396 [= RM 70,46 (= 157,54)]
Se m’ora Deus gran ben fazer quisesse

Se m’ora Deus gran ben fazer quisesse,
non m’avia máis de tant’a fazer:
leixar-m’aqui, u m’ora ‘stou, viver
(e do seu ben nunca m’El outro desse,
ca ja sempr’eu veeria d’aqui
aquelas casas u mia sennor vi),
e cata-la ben quanto m’eu quisesse.
Par Deus Senner, viçoso viveria
e en gran ben e en mui gran sabor:
vee-las casas u vi mia sennor
e catar ala quant’eu cataria!
Mentr’eu d’aquesto ouvess’o poder
(d’aquelas casas que vejo veer),
nunca én ja os ollos partiria.
D’aqui vej’eu Barcelos e Faria,
e vej’as casas u ja vi alguen,
per bõa fe, que me nunca fez ben;
vedes por que: porque xe non queria;
e, pero sei que me matar’Amor,
enquant’eu fosse d’aqui morador
nunca eu ja del morte temeria.
E esso pouco que ei de viver
vive-lo-ia a mui gran prazer,
ca mia sennor nunca mi-o saberia.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


A 236

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 78 [= LPGP 461]); Michaëlis (1990 [1904]: I, 459-460); Littera (2016: I, 515-516).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 136-137); Machado & Machado (1960: VII, 35); Domingues (1992: 32); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 396).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 76-77); Torres (1977: 307); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 96).

Variantes manuscritas


12 daquesto] daquest{o} A

Variantes editoriais


En Nobiling e Littera as estrofas presentan unha orde diferente (I-III-II).

5 veeria] veer ia Michaëlis   7 la] la[s] Nobiling   8 Senner] Senhor Michaëlis, Nobiling, Littera; viveria] viver ia Michaëlis   11 catar ala] catara-la Michaëlis   18 xe] x’o MichaëlisNobiling   19 matar’Amor] matará amor Nobiling : matará ‘mor Michaëlis : matará Amor Littera

Paráfrase


(I) Se agora Deus me quixese facer un gran ben, non me tería que facer máis do que isto: deixarme vivir aquí, onde agora estou –e do seu ben nunca outro El me dese, porque eu xa sempre vería desde aquí aquelas casas onde vin a miña señora–, e ollala canto eu quixese.

(II) Por Deus Noso Señor, moi satisfeito viviría e con gran ben e con moito gozo: ver as casas onde vin a miña señora e ollar alá canto eu ollaría! Mentres eu tivese a posibilidade disto –de ver aquelas casas que vexo– nunca xa de alí afastaría os ollos.

(III) Desde aquí vexo eu Barcelos e Faria, e vexo as casas onde xa vin alguén, abofé, que nunca me fixo ben; vede por que: porque non quería; e, aínda que sei que me matará Amor, mentres eu morase aquí, nunca eu xa del temería a morte.

(1) E o pouco que hei de vivir viviríao con moito pracer, porque a miña señora nunca mo sabería.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a + 10b 10b 10’a (= RM 161:149)

Encontros vocálicos: 24 mi-‿o

Notas


Texto
  • 1-7

    Para a cabal presentación e hermenéutica desta estrofa é necesario considerar os vv. 4-6 como unha explicación parentética (ausente das anteriores edicións), de modo que se liguen sintacticamente as formas verbais infinitivas leixar (v. 3) e catar (v. 7).

  • 2

    A expresión máis de tanto (‘máis do que isto’), precedendo sempre a unha explicación, tamén se rexistra noutros dous contextos do corpus trobadoresco (1313.11, 1497.4).

  • 3

    A aférese de ‘star debe ser posta en relación coa limitada tendencia nalgunhas voces á perda da vogal inicial e- cando seguido da secuencia vocálica /st/ en fonética sintáctica após vogal ou /n/, e que afecta en especial a este verbo, aínda que se rexistra tamén noutras voces: estar (que ‘stevesse, 969.12; ali ‘stivi, 969.15; non ‘starei, 969.21; que ‘stava, 1445.6; quando ‘sté, 1588.21); estorcer (a ‘storcer, 1505.4); estrãiar (ela ‘strãiasse, 358.21); Estremadura (en ‘Stremadura, 1324.10). Véxase nota a 6.4, 18.16, 51.1, 73.19, 878.1.

  • 5

    Carece de xustificación morfolóxica que Michaëlis transcriba veeria como veer ia, tanto aquí como, e para un verbo diferente, no v. 8 (viver ia por viveria). No contexto, tales formas funcionan como pospretéritos normais.

  • 7

    A proposta de Nobiling, catá-la[s], altera a lección do manuscrito, para alén de ser desnecesaria, por catar se referir á «sennor» e non ás «casas».

  • 8

    Obviamente, a conversión de Senner en senhor, realizada polos anteriores editores (véxase Ramos 1988), é desnecesaria e contribúe a unha artificial nivelación lingüística do corpus trobadoresco. Esta forma é unha variante provenzalizante de senhor, que tamén se rexistra en 375.16, 491.4, 578.10, 1324.18, 1388.20, 1473.5; a variante sinher aparece en 1396.12, 1431.29, 1500.13, 1644.23. E tamén se rexistra nas Cantigas de Santa Maria, sempre en posición de rima (CSM 5.75, 25.43, 245.51, 265.75, 296.28).

  • 8-21

    Nobiling inverte a orde das estrofas II e III «obedecendo a uma suggestão de Diez».

  • 9-10

    Sintacticamente, é necesaria unha pausa no final do v. 9, que as anteriores edicións non introducen (gran sabor / veê-las casas...).

  • 10

    Neste verso comeza a alusión ás casas da senhor (tamén no v. 13 e 16), moi similares ás casas de Pero Garcia Burgales (véxase 203.26-28).

  • 11

    A lectura catar ala (isto é, ‘catar [a señora] alá’), mantén o texto dos manuscritos, fronte á anómala segmentación catara-la de Michaëlis (coa manutención de -l- no pronome identificador nun contexto que non é o das cantigas de amigo, véxase nota a 313.16), que xa foi corrixida por Nobiling.

  • 12-13

    Isto é: ‘Mentr’eu ouvess’o poder daquesto, de veer aquelas casas que vejo, nunca...’. A introdución da paréntese clarifica o sentido dos versos, que coa puntuación de Michaëlis fica escurecido.

  • 15

    Nótese a singular alusión a Barcelos e Faria, localidades do Norte portugués, inusual localización xeográfica do trobador e da dona.

  • 19

    É certamente inusual a crase entre unha P3 de futuro indicativo (avera, matará, pesará, seera) e /a/ átono do vocábulo seguinte, que se rexistra noutras tres pasaxes: aver’a (59.26), pesar’a (898.19) e seer’ali (1637.28). Cfr. nota a 25.3. De calquera maneira, nótese como todos os editores resolveron a crase de modo insatisfactorio: quer presentádoa cun formato pouco axeitado (Michaëlis), quer anulándoa (Nobiling, Littera).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado

    Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
    Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies:

    ConfiguraciónsAceptar