818 [= Tav 154,4]
Coitada sejo no meu coraçon

Coitada sejo no meu coraçon
por meu amigo, [que] diz ca se quer
ir d’aqui, e, se [o] ora fezer,
pesar-mi-á muito, se Deus mi perdon,
porque sei ben que as gentes diran
que, se morrer, por mí morre de pran.
E que me non pesass’a mí por al,
pesar-mi-á [én] muito por ũa ren:
porque mi diz ca mi quer mui gran ben;
mais vedes ora de que m’é gran mal:
porque sei ben [que as gentes diran
que, se morrer, por mí morre de pran],
ca pola gran coita que sofr[ere]i
non dou eu ren, ca, se coita sofrer,
des que s’el for non poderei viver;
mais temo ja qual pesar averei
porque sei ben [que as gentes diran
que, se morrer, por mí morre de pran].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 821, V 406

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 205-206); Majorano (1979: 119 [= LPGP 966]); Cohen (2003: 277); Littera (2016: II, 515).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 152); Braga (1878: 76-77); Machado & Machado (1953: IV, 131).

Variantes manuscritas


2 quer] q̄* B   6 morrer] moirer B; morre] moire B   14 se coita] sse eu coyta BV

Variantes editoriais


En Littera o refrán é constituído por tres versos, pois incorpora ao retrouso o v. 4 das cobras.

2 por meu amigo, [que] diz] por[que] meu amigo diz Nunes, Cohen, Littera   3 se [o] ora fezer] se ora [o] fezer Nunes, Majorano, Cohen   7 E que] E[n] que Nunes, Majorano   8 pesar-mi-á [én]] pesar m’ ia Cohen, Littera   13 sofr[ere]i] sofr[o] i Nunes : soffr’[eu] i Majorano   14 se coita] se eu coita Nunes, Majorano   16 averei] avere’ y Majorano

Paráfrase


(I) Estou triste no meu corazón por meu amigo, que di que se quere ir de aquí, e, se agora o fai, pesarame moito, así Deus me perdoe, porque sei ben que a xente dirá que, se morre, con certeza morre por min.

(II) Aínda que non me pesase a min por outra cousa, pesarame moito iso por isto: porque me dixo que me amaba moito; mais vedes agora o que me fai moito mal: porque sei ben que a xente dirá que, se morre, con certeza morre por min, (III) que pola coita que hei de sufrir non dou nada, pois, se sufro, desde que el se vaia non poderei vivir; mais temo o pesar que terei porque sei ben que a xente dirá que, se morre, con certeza morre por min.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:236)

Encontros vocálicos: 4 -mi͜-á; 8 -mi͜

Notas


Texto
  • 1

    A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sĕdēre neste tempo (sĕdĕō, sĕdes etc.), compite desvantaxosamente cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> sõo, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).

  • 2

    Para resolvermos a sintaxe e a medida do verso, optamos pola reintegración proposta na edición de Majorano porque permite manter o acento na 4ª sílaba do verso.

  • 3

    En face da reintegración do pronome o realizada en Nunes, Majorano e Cohen (se ora [o] fezer), propomos unha interpolación do pronome (xa en Littera) en liña coa práctica habitual dos trobadores e máis aínda considerando a alta probabilidade de lapso de copia por contigüidade: se [o] ora fezer.

  • 7

    Ao longo do corpus das cantigas profanas detéctase a aparición dunha locución e que de carácter concesivo (‘aínda que’), ás veces emendada polos editores para en que (ou segmentada por medio da puntuación) por ser infrecuente no período medieval: se poderia de vós aver ben, / e que fezes[s]’eu i pesar a quen / vós sabedes no vosso coraçon / que vos fez el muitas vezes pesar (402.6); quand’aqui chegar, / e que lh’eu falar non quiser, / muito terrá que baratou / mal porque tan muito tardou (729.4); pois m’el ben quer, e que lh’eu faça mal, / que faria se lh’eu fezesse ben? (743.5); E que mi queirades valer, / ..., / ben sei eu, se Deus mi perdon: / ... (885.6); e des oimais, quer se queixe, quer non, / e que se queixe, non mi pode dar / maior afan (1128.12).
    En calquera caso, a existencia desa locución é confirmada polo seu uso noutras obras afastadas territorial e cronoloxicamente das cantigas: E que [ed.: E, que] vos eu quisesse contar como el rei dom Rodrigo era vestido e da sua nobreza, certo eu nõ saberia dizer cõ verdade (Crónica Geral de Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: 330); e que o fosse, foy-o de hũu mui nobre rrei (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; ed. Macchi 2004: 255).

  • 8

    A grafía <mha> de BV contradí a interpretación pesar-m’-ia que realiza Cohen (e Littera) para restaurar a isometría, que require reintegrar o pronome én: que lhi non pes én, 36.7; e máis temi / de vos pesar én, 46.18; se vos én pesar, 90.8; con medo de vos pesar én, 135.4 etc.

  • 14

    Do punto de vista da métrica regular, este verso presenta problemas de medida, por canto non é posíbel a sinalefa *seeu (véxase Ferreiro 2013b). É por isto que se debe expunxir o pronome eu (conservado na edición de Nunes e de Majorano), que con frecuencia aparece espuriamente introducida no texto: así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

  • 16

    A segmentación de Majorano (avere’ y) non é necesaria e resulta artificiosa no verso.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado