I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 275-276); Finazzi-Agrò (1979: 86 [= LPGP 479]); Littera (2016: I, 560).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 166); Braga (1878: 84-85); Machado & Machado (1953: IV, 189).
III. Antoloxías: Beltrán (1987: 53); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 106); Arias Freixedo (2003: 900-901).
1 vos] uos BV 3 min] mi V; senon] senõ V 5 d’aquen] daꝙʷ B 10 coraçon] corazon V 13 u eu] Heu eu B; non] n̄ BV; poer estes] (poder) per effs̄ V 15 senhor] senoʳ B 16 eno coraçon] no corazon V 17 senhor] senoʳ B; greu] g eu V 19 senhor] senʳo B 20 ir ja] iria BV 21 lançad’a] lancada B : lanzada V
1 Eia] E já Nunes 3 min] mi Nunes 4 teedes] tẽedes Nunes, Finazzi-Agrò 18 [e]strairá] [e]strãiará Nunes, Littera
(I) Ei, señora, velaquí vos estou! Que coita tivestes agora, para me mandardes chamar? Non foi senón para me matar, pois todo o que é meu mal pensades vós que é ben; por iso, señora, máis vale que eu me vaia de aquí ca ficar sen o voso ben; (II) e ademais, ter que ver eses ollos e (ter que) desexar o voso ben, señora, que eu sempre desexei, e os meus desexos e o meu corazón nunca tiveron de vós outra cousa que mal; e, por isto, é mellor que me vaia, por Deus, (III) a onde eu non poida pór estes meus ollos nos vosos, de que tanto mal me vén, señora; e gran coita mortal me destes vós no meu corazón; e, señora miña, aínda que me é moi custoso, ninguén nunca mo censurará.
(1) E, cando eu me for, señora miña, que será (de min), pois o voso amor me fai ir xa así, a fuxir, como vai un cervo lanceado?
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10c 10d (= RM 198:3) + 10d 10d 10e
Encontros vocálicos: 2 coita‿ouvestes; en·vi·ar; 18 mi͜-o; 20 mi‿assi
Esta composición é unha cantiga ateúda atá a fiinda, con ligazón sintáctico-discursiva entre todas as súas estrofas, incluída na relación de cantigas ateúdas confeccionada por Gonçalves (2016 [1993]: 269-270).
É insólita a presenza dunha interxección, alén de ai!, nas cantigas profanas; mais a lectura de Finazzi-Agrò é indubitábel a partir da lección dos códices. A interxección eia! é de uso moi restrito na lingua medieval; no banco de datos do Corpus Galego-Portugués Antigo (s.v. eia, eya) só achamos tres ocorrencias, todas elas relativamente serodias:
E certo bem p(ro)cura po(r) nós, que sse llee d’hũu convento em q(ue) cada d(ia) cantavom a Salva Rregina, e hũu santo homem via no ceeo Nossa Senhora que sse poinha em giolhos ant(e) seu F(ilh)o, rrogando pollo poboo nesta palavra: “Eia e(r)guo aduocata nostra”, especialment(e) por aquelle convento (Castelo Perigoso, ed. J. A. Santanta Neto).
– Assi me Deus ajude, Senhor, disse a donzela, nom é assi, caa nunca foi sua nem d’outrem, ante me filhou hoje pola mãa em casa de meu padre. – Eia, cavaleiro, disse Boorz, vedes o que diz? Certas, vós vos acharedes mal de quanto já fezestes, se eu posso (Demanda do Santo Graal);
e mui bem me lembra, que muitas vezes nos falaua como a mancebos dizendo, Eya sus meus filhizinhos necessario he que se afliia o corpo que em o segre ha tantas vaidades foi dado refrearse a lingoa, que sempre esta prestes pera peccar se com muita diligençia naõ for goardada (Vida de S. Teotonio, 1455).
No relativo ao adverbio presentativo aque (‘eis, velaí’), é tamén de uso limitado no corpus profano: 52.24, 244.5, 246.6, 268.8, 553.4, 1641.18. Debe ser forma oxítona, pois nas Cantigas de Santa Maria aparece en rima aguda (con fe, é, sé e pé):
... E en pe
sse levou e diss’: «Aque
m’estou tod’aprestidado
De log’ir» (CSM 135.109).
E diz un a outr’: «Aque o
angeo que ven do ceo,
que alça aquele veo
e faz no aire parar» (CSM 405.36).
Habitualmente, a presenza do dativo ético vos fai que o pronome CD sexa unha forma tónica oblicua, sen preposición, tal como acontece con frecuencia nas cantigas; isto é: ‘Eia! Velaí vos estou eu aquí...’.
A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’ deriva do correspondente sintagma tan frecuente na cantiga de amor. De calquera maneira, fóra da lingua das cantigas (véxase Glosario, s.v.), o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media:
Ca o escudeiro que anda con algun senhor e o senhor lhe non dá encarrego de seus feitos, como encomendando-lhe ofiçio ou mandando recadar algũas cousas, sempre seu bemfazer está en ventura (Livro de Monteria; cfr. CGPA, ed. A. de Almeida Calado).
e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 355-356).
Milhor cousa he padecer por uerdade tormẽto que per louuaminha e per adulaçom gaanharem bemfazer (Orto do Esposo; cfr. CGPA, ed. B. Maler).
ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Livro das Confissões; Martín Pérez 2012-2013: 367).
Para a interpretación da pasaxe hai que ter en conta que estamos perante a perífrase verbal obrigativa aver + infinitivo: aver veer e (aver) desejar o vosso ben (‘ter que ver e ter que desexar o voso ben’).
De calquera modo, a liña discursiva que vén da estrofa I sofre unha certa interrupción coa aparición de demais; isto é: «máis val d’eu ir d’aquen / ca d’eu ficar sen vosso ben-fazer; (e), demais, aver veer esses olhos / e (aver) desejar o vosso ben...».
Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
Aínda que minoritaria, a forma milhor, con pechazón de /e/>/i/ por influencia de consoante palatal (por iode na súa base etimolóxica mĕliōrem), ten certa presenza na lingua trobadoresca.
Nótese a abreviatura <ñ> para non, que só volve aparecer en BV en 509.6 e 521.11, mais que V presenta tamén en 544.6 e 1447.10 (<ū> = <n̄>). No Cancioneiro da Ajuda é certamente rara a súa aparición, que só localizamos na abreviación de non no refrán da derradeira estrofa de A 75 (164.24) e mais en A 114 (214.13).
A voz greu é un provenzalismo, que concorre na lingua trobadoresca, sempre en rima, coa forma xeral grave.
Obsérvese que a lección <iria> precisa unha interpretación ir ja similar a <attenderia> atender ja, presente en 236.11.
Lançar (‘ferir por lanza’) é forma desaparecida na lingua moderna, substituída por lancear. Porén, no Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués aínda se rexistra lançar co sentido de ‘matar a baleia com o emprego da lança’ (véxase TLPGP, s.v. lançar). A mesma imaxe aparece en Vidal:
a por que ei morte a prender
come cervo lançado,
que se vai do mund’a perder
da companha das cervas (1617.6).
Por outra banda, o verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: