I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 564-565); Blasco (1984: 259 [= LPGP 835]); Lopes (2002: 412); Lorenzo Gradín & Marcenaro (2010: 272-273 [Apéndice]); Marcenaro (2012b: 380); Littera (2016: II, 372).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 338-339); Braga (1878: 186); Fernández Pousa (1953: 33-34); Machado & Machado (1958: VI, 115).
III. Antoloxías: Tavares (1943 [1923]: 62); Nemésio (1961 [1949]: 105-106); Piccolo (1951: 115-116); Nunes (1959: 400); Oliveira & Machado (1959: 144-145); Tavares (1961: 62-63); Fonseca (1971: 25); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 113-115); Álvarez Blázquez (1975: 88-89); Torres (1977: 123-124); Correia (1978: 172); Fiúza (1981: 174-176); Gonçalves & Ramos (1983: 230); Dobarro Paz et alii (1987: 108); Tavares & Miranda (1987: 161); Ferreira (1988: 100); Alvar & Beltrán (1989: 205); Pena (1990: 255-256); Sansone (1990: 196); Ferreira (1991: 137-138); Jensen (1992: 322); Delgado León (1996: 75-76); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 206); Diogo (1998: 92-93); Arias Freixedo (2003: 770-771); Marcenaro (2006: 220-222); Alvar & Talens (2009: 480); Mongelli (2009: 208); Souto Cabo (2017: 215).
1 morreu] moyreu B 6 morrer] moirer B 8 per] pe V 12 morrer] moirer B 19 morte] morte morte V 22 mí] min V 23 morrer] moirer B
5 [e]] om. Lapa, Blasco, Lopes, Lorenzo Gradín & Marcenaro, Marcenaro, Littera quis[o]] quis[o] Lapa, Lopes, Lorenzo Gradín & Marcenaro, Marcenaro, Littera 7 resurgiu] ressurgiu Lopes, Littera 8 per] por Blasco, Lapa, Lopes, Littera 9 vos] vus Blasco 14 non o] nõn’o Lopes 19 faz en] faz-[s’]en Lapa, Lorenzo Gradín & Marcenaro, Marcenaro : faz-[s’]em Lopes, Littera 20 vive] vyv’ e Blasco 21 quen o] quen-no Lorenzo Gradín & Marcenaro 22 mi] min Blasco 24 ja máis morte] jamais [eu] morte Lopes, Littera : ja máis [mia] morte Lorenzo Gradín & Marcenaro, Marcenaro; nunca] nunca [eu] Lapa
(I) Por Santa María! Roi Queimado morreu de amor nos seus cantares por unha dona que moito amaba; e por se mostrar como moi bo trobador e porque ela non lle quixo corresponder, fíxose el morrer nos seus cantares, mais resucitou despois, ao terceiro día.
(II) Isto fixo el por unha súa señora que ama, e diríavos máis do asunto: porque el coida que así mostra a súa mestría (como trobador), nos cantares que fixo gústalle morrer e logo volver vivir: isto fai el, porque o pode facer, mais ningún outro home o faría de maneira ningunha.
(III) E non ten xa medo da súa morte, senón temeríaa máis; mais sabe ben, pola súa sabedoría, que vivirá despois de estar morto, e faise morrer na súa cantiga; e despois, vive outra vez, vede que poder lle deu Deus, quen pensaría tal cousa!
(1) E se Deus me dese a min o poder que hoxe el ten, de vivir despois de morrer, nunca máis temería a morte.
Esquema métrico: 3 x 10a 10’b 10’b 10a 10c 10c 10’b (= RM 163:21) + 10c 10c 10’b
Encontros vocálicos: 1 Ro·i; 7 a͜o; 24 ma·is
Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.
A composición é unha sátira literaria contra o trobador Roi Queimado, por tratar nas súas cantigas o tema da morte de amor de forma aparentemente trivial. O tratamento ortodoxo deste tema é frecuente nos cantares de Queimado, mais nun caso polo menos parece ter poder de decisión sobre a propia morte. Tal acontece na cantiga de amor Direi-vos que mi avẽo, mia sennor (UC 247), cuxo refrán, que talvez estea na orixe desta sátira de Pero Garcia Burgales, di: … cuidei / que nunca vos veeria des i / se morress’, e por esto non morri.
O trobador Roi Queimado, para alén de cantigas de amigo e de escarnio, é autor de quince cantigas de amor (UC 235-248).
Coa excepción de Blasco, todas as edicións resolven a hipometría do verso coa forma quis[o], que, como fezo vs. fez tamén presenta tendencia á alternancia con quis (véxase nota a 106.26). Porén, parece máis axeitada a recuperación da copulativa no inicio do verso, sustentada pola súa frecuente omisión por erro de copia nesa posición, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). Noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica que a copulativa debe ser recuperada (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.).
Neste caso, coa conxunción inicial recupérase o acento na 4ª sílaba, para alén de facer simétrica a construción sintáctica da pasaxe cunha dupla cláusula causal: e por se meter por máis trobador / [e] porque lh’ela non quis ben fazer, / fez-s’el...
A variante bisilábica feze, do lat. fēcĭt, con manutención de -e após /dz/ é minoritaria en relación a fez e, mesmo, á variante fezo coa innovadora desinencia -o (cfr. nota a 53.16 e 56.14). Na realidade, feze aparece especialmente cando utilizada co clítico -o/-a, aínda que se rexistra tamén noutros contextos (167.5, 184.16, 260.2, 331.12, 332.2, 479.13, 484.21, 580.13, 1087.8, 1593.9).
A forma ordinal tercer constitúe unha variante especial de terceiro que só aparece en posición proclítica (1356.1, 1370.6, 1427.4 e 1587.12), e sempre no sintagma tercer dia, tal como acontece tamén nas Cantigas de Santa Maria1 en textos prosísticos de teor literario (Crónica Troiana, Miragres de Santiago etc.) e, mesmo, en documentos forais ou tabeliónicos (véxase CGPA, s.v. tercer, terçer):
It(em) sobre-la demãda deue auu(er) tercer día se o demãdar o dem[ã]dado τ sse o demãdador o leyxar en ssa u(er)dade o demãdado nõ deue a au(er) p(ra)zo. saluo sse pedír acordo. τ sse ffor p(er) p(re)yto τ demandar [prazo pera morador na] vila deue-o a au(er) de tercer dia τ p(er)a ffora da vila au(er) p(ra)zo de do(us) noue dias. e p(er)a ffora do Reyno de tres noue días (Dos costumes de Santarém, 1294; cf. CIPM);
Et mandamos ao dicto Martin Bezerra que faça esto asy outorgar a a dicta sua moller daqui a tercer dia (doc. de 1395; CGPA, ed. González Garcés);
que d’oje a tercer dia quitasen todas las prendas que por la dita rason lles foran peñoradas (doc. de 1417; CGPA, ed. Rodríguez González).
Na realidade, prodúcese o mesmo proceso evolutivo en certas formas proclíticas de nomes propios, como Suer (forma proclítica de Sueiro), sempre con tendencia á redución fonética perante o apelido; así mesmo, véxase a frecuencia de Outer (Outeiro) en topónimos compostos: Outer de Fumos, Outar de Gistara, Outer de Muas, Outer Rauioso, Outer de Selas, Outer de Vellas (véxase CGPA, s.v. Outer, Outar).
A súa evolución só se pode explicar a partir da fonotacticamente anómala secuencia final [‘ejɾ] que desemboca nunha monotongación, tal como aconteceu tamén con [‘owɾ] ou [‘owl] (véxase Veiga 1982, 1986; Ferreiro 1999: §23b). Véxase nota a 1624.1.
Por outra parte, aínda que, en xeral, ao(s) computa metricamente como bisilábico, en todas as ocorrencias de ao nesta cantiga (véxase tamén os vv. 9 e 19), este encontro vocálico é unisilábico (de modo semellante ao que acontece con aa(s), véxase nota a 73.21), como se pode atestar con seguranza noutras pasaxes do corpus (336.8, 455.1, 725.3, 813.12 e 21, 17 e 26, 968.24, 1015.10, 1356.r2 e r4, 1364.1 e 7, 1497.18, 1532.24, 1629.11). Cfr. nota a 73.21.
A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do identificador (artigo ou pronome) no encontro con mais e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios), especialmente con mais e pois. Cfr. nota a 5.10.
A segmentación da copulativa en vive realizada por Blasco non é imprescindíbel polas diversas posibilidades de formulación sintáctica do verso.
No verso o elemento máis forma parte da locución adverbial ja máis, que neste caso, se integra na máis ampla ja máis ... nunca (véxase UC/Glosario).
Por outra banda, existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de máis ~ mais era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c). A partir deste feito, son desnecesarias as diversas emendas dos editores neste verso ([eu], [mia]), todas inducidas polo aparente problema de hipometría.
Só aparece unha excepción, talvez outro castelanismo afonsino: mas o que en Babilonia guardou no forn’ Ananias / e Misael o menyno e o tercer, Azarias, / guardou aquesta do fogo, que sol non lle noziu nada (CSM 215.42).