irogo B   20 nen] nō V; façades cousa] ffacades coussa B : ffaredes coussa V; sen razon] se’n irazō B : sen rrazō / (rrazon) V   21 Amads̄ uos quos mays desseia : amade uos quos mays desseia V   22 creede] qeᵉde V; eles] elles BV   23 e] el V; coraçon] corazō B   24 leve] Leuē B : leuo V; terra] tirā B

Variantes editoriais


3 e ben é] ben [moor] é Lapa : bem [mor] é Lopes, Littera   5 d’ẽatidade] de maldade Lapa, Lopes, Littera   6 d’ũu] dun Lapa : d’um Littera   7 [e] non vos amo] [eu] non vos amo Lapa : [eu] nom vos amo Lopes : nom vos amo [eu] Littera   9 eu] om. Lopes   14 i] om. Lapa, Lopes, Littera   18 desamedes] desamades Lapa   21 deseja] desseja Lapa

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 11’a 11b 10b 10’a (cfr. Tav 66:2)

Encontros vocálicos: 3 vence‿oje; 6 u͂͜u; 21 má·is; 24 terra‿u

Notas


Texto
  • *

    Grande parte dos problemas ecdóticos, no relativo á fixación do texto, son resolvidos a partir dunha estrutura métrica en que os vv. 5-6 de cada estrofa son hendecasilábicos (10’ 10 10’ 10 11’ 11 10 10’)1 .

  • 3

    A refacción editorial das precedentes edicións neste verso é desnecesaria por canto sintáctica e semanticamente o verso non presenta problemas a partir da lección dos manuscritos.
    Diferentemente de torpe, que só por veces indica ‘lascivo, indecente, obsceno’ (cfr., por exemplo, maaos, torpes e çujos sacerdotes nun sínodo portugués de 1477; García y García 1982: 94), en torpidade predomina o valor de ‘luxuria, obscenidade, indecencia’ (véxase tamén 762.15, 1326.14, 1667.2), valor que aparece con certa frecuencia ao longo da produción medieval, para alén das tres documentacións nas Cantigas de Santa Maria, favorecidas polo contexto relixioso (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.). En diversas obras medievais, torpidade aparece asociado directamente a luxuria (véxase CGPA, s.v. torpidade); así, na Crónica Geral de Espanha de 1344: Mas este Vetiza, que ataa este tempo fezera o pecado de sua luxuria algũu pouco encuberto, começou, des este terceiro ãno en dyante, fazello muy descubertamente ante todos sem nẽ hũu resguardo. E tanto se husou em seu maao custume que perdeu toda a vergonça que devia d'aver e nõ se retiinha de fazer toda torpidade e pecado; no Orto do Esposo: Eu achey que os cedros de Mõte Libano e os guiadores dos rex cayrõ so esta pestelença, da queeda dos quaaes nõ era mais sospeyta ca de cayr Sancto Anbrosio ou Sam Jeronimo ẽ torpidade de luxuria; no Penitencial de Martín Pérez: Que mal de torpidade ou de deleyto ouveron, com os narizes, plazer carnal tomando. [...] Se os volveu aas torpidades ou aas molheres ou aos baroões, com luxuria; ou no Livro das Confissões: O terceyro he quando alguũ acha o cleerigo fazendo torpidade de luxuria cõ sua mulher, cõ sua filha, ou cõ sua madre, ou cõ sua hermãa (cfr. Martín Pérez 2012-2013: 41).

  • 5

    Fronte á innovación editorial lapiana (maldade), aceptada por Lopes, aparece a lectura de Montero Santalla que propón enhatidade (2000: 427) e, nos últimos tempos, de novo Giuseppe Tavani (2010: 56-58). Con efecto, a lección dos manuscritos (<e nhatmade> B, <e nhatidade> V)2  permite fixar a rara forma e͂atidade ('fealdade'), sen dúbida derivada do adxectivo e͂ato, do lat. inaptum (por ineptum), documentado nas Cantigas de Santa Maria: Sa oraçon oyda / foi da Virgen comprida, / e deu -lle logo vida, / des i da muit’ e͂ata / Morte (CSM 182.63). Fóra deste texto, achamos dúas formas relacionadas coa mesma voz, cal inato (talvez refacción culta) e o adverbio enhatamente, recollidas (e interpretadas errada e dubitativamente como ‘pobre’ e ‘pobremente’) por Nunes no seu contributo ao dicionario da lingua arcaica (Nunes 1929: s.v. enato, enhatamente): «enato (= pobre (?): e (tomava) a mais inata sela que el podesse aver»; «enhatamente (= pobremente (?): vestia-se o mais enhatamente que podia»). Véxase tamén Machado Filho (2013: s.v. enantha, enatho, enhatamente).

    A lección <cõ me> de V (= come) mostra unha grafía latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.

  • 6

    O indefinido u͂u (e tamén algu͂u e neu͂u) debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.

  • 7

    É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

  • 9

    Do punto de vista morfolóxico, seve supón a existencia e uso das formas derivadas de sedere nos tempos de pretérito, descendentes do lat. sedui, sedueram, seduissem e seduero, por máis que no corpus das cantigas profanas só se atesten as formas sive (1106.15) e mais sevi (1493.18, 1558.8), seve (574.14-15, 674.14 e 15, 1489.4, 1558.1 e 13) e sevesse (628.9) neste verso.

  • 10

    No que respecta a color, igual que na restante produción medieval, esta forma erudita convive no corpus (489.12 e 24, 541.14, 592.9 e 1471.2, 5, 8, 11, 14, 17) coa forma xeral evoluída coor (474.22, 1391.11, 1633.15, 1639.20). A forma latinizante color (ou collor) aparece con profusión en todo o tipo de obras, desde as Cantigas de Santa Maria ás traducións da Crónica de Castilla e da Estoria de España e mais da General Estoria, así como na Historia Troiana e, sobre todo, na Crónica Troiana, o mesmo que en diversos documentos notariais. Na produción xerada en territorio portugués acontece igualmente: en textos sinodais (véxase García y García 1982: 78, 81...), nos primeiros libros impresos en Portugal (Machado 2015: s.v. color), así como na Confessio Amantis (Faccon 2012: 321, 357, 359, 361, 416, 161, 474 etc.), en documentos tabeliónicos (véxase, por exemplo, Gomes 2002: I, 73), ou en obras de diverso teor, cales Orto do Esposo, Castelo Perigoso, Leal Conselheiro, Livro da Montaria etc. Véxase CGPA, s.v. color, collor.

    Por outra parte, nótese como nesta composición diversos pronomes (vós, v. 10; eles e , v. 18) funcionan como complemento directo sen preposición, como formas libres, tal como acontece con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 14

    Moi probabelmente a expunción de i que Lapa (e Lopes) fai neste verso estea condicionada por unha contaxe decasilábica que non condí co esquema métrico da cantiga (10’10 10’10 11’11 10 10’).

  • 18

    A grafía <ll> de BV en eles, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 21

    Existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais (ou máis) era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c). 

  1. ^

    A medida decasilábica regular en toda a composición é imposíbel na estrofa I, e difícil nas restantes estrofas, onde sería necesaria a sinalefa en cousa‿onde (v. 13) e considerar anomalamente bisilábicas as formas seede (v. 13) e creede (v. 22).

  2. ^

    Probabelmente a grafía <nh> indica a nasalidade da vogal anterior, tal como acontece con frecuencia con ũa <(h)unha>.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado