1035 [= Tav 63,25]
Diz meu amigo que, u non jaz al

Diz meu amigo que, u non jaz al,
morre, ca non pod’aver ben de mí,
e queixa-se-me muito e diz assi:
que o mat’eu e que faço mui mal;
mais onde ten el que o mato eu
se el morre por lh’eu non dar o meu?
Ten guisad’en muitas vezes morrer
(se el morrer cada que lh’eu non der
do meu ren senon quando m’eu quiser),
e diz que o mato a mal-fazer;
mais onde ten el que o mat[o] eu
[se el morre por lh’eu non dar o meu?]
Diz que tan muito é coitado d’amor
que ren de morte non o tornará
porque non ouve ben de min nen á,
e diz-m’el: «[E] matades-me, senhor!»;
mais onde ten el [que o mato eu
se el morre por lh’eu non dar o meu?]
E assanha-xi-m’el, mais ben sei eu
que a sanha, todo, é sobre-lo meu.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1031, V 621

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 280-281); Rodríguez (1980: 223 [= LPGP 383-384]); Cohen (2003: 565); Littera (2016: I, 456-457).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 221); Braga (1878: 119); Machado & Machado (1956: V, 27-28); Fernández Pousa (1959: 254).

Variantes manuscritas


1 Diz] F iz B : Fiz V   2 morre] Moyre B   4 faço] fazo V   5 onde] oude B   6 morre] moire B   7 morrer] moirer B   8 morrer] moirer B   11 mat[o] eu] mareu V   14 ren] ten V   20 todo] todꝯ B

Variantes editoriais


3 muito e] muit’e Nunes   16 el: «[E] matades-me, senhor»] el[e]: «Matades-me, senhor» Rodríguez : el: «Matades-me, [mha] senhor Nunes   20 que a sanha, todo, é sobre-lo meu] que a sanha toda é sobre lo meu Nunes, Cohen, Littera : que a sanha todo é sobrelo meu Rodríguez

Paráfrase


(I) Di o meu amigo que morre, sen remedio, porque non pode recibir ben de min, e quéixaseme moito e di así: que eu o mato e que fago moi mal (obro inxustamente); mais de onde saca el que eu o mato se el morre porque eu non lle dou do meu (non lle fago ningunha concesión)?
(II) Está todo disposto para que morra moitas veces, se el morrese cada vez que eu non lle dese nada do meu agás cando eu quixese, e di que o mato co meu mal facer (non correspondencia); mais de onde saca el que eu o mato se el morre porque eu non lle dou do meu (non lle fago ningunha concesión)?
(III) Di que está tan coitado de amor que nada o librará da morte porque non tivo nin ten o meu ben (unha mostra da miña correspondencia), e dime el: «E matádesme, señora»; mais de onde saca el que eu o mato se el morre porque eu non lle dou do meu (non lle fago ningunha concesión)?
(1) E enfádase comigo, mais eu ben sei que a saña, todo, é por causa do que el desexa de min (e eu non lle concedo).

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:82) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 3 muito‿e; 13 muito‿é; 20 todo‿é

Notas


Texto
  • *

    Nesta cantiga a personaxe feminina trata de forma irónica os motivos da coita e da morte por amor, que os protagonistas masculinos da maior parte das cantigas de amor atribúen á falta de correspondencia por parte da muller desexada, xa que esta non lles faz ben, isto é, non lles corresponde, como senhor que é, ao seu servizo amoroso. Mesmo parece arremedalo cun certo ton xocoso no v. 16.

  • 1

    A emenda da unánime lección <Fiz> (Diz) dos apógrafos non ofrece dúbidas, e así se fai presente en todas as edicións.
    A frecuente frase formularia u non jaz al ‘certamente, sen dúbida’, concorrente con u al non jaz (só en 55.15), é equivalente a u al non á (e as súas variantes), como se patenta a través da variante de B' en 31.10. Véxanse notas a 25.11 e 66.29.

  • 5-6

    Littera presenta unha diferente enunciación do refrán, tamén posíbel, con deglutinación de é na secuencia <moire>~<morre>, ao mesmo tempo que desdobra os versos en dúas interrogativas diferentes:
              mais onde ten el que o mato eu?
              Se el morr’é por lh’eu nom dar o meu?

  • 7

    Aínda que guisar rexe xeralmente a preposición de, nesta pasaxe rexístrase a rexencia con en, similar á de seer guisado:
              E o preito guisad’en se chegar
              era, mais non á quen i o começar (1014.19-20).

  • 10

    Así como o ben-fazer ou fazer-ben que os protagonistas das cantigas de amor desexan recibir das súas amadas equivale a un certo grao de correspondencia destas aos seus sentimentos e coitas –que en moi poucas ocasións se concretiza–, nesta cantiga o pretendente acusa a súa señora de lle fazer mal, isto é, de non lle corresponder en absoluto ao sufrimento amoroso que por ela padece.

  • 16

    Dada a sistemática sinalefa de me coa vogal inicial seguinte (*-m[e] el), a solución ecdótica máis económica semella a copulativa inicial de frase, tal como acontece con frecuencia nas fiindas (véxase nota a 274.19), nos inicios de estrofa (véxase nota a 42.15) ou, mesmo, de verso (véxase nota a 5.4).

  • 20

    As leccións <todꝯ> e <todo> de B e V, respectivamente, remiten para todo, feito que obriga a modular a puntuación para conseguir unha interpretación aceptábel da fiinda. Non obstante, agás Rodríguez, que mantén todo sen puntuar o verso, os restantes editores emendaron o indefinido para unha forma feminina a concordar con sanha. Eis Cohen:
              E assanha xi m' el, mais ben sei eu
              que a sanha toda é sobre lo meu.
    O encontro da preposición latina super co artigo, sŭper+ĭllum, produciu un resultado con asimilación da secuencia [ɾ-l] que desembocou en sobe-lo, forma moi frecuente nas Cantigas de Santa Maria, fronte a esta única ocorrencia no corpus profano (723.1). No entanto, a forma sobre-lo(s)/a(s), con refacción por influencia de sobre ten máis rexistros nas cantigas trobadorescas (véxase tamén 1096.24, 1164.1 e 4, 1433.2, 1631.10, 1636.17, 1676.12), en liña coa súa alta frecuencia nos textos medievais1 .

  1. ^

    O mesmo proceso que levou a sobre-lo pode verse en entre-lo(s)/a(s), a partir de ĭnter+ ĭllum, aínda que non se rexistra o resultado *ente-lo(s)/a(s). Véxase CGPA, s.v. entrelo/a(s), entrello/a(s).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado