I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 700 [= LPGP 319]); Littera (2016: I, 361).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 23); Machado & Machado (1949: I, 90-91); Rios Milhám (2017: I, 44).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 100-101).
5 nulh’omen] Nullomen B 11 nulh’ome] Nullome B 17 nulh’ome] Nullom̄ B
9 e pesou-lh’[o qu]e] e pesou-lh(e) [o que] Michaëlis : e pesou-lh’[u lhe] Littera 10 de lá] d’ela Michaëlis : dela Littera 11 ome] ome[n] Michaëlis : homem Littera 14 este] est’ Michaëlis, Littera 16 de lá] d’ela Michaëlis : dela Littera 17 ome] omen Michaëlis : homem Littera
(I) Moito tempo hai xa que a miña señora non ouviu nada que lle causase un fondo pesar, despois de que me fixo marchar de onde ela está, pois desde entón ninguén lle dixo outra cousa agás o que fose do seu agrado.
(II) Eu díxenlle o moito afán que o seu amor me fai sufrir, e pesoulle o que lle fun dicir; mais, desde que eu me viñen de alá, con certeza ninguén lle dixo outra cousa agás o que fose do seu agrado.
(III) Eu, que a amo máis que a min propio, fixen tal atrevemento cando lle falei deste meu mal; mais despois de que me viñen de alá, ninguén lle dixo outra cousa agás o que fose do seu agrado.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C (= Tav 160:344)
Encontros vocálicos: 14 este‿atreviment[o]
Nótese a variación omen ~ ome no refrán –apagada na edición de Michaëlis–, que ten a súa orixe no proceso de manutención ou desnasalamento das antigas vogais nasais, con opcións diversas conforme a cronoloxía, o territorio e/ou o texto. Cfr. nota a 27.4.
Con respecto á utilización da grafía <ll> para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.
Con Michaëlis, suprimos o salto de copia do amanuense que Littera resolve cunha proposta carente de sentido.
Canto á forma foi, é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
O sentido xeral da cantiga e mais a explícita indicación pois me fez quitar / d’u ela é dos vv. 3-4, xunto co uso da frase d’ala vin noutra cantiga do mesmo trobador (45.6), indican que de lá é a interpretación correcta da secuencia <dela> neste verso e mais no v. 16, face ao texto dos editores anteriores (d’ela ~ dela).
A preposición a non existe na expresión amar máis ca mi(n)/sí (nen al), moi frecuente no corpus trobadoresco (102.17, 140.8 e 10, 200.5, 215.16 etc.), a pesar de, aparentemente, o pronome tónico esixir a presenza do enlace. Neste sentido, téñase en conta que os pronomes persoais tónicos poden aparecer sen preposición en numerosas pasaxes trobadorescas (véxase Glosario, s.v. mí, func. 2). Véxase nota a 861.14. Cfr. nota a 177.22 e 243.16.
Por outra parte, a ausencia dunha sílaba no verso vén indicada pola medida e pola necesidade dun CD, que reintegramos para resolver o lapso de copia, que responde á omisión dun elemento nun contexto de igualdade de dous grafemas contiguos.
Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.