810 [= Tav 114,15]
Par Deus, senhor e meu lum’e meu ben

Par Deus, senhor e meu lum’e meu ben
e mias coitas e meu mui grand’afan
e meus cuidados, que mi coitas dan,
por mesura, dizede-m’ũa ren:
se mi queredes algun ben fazer,
se non, ja máis non vos poss’atender.
Mui fremosa, que eu por meu mal vi
sempr’, e mias coitas, por Deus, ca non al,
meu coraçon e meu ben e meu mal,
dizede-mi, por quanto vos servi,
se mi [queredes algun ben fazer,
se non, ja máis non vos poss’atender].
Mui fremosa e muit’aposta senhor,
sempre mui mansa e de bõa razon,
melhor falar de quantas outras son,
dizede-mi, das bõas a melhor,
se mi queredes algun ben fazer,
[se non, ja máis non vos poss’atender].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 814-815, V 398

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 251-252); Cunha (1999 [1945]: 113); Monteagudo (1984: 345-346 [= LPGP 718]); Littera (2016: II, 217).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 150); Braga (1878: 75); Cotarelo Valledor (1934: 201-202); Machado & Machado (1953: IV, 120).
III. Antoloxías: Varela Jácome (1953: 43-44); Arias Freixedo (2003; 672-673).

Variantes manuscritas


7 por] pre V   8 Deus] des V   13 e] om. V   14 bõa] muj boa B   16 bõas] bonas V

Variantes editoriais


1 lum’e] lume e Monteagudo   2 afan] afã Littera   7 que eu] qu’eu Monteagudo; por] per Cunha   8 sempr’e mias coitas] sempre mhas coitas Nunes, Monteagudo, Littera : sempre, myas coytas Cunha; por Deus] par Deus Monteagudo : pardês Cunha   13 Mui fremosa e muit’aposta] Muy fremosa, muyt’aposta Nunes, Cunha   14 mansa] mans’ Cunha; bõa] boa Monteagudo   16 bõas] donas Cunha

Paráfrase


(I) Por Deus, señora e miña luz e meu ben e miñas coitas e meu moi grande afán e meus pensamentos, que coitas me dan, por mesura, dicídeme unha cousa: se me queredes facer algún ben, se non, xa non vos podo atender máis.

(II) Moi fermosa, que eu por meu mal vin sempre e miñas coitas, por Deus, que non outra cousa, meu corazón e meu ben e meu mal, dicídeme, por canto vos servín, se me queredes facer algún ben, se non, xa non vos podo atender máis.

(III) Moi fermosa e moi aposta señora, sempre moi mansa e de bo xuízo e de mellor falar de cantas outras existen, dicídeme, das boas a mellor, se me queredes facer algún ben, se non, xa non vos podo atender máis.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:189)

Encontros vocálicos: 13 fremosa‿e; 14 mansa‿e

Notas


Texto
  • 1-3

    Repárese na acumulación de apelativos perifrásticos para a senhor (meu lume, meu ben, mias coitas, meu afan, meus cuidados), que se reitera nos vv. 7-10 (mui fremosa, mias coitas, meu coraçon, meu ben, meu mal; véxase nota ao v. 8).

  • 7

    A anómala crase qu’eu en Monteagudo, sen sustento nas leccións manuscritas e anómala do punto de vista métrico, converte en hipométrico o verso, ao tempo que vulnera a autonomía fonética de que.

  • 8

    En ningunha das precedentes edicións é segmentada a copulativa en sempr’e, de modo que o epíteto mui fremosa (v. 7) fica desligado de mias coitas, tamén referido á dona, igual que os apelativos do v. 9 (meu coraçon e meu ben e meu mal).

  • 13

    Nunes e Cunha omitiron a copulativa que liga fremosa e aposta por non consideraren a sinalefa fremosae.

  • 14

    A aparición de un segundo <muj> en B (vs. V), que converte o verso en hipermétrico, mostra como, especialmente nos apógrafos italianos, aparecen con certa frecuencia elementos que deben ser omitidos. Para a intromisión espuria de mui véxase B vs. A (65.1, 257.1), A vs. B (369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17), así como 812.14 ou 995.5.

  • 15

    Nótese a desconexión sintáctica do verso, onde se debe supor unha preposición de ou con de enlace: senhor ... (de) melhor falar de quantas outras son.

  • 16

    A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> de B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ (confirmada neste caso pola lección de V), o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado