925 [= Tav 129,2]
Todos dizen que Deus nunca pecou

Todos dizen que Deus nunca pecou,
mais mortalmente o vej’eu pecar,
ca lhe vej’eu muitos desemparar
seus vassalos, que mui caro comprou,
ca os leixa morrer con grand’amor,
desemparados de ben de senhor,
e ja com’estes min desemparou.
E maior pecado mortal non sei
ca o que eu vejo fazer a Deus,
ca desampara os vassalos seus
en mui gran coita d’amor qual eu ei;
e o senhor, que acorrer non quer
a seus vassalos quando lh’é mester,
peca mortal, pois é tan alto Rei.
Todo senhor, demais Rei natural,
dev’os vassalos de mort’a partir
e acor[r]ê-lhes cada que os vir
estar en coita; mais Deus non é tal,
ca os leixa con grand’amor morrer,
e, pero pode, non lhes quer valer,
e assi faz gran pecado mortal.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 922, V 510

A copia da cantiga en V está riscada.

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 584); Donati (1979: 89 [= LPGP 858]); Lopes (2002: 428); Littera (2016: II, 397-398).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 185-186); Braga (1878: 97); Machado & Machado (1953: IV, 283).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 21); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 210); Diogo (1998: 259-260); Arias Freixedo (2003: 782-783); Souto Cabo (2017: 223).

Variantes manuscritas


4 mui caro] muy(t* desenparar) caro V   6 desemparados] Vesenparados B   7 com’estes] cō estes V   9 fazer] faç̃ V   10 desampara] desenpara V   11 qual] q̄l V   13 vassalos, quando] uassalhos q\te/do V   15 demais] de may V   16 vassalos] uassalhos V   20 quer] q̄ȝ V   21 e] Et B

Variantes editoriais


10 desampara] desempara Lopes   15 demais] de mais Littera   17 acor[r]ê-lhes] acorre[r]-lhes Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Todos din que Deus nunca pecou, mais eu véxoo pecar mortalmente, porque o vexo desamparar os seus moitos vasalos, que comprou moi caros, pois déixaos morrer con grande amor, desamparados do ben dunha señora, e xa a min me desamparou como a estes.

(II) E non coñezo un pecado mortal maior que o que lle vexo facer a Deus, pois desampara os seus vasalos nunha coita moi grande de amor como a que eu teño; e o señor que non quere socorrer os seus vasalos cando lles é mester peca mortalmente, pois é tan alto rei.

(III) Todo señor, e mais (sendo) rei natural, debe librar da morte aos seus vasalos e valerlles cada vez que os vir estar coitados; mais Deus non é tal, porque os deixa morrer con gran amor, e, aínda que pode, non lles quere valer, e así comete un gran pecado mortal.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:89)

Notas


Texto
  • *

    Esta composición forma parte dun conxunto de dez cantigas heterodoxas (escarnhos contra Deus), en diferente grao e con teor diverso, conforme a delimitación estabelecida e estudada por Martínez Pereiro (1998), coa seguinte progresión na heterodoxia contra Deus: 330 (Rodrig’Eanes de Vasconcelos), 230 (Joan Lobeira), 320 (Joan Lopez d’Ulhoa), 625 (D. Pedro de Portugal), 254 (Vaasco Gil), 925 (Pero Goterrez), 205 (Pero Garcia Burgales), 207 (Pero Garcia Burgales), 1546 (Gil Perez Conde), 1547 (Gil Perez Conde).

  • 3-4

    Obsérvese o hipérbato, que desloca muitos: «ca lhe vej’eu desemparar seus muitos vassalos».

  • 7

    É certamente inusual a grafía <cō estes> de V (por <comestes>) para com’estes, onde o til de nasalidade representa a nasal bilabial /m/ en posición explosiva. Na realidade, ao longo do corpus rexístrase un limitado número de grafías deste tipo: se mi-a <sēha> B vs. <se mia> A (225.2), se mi ar <ssēhar> B vs. <ssemhar> V (377.6=r2), descomunal <descōunal> B vs. <descomunal> V (497.9), e meu <ē eu> B vs. <e meu> V (1176.16), Estava-m’en <Estauā en> B vs. <Estauam eu> V (1219.1), dona <doā> V vs. <dona> B (1237.34), com’eu <cō eu> B vs. <com eu> V (1593.6 [= r2]), dona <dō a> BV (1664.3). É máis frecuente o proceso inverso: o -n- como unha marca de nasalidade vocálica (<bona> bõa, por exemplo).
    Por outra banda, nótese a aparición de min, forma tónica oblicua do pronome persoal, como CD sen preposición, tal como é relativamente frecuente no corpus das cantigas.

  • 10

    En principio, a forma desamparar é típica das cantigas copiadas no Cancioneiro da Ajuda, fronte á variante desemparar, moito máis frecuente nos dous apógrafos italianos. Porén, a variación pode afectar tamén a BV, como acontece nestes caso, en que B acolle a forma desamparar.

  • 13

    Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.

  • 13-16

    É un facto extraordinario a aparición da grafía <lh> para /l/ en calquera dos cancioneiros que transmitiron a lírica galego-portuguesa. Sen dúbida, a lección <uassalhos> de V constitúe un lapso, talvez similar ao que se detecta en textos escritos ou copiados en Portugal no final do século XIII, após a introdución das grafías <lh, nh> para as consoantes /ʎ/e /ɲ/ e antes da súa definitiva consolidación en terras lusitanas.

  • 14

    Nótese a utilización do adxectivo mortal co valor de adverbio, que lembra expresións similares noutros textos, cando mortal vai ligado a outro adverbio en -mente. Así, no Sacramental: E primeiramẽte que quẽ faz juramẽto que nom seja honesto de certa sabedoria, ou fazem blasffemando, asi como quando alguũ jura pello coraçõ, ou pello corpo de Deus, ou por alguũ nembro, ou o faz non catando rreuerẽça a Deus, asy como o que jura pellas chagas de Jhesu Christo, ajnda que jure a verdade, peca mortal e grauemente. Véxase, tamén, a seguinte pasaxe no Catecismo pequeno de Dom Diogo Ortiz: E, quando os pecadores pecã mortal ou venialmẽte, leyxãdo as altas speculações, saibã duvidar e pregũtar aos letrados e aos prelados os casos duvidosos (cfr. CGPA, s.v.).

  • 17

    Descartamos a posibilidade de editar no presente: e acor[r]e-lhes, por se tratar dunha estrutura copulativa en que os verbos, en principio, deben ser correlativos.

    A asimilación (e absorción) da vibrante final do infinitivo á lateral palatal inicial do pronome lhe ~ lhi ([ɾʎ] > [ʎ]), anulada na edición de Lopes e Littera, prodúcese ocasionalmente, sobre todo en textos transmitidos polo Cancioneiro da Ajuda, nas secuencias de infinitivo con lhe ou en formas de futuro co pronome lhe mesoclítico: creê-ll’-ei (142.29), querê-lles-ei (170.26), negá-ll’-ei (175.18), tê-ll’... (243.11), graci-ll’-ei (420.11), penhorá-lh’ei (454.14), acor[r]ê-lhes (925.17). Tal asimilación fonética rexístrase tamén nas Cantigas de Santa Maria: faze-lle (= fazer-lle) (CSM 82.23), tira-ll’... (= tirar-ll’...) (CSM 157.26). Tamén na prosa achamos este fenómeno, pois existen diversos encontros da preposición por co pronome lle que son resolvidos mediante a asimilación na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España. Véxase, por exemplo, pole(s) ‘por lle(s)’, en Lorenzo (1975: I, 755, 787).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado