I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 180-181 [= LPGP 261-262]); Pagani (1971: 125); Lopes (2002: 506-507); Littera (2016: I, 268).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 312); Braga (1878: 171); Machado & Machado (1958: VI, 37); Callón (2017: II, 43).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 84); Diogo (1998: 206); Arias Freixedo (2003: 883-884); Marcenaro (2006: 348-350).
1 Gonçalviz] goucaluys B : gonzaluyz V; agravece] ag̃neçe V 2 vos] uos B : nos V 3 Joan’Eanes] Iohanne an̄s B : Johāne an̄s V 5 u] bu V; fostes] ffestes V 6 que] q̅ue BV 7 a olho] alho B : ailho V 8 feito] feido V 9 tirades] tizades B; prol] ꝓol V 10 como] com̄o B : comō V; Joan’Eanes] Johāne an̄s BV 11 perdeu] perderi B : perden V 13 de] do V 14 acertar] a t’çar V 15 entendud’e] encondude V 16 sabede agora] sabed egora V; catar] cator B; razon] eazō B 17 feit’or’] feit̃ BV 18 parardes] parardos V 19 outorgad’] ou c̃ gr ad V; praz] pram B 21 que o] Ouco B; voss’à] uossa B : uassa V; vista] iusta B
1 Gonçalviz] Gonçálvis Lapa : Gonçalvys Pagani 6 pode] pod’ Lapa, Lopes 7 que a olho parece] que aí lhe parece Lapa, Pagani 9 mal dizer] maldizer Lopes, Littera 11 perdeu] perdeu i Lapa, Pagani, Lopes 12 dev’a sentir] dev’asentyr Pagani 14 acertar] acalçar Lapa : a[p]ontar Lopes 15 e [é à] vista] e [avedes] vista Lapa, Pagani : e [tendes ra]vista Lopes : e [bom ra]vista Littera 16 sabede agora] sabed’agora Littera 17 feit’or’a perdon] feito a perdon Lapa : feit’a perdon Pagani : feito a perdom Lopes : feit’a perdom Littera 19 vos] nos Lopes, Littera 21 que] [por] que Lapa; tod’o voss’à vista] tod’à nossa vista Lapa, Pagani, Lopes, Littera
(I) Rui Gonçálviz, aínda que vos sentides agraviado porque Joan Eanes criticou un cantar voso, eu vexo que el se queixa da aldraxe que recibe de vós desde que lle fixestes un cantar de mal dicir de tal maneira que calquera pode entender ben o mal, porque se ve a simple vista.
(II) Por iso, renunciade logo a esta desputa, porque de dicir mal non tirades proveito, e pola maneira en que Joan Eanes se queixa, xa vos perdeu o medo e a vergoña, pois entende que se debe queixar do mal dicir que, de tan evidente, mesmo o pode tocar co seu dedo.
(III) Xa que sodes entendido nisto e é evidente, sabede agora procurar unha razón pola que este asunto sexa perdoado; e para saírdes mellor parado deste reto, recoñecede, señor, que, se no voso cantar hai mal dicir, vos agrada poñelo todo á vista.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:136)
Encontros vocálicos: 1 Rui; 6 pode‿entender; 16 sabede‿agora; 17 venha‿este
Rui Gonçalviz é persoa non identificada. Como acontece con outras figuras presentes nas cantigas, tentouse localizar o personaxe, xa desde Carolina Michaëlis, que cita un escribán da raíña D. Isabel, esposa de D. Denis. Tamén no Projeto Littera (s.v. Rui Gonçalves) se propoñen diversas identificacións, ningunha delas segura pola ausencia do segundo apelido: Rui Gonçalves de Paiva, fillo bastardo de Gonçalo Anes de Paiva; Rui Gonçalves Pereira, vasalo do Conde D. Pedro de Barcelos; Rui Gonçalves Camelo, vasalo de D. Martin Gil de Riba de Vizela (véxase tamén Marcenaro & González 2024: s.v. Rui Gonçalviz).
A única maneira de que o verso sexa un decasílabo é a través do cómputo unisilábico de Rui, de que hai indicios na cantiga 1054 (vv. 1 e 5).
Por outra parte, agravecer ‘ofender, importunar’ é voz exclusiva das cantigas profanas –tamén en Airas Perez Vuitoron (1503.7) e Pero da Ponte (1647.2)–, sen que achemos este verbo en textos alleos ás cantigas. En calquera caso, agravecer semella derivado do lat. aggrauescere, formación verbal a partir de gravis.
As diversas leccións no v. 3 (<Johanne ans̄> B, <Johāne ans̄> V) e no v. 10 (<Johāne ans̄> BV) levan para unha fixación Joan’Eanes, isto é, co nome Joane, variante de Joan que se rexistra esporadicamente e que é xustificábel a partir do lat. Ihoannis (cfr., ademais, o Joan Joanes que reaparece en 1351.3). Véxanse, tamén, diversas ocorrencias de Joane no Corpus do Galego-Portugués Antigo, s.v. Joane ~ Ioane, Joanne ~ Ioanne.
Tampouco está identificado Joan’Eanes, para quen o Projeto Littera (s.v. João Eanes), propón catro posibilidades: Joan Eanes Redondo, irmán do trobador Rodrig’Eanes Redondo, vasallo de confianza e embaixador de D. Denis; Joan de Gaia, avó do trobador Joan de Gaia, “cavaleiro de boa palavra e muito saboroso” no Nobiliario do Conde D. Pedro (Mattoso 1980: 190); Joan Anes Velho, fillo bastardo do trobador Joan Velho de Pedrogaez; Joan Eanes Palhavã, alguacil-mor de Lisboa, relacionado co bispo Miguel Vivas e Rui Fafes (véxase UC 1339). E Marcenaro aínda apunta á posibilidade de Joan Eanes se referir ao xograr Joan, de León (véxase UC 1118 e 1119) (véxase Marcenaro & González 2024: s.v. Johan Eanes).
El é complemento directo sen preposición, función que as formas pronominais tónicas oblicuas poden cumprir –e cumpren con certa frecuencia– na lingua trobadoresca.
Repárese no aparecemento de deosto, un novo derivado regresivo a partir de deostar (do lat. dehonestāre).
Por outra parte, recrecer ‘resultar, vir’ é forma antiga na lingua, xa presente nun documento de 1275:
Tal est que nos apadroemos et incleriguemos pormeo aygriga de San Iohane de T[uy]riz de quanto y auemos et podermos gaanar adeante. et auermos pormeo o senorio et o padroadigo. et quando recrecer auagaçõ amorte do clerigo partirmos pormeo todas aquelas cousas que inde podermos auer dauaga (cfr. CGPA, ed. Martínez Salazar).
Non sendo posíbel a lectura de Lapa e Pagani, pola inexistencia –na altura– do adverbio aí, a lectura natural é a olho (cfr. <alho> B, <ailho> V), especialmente a ter en conta a seu olho (v. 13) e, mesmo, [à] vista (v. 15). Por outra parte, a existencia da expresión a olho ~ a ollo en múltiplos textos medievais e con significado en transición desde ‘perante a vista’ (en especial na locución a olho de) até os significados posteriores, xustifican a lectura proposta. Véxase, de todos os modos, un contexto moi similar na Historia Troiana:
Et de miña fremosura non quero aquí máis razõar, ca o que a ollo parece non á mester outras provas (Pichel Gotérrez 2013: 1507).
A forma <cōmo> ou <com̄o> de B, que tamén se encontra en V (<comō>), mostra unha grafía latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.
Canto á forma verbal dol ‘doe’, P3 do presente de indicativo de doer, supón tamén a evolución fonética directa de dŏlet, con perda de -e final tras /l/ após a desaparición de -t, que contrasta coa caída de -l- nas restantes formas da conxugación: dŏlĕō > do(i)o, dŏles > does, dŏlet > dol etc. (→ mod. doe ~ dói). Véxase Ferreiro 1999: §180a. Cfr. nota a 485.9, 1540.3.
Todos os editores estabelecen perdeu i a partir das leccións <perderi>, B, <perden> V. Con todo, a lección de V indica que a secuencia <ri> de B constitúe un erro por <u>.
Obsérverse como medo (<mĕtum), en rima con dedo (<dĭgĭtum), ten de ter vogal tónica /e/, con efectos metafónicos por -u(m) final. Véxase Ferreiro 1999: §4b.4).
Sobre a seu olho véxase nota ao v. 7.
As leccións <a c’tar> B, <a t’çar> V remiten inescusabelmente para acertar, lonxe do acalçar de Lapa e do a[p]ontar de Lopes, tal como Pagani fixou na súa edición crítica de Estevan da Guarda.
A falta de dúas sílabas no texto levou consigo a proposta de diversas reintegracións que achamos insatisfactorias por non resultaren metricamente adecuadas (e [avedes] vista, Lapa), ou, nalgún caso, seren excesivamente imaxinativas, para alén de incorrectas do punto de vista lingüístico: e [tendes ra]vista (Lopes), e [bom ra]vista (Littera); cfr. a definición «tocador de ravil ou arrabil» que propón o Projeto Littera. A contigüidade de <e> permítenos propor é, elemento a que só acrecentamos à, cunha expresión à vista en liña con a olho e a seu olho, para alén da súa presenza no final do v. 21. Tal expresión pode verse noutros textos medievais. Por exemplo:
et renunçio a toda exençon que nunca ende diga o contrario apaga deve sẽer feita vista [= feit’à vista] et reçebida en presença do notario et testemoyas (doc. 1417, ed. Rodríguez González).
Nótese a repetición da palabra rimante (vista) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na métrica trobadoresca, sen relación con algúns artificios construtivos na rima. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 14.48-50 (poderia), 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.7-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1354.r1-r2, 1366.12-15 (i), 1387.10-14 (treedor), 1388.1-7 (talharon), 1400.23-24 (arteira), 1470b.12-13 (én), 1477.23-25 (ali), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1540.14-18 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).
A abreviatura presente en <feit̃> leva consigo o seu necesario desenvolvemento, que fai aparecer un adverbio ora, ausente nas anteriores edicións e defendíbel metricamente pola sinalefa venha‿este.
Aínda que minoritaria, a forma milhor, con pechazón de /e/>/i/ por influencia de consoante palatal (por iode na súa base etimolóxica meliōrem), ten certa presenza na lingua trobadoresca.
Unha segmentación criteriosa da cadea textual (<todo uossa iusta/uista> permite respectar escrupulosamente a lección dos manuscritos con pleno sentido (tod’o voss’à vista), embora sexa atraente a posibilidade de emendar na liña das anteriores edicións, que simplifican a expresión.