499 [= Tav 25,90]
Quant’eu, fremosa mia senhor

Quant’eu, fremosa mia senhor,
de vós receei a veer,
muit’er sei que non ei poder
de m’agora guardar que non
veja; mais tal confort’ei
que aquel di’a morrer ei
e perderei coitas d’amor.
E, como quer que eu maior
pesar non podesse veer
do que enton verei, prazer
ei ende, se Deus mi perdon,
porque por morte perderei
aquel dia coita que ei,
qual nunca fez Nostro Senhor.
E, pero ei tan gran pavor
daquel dia grave veer
qual vos sol non posso dizer,
confort’ei no meu coraçon
porque por morte sairei
aquel dia do mal que ei,
peior dos que Deus fez peior.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 501, V 84

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 16 [= LPGP 218-219]); Nunes (1972 [1932]: 68-69); Eirín (2015: 69); Littera (2016: I, 167).
II. Outras edicións: Moura (1847: 8-9); Monaci (1875: 39); Braga (1878: 18); Machado & Machado (1952: III, 7); Júdice (1997: 81); Montero Santalha (2004);  Rios Milhám (2018b: III, 499).

Variantes manuscritas


4 agora] agura B   6 morrer ei] moirerey B : monerey V   8 como] tomo B   10 do que enton verei] de q̄ entō [****]y V   11 perdon] pardon B   18 coraçon] coracō B : corazon V   19 sairei] saytey V   21 dos] da V

Variantes editoriais


2 a veer] aveer Lang   5-6 [vos] veja: mais tal confort’ei / que aquel dia morrerei Lang : veja, mays [a]tal confort’ey / que aquel dia morrerey Nunes : veja; mais [sei] que morrerei / aquel dia (tal confort’hei) Littera   10 do] de Lang, Nunes   21 dos] do Lang

Paráfrase


(I) Todo canto eu temín ver de vós, miña senhor, sei moi ben que non teño o poder para me ver libre agora de velo; mais teño o conforto de que ese día hei de morrer e perderei as penas de amor.

(II) E como queira que eu non poderei ver un maior pesar que o que daquela verei, estou gozoso por iso, que Deus me perdoe, porque pola morte hei perder ese día a coita que teño, cal nunca fixo outra igual Noso Señor.

(III) E aínda que teño un pavor tan grande de ver ese día cal non vos podo dicir, sinto conforto no meu corazón porque pola morte me librarei aquel día do mal que teño, o peor dos peores que fixo Deus.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8c 8d 8d 8a (= Tav 204:2)

Encontros vocálicos: sa·i·rei

Notas


Texto
  • *

    Obsérvese o artificio métrico nesta cantiga, coa aparición de veer e de ei como palabras-rima nos vv. 2 e 6, respectivamente, de todas as estrofas.

  • 2

    Na lingua trovadoresca o verbo recear aparece en complexos verbais (recear + infinitivo), mais tamén forma unha estrutura equivalente coa preposición a como nexo, de modo similar a outros verbos como conviir, conselhar, ousar, desejar etc. (cfr. nota a 3.17). É máis frecuente a construción con de (véxase 81.3, 722.3, 1282.13) ou sen partícula nexual (355.3, 417.1): talvez por isto aparece a estraña interpretación aveer de Lang, forma inexistente no corpus lingüístico galego-portugués.

  • 5-6

    Estes versos son emendados en Lang e Nunes e parcialmente trocados en Littera para satisfacer unha aparente irregularidade no artificio métrico. Porén, a contaxe bisilábica de mais (véxase nota a 12.8) evita calquera tipo de reintegración de elementos no v. 5; ao mesmo tempo, partir da segmentación no v. 6 da preposición a da habitual perífrase aver + a + infinitivo (...aquel di’a morrer ei) é a única forma, sen intromisións textuais de maior entidade, de que ei funcione como partícula rimante nesta posición en todas as estrofas. Véxase nota a 36.8-9.

  • 11

    A forma gráfica pardon, aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 13

    É perfectamente posíbel a segmentación dun artigo para coita: perderei / aquel di’a coita que ei. Porén, a ausencia de artigo continúa a expresión perderei coitas de amor presente na estrofa anterior (v. 7).

  • 19

    As formas do futuro de indicativo de sair son trisilábicas, con hiato constante na secuencia -ai- (véxanse 18.27 sairei, 1463.25 sairá).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado