60 [= Tav 151,16]
Por Deus, que vos fez, mia senhor

Por Deus, que vos fez, mia senhor,
mui ben falar e parecer,
pois a mí non pode valer
ren contra vós, e que far[ei]?,
que eu conselho non me sei
nen atendo de me leixar
esta cuita’n que m’eu andar
vejo por vós nunca saber.
E de tal coita, mia senhor,
non é sen guisa d’eu morrer,
pero nunca mi á Deus perder
e leixar per vós, per que a ei,
se vos eu nunca máis amei
de quanto vos devi’a amar
ome que vivess’en logar
en que vos podesse veer.
E, se quiserdes, mia senhor,
algũa vez mentes meter
en qual vos Deus quis[o] fazer,
ja vos eu sempre gracirei,
ca ũa cousa vos direi:
ben poderedes log’osmar
ca me non fazedes levar
coita que eu possa sofrer.
E máis vos quero, mia senhor,
da mia fazenda ja dizer,
[e] vós devedes-mi a creer,
que nunca vos eu mentirei:
vedes, nunca vos poderei
tan muit’en mia coita falar
que vos per ren possa mostrar
quan grave m’é de padecer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscritos


B 87

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 728-729 [= LPGP 945]); Littera (2016: II, 529-530).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 29-30); Machado & Machado (1949: I, 115-116); Rios Milhám (2017: I, 60).

Variantes manuscritas


13 se vos] se huu B   15 logar] loguar B   27-28 que nunca] () / nca B

Variantes editoriais


1 vos] vus Michaëlis    7 cuita] coita Littera   11 mi á] mi-a Michaëlis : mi a Littera   12 e leixar ... que] leix’ar ... quen Michaëlis : leix’ar ... quem Littera   13 vos] vus Michaëlis   14 vos devi’a amar] vus devia amar Michaëlis : vos devia amar Littera   15 ome] omen Michaëlis : homem Littera   16 vos] vus Michaëlis   19 vos] vus Michaëlis   20 vos] vus Michaëlis   21 vos] vus Michaëlis   25 vos] vus Michaëlis   26 da] de Littera   27 devedes-mi a] devedes mi-a Michaëlis   28 vos] vus Michaëlis   29 vos] vus Michaëlis   31 vos] vus Michaëlis

Paráfrase


(I) Por Deus, que vos fixo, miña señora, moi ben falar e moi fermosa, xa que a min nada me axuda contra vós, que farei?, porque eu non lle sei remedio nin espero que esta coita en que eu me vexo por vós andar me deixe nunca saber (consello).

(II) E por tal coita, miña señora, non é despropositado que eu morra, aínda que Deus nunca me ha esquecer e abandonar por mor de vós, por quen a (coita) teño,

pois eu sempre vos amei máis de canto vos debía amar aquel que vivise en lugar en que vos puidese ver.

(III) E, se quixerdes, miña señora, algunha vez pararvos a pensar en como vos Deus quixo facer, xa sempre volo agradecerei, porque vos direi unha cousa: ben poderedes logo comprender que non me facedes levar unha coita que eu sexa quen de sufrir.

(IV) E máis vos quero, miña señora, falar sobre a miña situación (amorosa), e vós debédesme crer, pois nunca vos mentirei: sabede que nunca vos poderei falar tanto da miña coita que de forma ningunha sexa quen de vos mostrar o realmente grave que me é de padecer.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8d 8d 8b (= Tav 201:2)

Encontros vocálicos: 11 mi‿á; 12 a‿ei; 14 de·vi’·a‿a·mar; 27 -mi‿a

Notas


Texto
  • 5-8

    A sintaxe do período é certamente complexa, por mor do hipérbato: «que eu conselho non me sei nen atendo de me leixar nunca saber (conselho) esta cuita’n que m’eu vejo andar por vós». Isto é, o trobador non espera que a coita lle permita nunca encontrar un remedio contra ela.

  • 7

    Neste verso comparece a preposición en nunha crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  • 11-12

    Talvez foi por non considerar a sinalefa a‿ei no v. 12 que Michaëlis (seguida por Littera) interpretou mi-a en vez de mi á no v. 11 e expunxiu a copulativa inicial do v. 12, ao tempo que practicou unha segmentación en leixar que contradí os usos lingüísticos trobadorescos coa posposición de ar ao verbo (cfr. nota a 105.14) e que non confire coherencia semántica ao período.

  • 12

    Para a sinalefa aei considérense outras outras que se rexistran ao longo do corpus entre o elemento a (pronome ou preposición) e diversas voces: a‿outre (199.28), a‿estar (235.29), a‿en (308.8), a‿el- (1166.r2), a‿antre (1324.17), a‿el (1523.11, 1598.20), a‿ir (1565.7), a‿un (1682.3). Cfr. nota a 8.17.

  • 13

    A sintaxe aconsella a expunción do adverbio u, con presenza irregular no verso, como acontece noutras pasaxes do corpus: 194.27 (B vs. A), 540.r1 (B vs. V), 979.28 (A vs. BV), 1300.10 (BV vs. N).

  • 14

    A interpretación das secuencias do tipo <deuia>, <auia>, <ouuera> + inf. como devi’a / avi’a / ouver’a + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das leccións <deuia> A / <deuia a> B (128.22, 128.28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase coa preposición nas leccións do Cancioneiro da Ajuda.

  • 15

    De novo reaparece nos editores un omen ~ homem  con consoante nasal final que a lección manuscrita <hom̄> non autoriza, mostra dunha certa tendencia lusitanizante na edición dos textos galego-portugueses. Cfr. nota a 5.16.

  • 19

    Igual que acontece con fezo vs. fez (véxase nota a 53.16), a forma quiso tamén presenta tendencia á alternancia con quis, circunstancia que confirma que, en certos casos, quis[o] é a solución máis axeitada para resolver os problemas de hipometría versal. Véxase como, face á correcta forma quiso de A, os apógrafos italianos presentan quis (por ela, nunca m’er quiso [<quis> B] falar, 310.7; pois s’El nunca de min quiso [<qⁱs> BV] doer, 420.9), do mesmo xeito que no refrán da estrofa I da cantiga 995 aparece a seguinte variación A vs. BV: que nunca Deus gran coita quiso dar vs. que nunca Deus mui gran coita quis dar.

  • 27

    Sería posíbel, aínda que non probábel, unha edición devedes-mi-a creer, considerando a como CD (referido a fazenda) en lugar de como preposición de enlace na perífrase dever (+ a) + infinitivo.

    Por outra parte, é necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado